A ASOCIACIÓN CULTURAL O BALUEIRO VAI PRESENTAR O NOVO XORNAL LOCAL “O BALUEIRO”
• O acto de presentación terá lugar o venres, 15 de maio, ás 20:00 horas no Centro Cultural da Guarda
• A publicación, impulsada por María Salinas e Alberto Carreira, busca preservar a memoria, as historias e a identidade guardesa a través do papel
Infogauda/A Guarda
O Centro Cultural da Guarda acollerá este venres, 15 de maio, ás 20:00 horas, a presentación oficial de O Balueiro, un novo xornal local creado por María Salinas García e Alberto Carreira, fundadores da Asociación Cultural “O Balueiro”.
Este novo medio informativo nace coa intención de converterse nun espazo de encontro, memoria e divulgación da historia, das curiosidades e das vivencias da vila guardesa. A publicación contará inicialmente cunha periodicidade quincenal e estará centrada integramente na información local da Guarda.
María Salinas, natural da Guarda, regresou hai uns anos á súa vila natal e, xunto ao seu marido Alberto Carreira, decidiu impulsar este proxecto cultural coa vontade de “facer algo pola súa terriña”, apostando por un formato físico e perdurable fronte ao carácter efémero das redes sociais. O obxectivo é deixar unha pequena pegada que contribúa á vida social e cultural da vila.
O xornal incluirá entrevistas, reportaxes, historias de vida, lembranzas e información de actualidade, dando protagonismo ás persoas e á identidade guardesa. Entre as seccións que conformarán O Balueiro destacan “Tómate un café conmigo”, onde as persoas veciñas poderán compartir a súa historia e vinculación coa Guarda; “Anécdotas deportivas”; “Maletas de sueños”, dedicada ás experiencias da emigración; “Eco dos castros”, centrada no patrimonio arqueolóxico do Monte Santa Trega; ou “Tinteiro”, un espazo literario no que se irá construíndo unha historia por capítulos escrita por un guardés recoñecido co premio Xosé Neira Vilas.
A publicación tamén contará con seccións como “Feridas”, adicada á memoria histórica da vila; espazos de “Actualidade” e “Deportes”; así como páxinas abertas á participación das asociacións locais e das distintas formacións políticas para compartir iniciativas e información de interese para a veciñanza.
Outro dos espazos singulares do xornal estará dedicado ás bandas mariñeiras da Guarda, recollendo en cada número a historia, costumes e peculiaridades de cada unha delas. Ademais, O Balueiro incluirá unha axenda cultural, pasatempos e o particular “Horroróscopo”, unha sección en clave de humor pensada para o entretemento dos lectores e lectoras.
Durante o acto de presentación deste venres, os asistentes poderán coñecer de primeira man máis detalles sobre esta iniciativa e recibirán tamén un pequeno agasallo simplemente por asistir ao evento.
Paralelamente, desde a Asociación Cultural “O Balueiro” trabállase xa noutras iniciativas sociais e culturais como clubes de lectura, talleres de educación emocional para nenos e adolescentes, así como charlas e coloquios con artistas e autores. A asociación atópase tamén desenvolvendo unha páxina web e xa conta cun perfil en Facebook para informar á cidadanía sobre todas as súas actividades e novidades.

Ningún comentario:
Publicar un comentario