ORMALUGA CUALIFICAMOS DE “DECEPCIONANTE” A RESPOSTA DO CONCELLO DE CANGAS ANTE OS VERTIDOS FECAIS Á RÍA DE ALDÁN
Ignacio Carballal Miñán*
A Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica (Ormaluga) cualifica de “decepcionante” a reunión mantida este xoves co Concello de Cangas para abordar a problemática dos vertidos fecais á ría de Aldán, unha situación que xa provocou a perda de categoría A das augas e que ameaza directamente a viabilidade do sector da navalla.
Sen presenza da Alcaldesa, que se comprometera a participar, nin dun representante da UTE, a impresión coa que o sector da navalla saímos do concello foi unánime: só serviu para constatar unha preocupante falta de dilixencia e capacidade executiva por parte da administración local que coñece desde hai anos a orixe do problema sen que adoptasen medidas proporcionadas á súa gravidade. Esta conclusión fundaméntase en situacións concretas expostas polo propio concelleiro responsable do saneamento, e que só podemos tildar de surrealistas. Un exemplo é o vertido do caudal excedente dun pozo de barrena particular á rede de fecais, aportando un caudal excesivo que contribúe ao seu desbordamento; ou pluviais de multitude de inmobles tamén conectadas á rede que o colectivo e Augas Limpas, tamén presente na xuntanza, trasladou ao Concello en múltiples ocasións. Son situacións fronte ás que o Concello evita adoptar medidas coercitivas ou sancionadoras, o que para nós constitúe unha flagrante deixadez de funcións.
Esta falta de actuación resulta especialmente grave nunha ría singular en Galicia: é a única que depende unicamente dun concello. Por iso, consideramos que o Concello de Cangas é o principal responsable tanto da ausencia de solucións efectivas como da falta de liderado institucional para esixir responsabilidades á Xunta de Galicia ou á UTE concesionaria do servizo. Denunciamos que, corporación tras corporación, as actuacións limitáronse á aplicación de medidas parciais e paliativas, sen afrontar o problema estrutural do saneamento. Resulta especialmente preocupante que, tras as analíticas negativas rexistradas xa no pasado mes de novembro —e que derivaron na rebaixa de categoría das augas—, non se activasen solucións urxentes até este tramo final da lexislatura. Igualmente significativo é que o Concello non solicitase até o pasado verán as auditorías anuais ás que a UTE está obrigada contractualmente, segundo nos informaron na reunión. Así mesmo, lonxe de presentarnos nesa xuntanza un plan de actuacións priorizado, calendarizado e acompañado de compromiso orzamentario, limitáronse a expoñer as recomendacións recollidas na auditoría de infiltracións elaborada pola propia concesionaria e da que o Concello dispón desde o pasado outono.
Parécenos inaceptable que, despois de preto de medio ano con ese documento enriba da mesa, a maior parte das actuacións de urxencia continúen sen contar sequera cun preproxecto técnico. Segundo informou o propio Concello, non foi até hai apenas unhas semanas cando se solicitou á UTE a redacción destes preproxectos, paso imprescindible para iniciar a tramitación e eventual execución das obras. Falamos, polo tanto, de meses perdidos mentres o sector da navalla asistía á degradación sanitaria das súas zonas de traballo por episodios recorrentes de contaminación por E. coli asociados aos períodos de choiva.
Se ben a reunión rematou co compromiso municipal de instar á UTE a acelerar a elaboración dos preproxectos pendentes, non obtivemos un compromiso político claro para executar as actuacións recollidas na súa propia auditoría. Referímonos exclusivamente, ás intervencións de menor custo económico, cun importe aproximado duns 160.000 euros, unha contía perfectamente asumible para unha administración que presume de contar con remanentes nas súas arcas públicas. Para Ormaluga, o único resultado claro desta reunión foi constatar que existe un risco evidente de chegar novamente ao outono sen solucións efectivas.
Desde Ormaluga somos conscientes de que o problema do saneamento en Cangas é histórico e de que existen responsabilidades compartidas entre distintas administracións. Mais o que resulta incomprensible é que un goberno que reivindica o seu compromiso cos sectores produtivos e co medio ambiente continúe sen actuar coa urxencia e determinación que require unha situación que pon en risco o futuro dun sector produtivo formado maioritariamente por pequenos produtores.
Pola nosa parte, manterémonos vixiantes ante o cumprimento dos compromisos adquiridos e valoraremos, en paralelo, a adopción doutras vías de denuncia institucional, entre elas acudir ao Valedor do Pobo ou trasladar esta situación ás institucións europeas. Cómpre lembrar que a Comisión Europea xa levou ao Estado español á xustiza por graves deficiencias na xestión das augas residuais en numerosos municipios. Á vista da situación actual, consideramos que Cangas segue a sumar papeletas para formar parte desta lista.
Mentres tanto, a nosa preocupación segue intacta. Todo apunta a que, un ano máis, o incremento poboacional do verán ou a chegada das choivas no outono volverán poñer en evidencia o colapso dunha rede de saneamento que leva demasiado tempo sen solucións reais. A veciñanza de Aldán e os distinguidos visitantes da ría terán que convivir un verán máis con restos fecais flotando nas zonas de baño. E os navalleiros teremos que seguir sufrindo as consecuencias da rebaixa da categoría A a B nas nosas zonas de traballo.
* Presidente Ormaluga – OPP 98

Ningún comentario:
Publicar un comentario