Os ‘Venres Rebuldeiros’ regresan cun Nadal cheo de arte e aprendizaxe en inglés
• O 20 de decembro a artista británica Esther Moe, guiará paso a paso unha clase de pintura navideña para público familiar
Infogauda / O Rosal
Creatividade e idiomas mestúranse este Nadal no Rosal. O Concello pon en marcha unha nova sesión dos seus ‘Venres Rebuldeiros’, nesta ocasión cunha actividade que busca espertar a imaxinación de cativada e maiores ao tempo que desenvolve as súas capacidades lingüísticas.
Será cun obradoiro dirixido pola artista británica Esther Moe Dowson, que o vindeiro 20 de decembro, ás 17.00 horas, no Centro Social Polivalente, ofrecerá unha completa experiencia de aprendizaxe artística en inglés apta para público familiar e par todos os niveis. As persoas participantes aprenderán paso a paso a crear un cadro de Nadal aplicando diversas técnicas artísticas mentres utilizan unha linguaxe clara e comprensible relacionada coa arte e co Nadal. A actividade comezará cunha demostración a cargo da artista, seguida dunha realización individual guiada de cada participante. A cita será de balde.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta “é unha oportunidade para que todos os rosaleiros e rosaleiras interesadas desenvolvan as súas capacidades artísticas mentres desfrutan dunha experiencia de inmersión lingüística en inglés natural e divertida. E facelo da man dunha recoñecida profesional como Esther Moe, cunha ampla traxectoria no campo do ensino e do arte, é un verdadeiro luxo”.
Esther Moe, veciña do Rosal dende 2007, é técnica superior en Artes Plásticas e Deseño, ademais de licenciada en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Con case 30 anos de experiencia no ensino en inglés, está especializada en traballar con nenos e nenas, ofrecendo unha metodoloxía que combina profesionalidade, creatividade e proximidade.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no Concello ben de forma presencial ou ben chamando ao teléfono 986 625 000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario