JOSÉ MANUEL VAZ CARPINTEIRA DEBUTA COMO NOVO PRESIDENTE DA AECT RIO MINHO
O director ata o momento, Roberto José Álvarez Carrero, será o novo vicedirector
Infogauda / O Baixo Miño
O Consello Coordinador da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Minho reuniuse a pasada tarde para renovar os cargos directivos do Consello Coordinador da agrupación tal e como establencen os seus estatutos.
A renovación de cargos realízase cada dous anos, sendo elexidos o director e o vicedirector de forma alterna pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Deputación de Pontevedra.
Nesta ocasión, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, asume o posto de director e, da mesma forma, Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do municipio de A Guarda, ostentará o cargo de vicedirector.
Deste xeito, José Manuel Vaz Carpinteira é agora o director do Consello Coordenador e o actual deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais e alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, o novo vicedirector. As vogalías ocupáas a alcaldesa de Ponteareas, María Nava Castro Domínguez e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Pedro Teixeira Ferreira.
José Manuel Vaz Carpinteira asegurou que “o mandato de director da AECT Río Minho que agora se inicia é unha honra e, á vez, unha responsabilidade, tendo no horizonte fortalecer os lazos de amizade que unen aos municipios dos dous lados do río Miño”.
Así, Vaz Carpinteira augurou que “será un período desafiante para aproveitar as oportunidades de financiamento do Interreg España-Portugal, impulsando proxectos determinantes para a cooperación transfronteiriza e o desenvolvemento da nosa rexión”.
Ademais, o novo director insistiu en que “aquí comungamos diariamente cos valores de Europa en canto ás relacións socioeconómicas establecidas e a AECT Río Miño será sempre unha entidade que se sitúe á vangarda da promoción de políticas de cohesión territorial no ámbito transfronteirizo”.
AECT Río Minho
A AECT Río Minho consolidouse no ano 2018, e abarca un total de 26 concellos, 10 deles no territorio luso pertencente á Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e 16 no territorio galego dentro da provincia de Pontevedra con conexión co río Miño.
A zona de actuación abrangue máis de tres mil quilómetros cadrados de superficie e 375.995 habitantes.
O seu obxectivo principal é contribuir no desenvolvemento e reforzo da cohesión económica e social do territorio que abarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario