11 de maio de 2026

PATRIMONIO

A Xunta de Galicia colabora na segunda campaña arqueolóxica nas Cíes que confirma a ocupación do Castro das Hortas desde a época castrexa ata a Idade Media 

• Grazas aos traballos desenvolvidos nas últimas semanas, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo constata a presenza dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos ás illas 

• A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do persoal do Parque Nacional, participa desde hai anos no chamado proxecto Sentinela prestando o seu apoio loxístico e técnico ao equipo investigador dentro do arquipélago


O castro de Hortas é un dos xacementos da Idade do Ferro máis coñecidos tanto pola súa situación nunha illa como pola súa impresionante localización no extremo sur da illa do Medio ou illa do Faro
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 A segunda campaña arqueolóxica no castro das Hortas, nas illas Cíes, permitiu confirmar que a ladeira na que se localizan os restos estivo ocupada desde a época castrexa ata a Idade Media. Esta é a principal conclusión dos traballos desenvolvidos no arquipélago entre finais de abril e comezos de maio polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo), coa colaboración da Xunta de Galicia.  

 Cómpre subliñar que o castro de Hortas é un dos xacementos da Idade do Ferro máis coñecidos tanto pola súa situación nunha illa como pola súa impresionante localización no extremo sur da illa do Medio ou illa do Faro, un lugar moi escarpado pero que permitía un control total das rutas marítimas.  

 En vista dos bos resultados obtidos na campaña realizada o ano pasado, propúxose para 2026 unha segunda intervención, que comezou a finais do pasado mes de abril coa roza da vexetación superficie das zonas de intervención, labores asumidos de forma directa polo persoal do Parque Nacional.  

 Unha vez levada a cabo esta primeira fase, o equipo da UVigo traballou sobre o terreo en dúas sondaxes, nas que contou co apoio loxístico e técnico do persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Na primeira delas ampliouse a acometida xa en 2025, na que se documentaran unha serie de muros e un solo, ademais doutras estruturas e a presenza de dous niveis de ocupación, datados en época tardoantiga (séculos V e VI d.C.) e outro altomedieval (séculos IX e X d.C.).  

 Segundo indican desde o grupo de investigadores da UVigo, a segunda sondaxe localizouse nunha zona na que un cambio de cota suxería a presenza dun posible pano de muralla. Durante os traballos recuperáronse varias mostras de fauna que serán estudadas polos especialistas da Universidade de León para determinar os patróns alimenticios dos habitantes do castro durante a Idade do Ferro e unha cantidade importante de cerámicas, que serán tamén analizadas no laboratorio do GEAAT no campus de Ourense.  

 Todo isto apareceu fóra dunha gran casa de época castrexa, a primeira que se constata nas illas Cíes e que supón unha proba segura da presenza dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos.  

 Por último, cómpre lembrar que a campaña se enmarca no proxecto Sentinela: Patrimonio Cultural Ameazado, financiado pola convocatoria de Proxectos de Investigación na Rede de Parques Nacionais de 2022 e apoiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Con remate previsto para xullo, o obxectivo é catalogar os bens culturais das illas do Parque Nacional e monitorear aqueles afectados por fenómenos naturais ou antrópicos. De feito, nos últimos anos tamén se levaron a cabo varias prospeccións arqueolóxicas en Ons no marco do mesmo proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario