25 de ago. de 2024

SALCIDOS (A GUARDA)

NOVO ÉXITO DA XEIRA "NOITE DE ESTRELAS E PETRÓGLIFOS"  

• Organizada pola xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, tivo lugar o pasado sábado no monte Torroso 


Vista parcial das persoas que asistiron a "Noite de estrelas e petróglifos", organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos
Fotos: Antonio Cividanes Rodríguez


Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos (A Guarda)  

 Coa Lúa en fase menguante - cunha iluminación a medianoite dun 66,3% -, vén de ter lugar unha nova edición da actividade - "Noite de estrelas e petróglifos" - organizada pola xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.  

 O evento, que contou cunha importante asistencia de público, tanto de A Guarda e súa contorna, coma de veraneantes, que chegados de diversas procedencias, gozan das súas vacacións no noso concello; deu comezo na tardiña do sábado día 24 deste mes, xunto a casa da Comunidade de Montes, sita na Subida ao Torroso.  

 A actividade - que foi presentada polo arqueoastrónomo Benito Vilas Estévez  -, iniciouse cunha breve introducción e agradecemento a cargo deste experto, membro de Árbore Arqueoloxía e Restauración, Sociedade Cooperativa Galega.   

 A pregunta deste cronistaManuel Benito Lomba Portela, secretario da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, referíu: Despois dunha mañá desapracible, na que o orballo campou as súas anchas; o mediodía, o astro rei, decidíu tomar o mando a sair, brillando no mais alto.

 Ás 20:30 horas, como estaba programado, 92 persoas reuníronse nos arredores da casa da Comunidade de Montes de Salcidos para levar a cabo a andaina nocturna, coa visita ao castro do Pico da Bandeira, mirar petróglifos no monte Torroso, e no alto deste monte, observación de estrelas.


O arqueoastrónomo Benito Vilas - no centro da imaxe -, foi, unha vez máis, o guía da actividade

 A andaina comenzou ás 20:50 horas, coa primeira parada "obrigatoria" no castro do Pico da Bandeira, onde o arqueólogo Benito Vilas, explicou os pormenores de dito castro, que é un poboado de máis de 6 hectáreas de superficie. E alí explicou as características do primeiro petróglifo.

 Despois continouse ladeira arriba, e indo pola outra vertente, onde todas as persoas asistentes tiveron oportunidade de observar un petróglifo moi reticulado, e escoitar de Benito Vilas, as explicacións oportunas ao respecto. 

 A continuación continuouse deica os petróglifos da zona de Os Campos, onde o arqueólogo informou das características dos mesmos, así como súas interpretacións.

 Despois continouse ata a cima do pico Alto do Torroso [369 metros de altitude], onde alí, nunha maravillosa noite, clara, libre de partículas en suspensión, motivado pola chuvia de pola mañá, observáronse as estrelas e planetas, e a Lúa, que saía por detrás dos montes de Portugal.  

 Nese lugar, varias persoas preguntaron polas ubicacións de varios planetas e constelacións, sendo respondidas polo arqueólogo Benito Vilas. Previamente, déuselles as persoas participantes, un pequeno refrixerio, obsequio da Comunidade de Montes de Salcidos, consistente nunhas galletas e uns zumes de varios sabores. A xente agradeceu ese detalle.

 Despois continouse monte abaixo cara o punto de partida, momento no que varias persoas emprazaron á xunta reitora da Comunidade de Montes de Salcidos a volver a repetir esa actividade en 2025, xa que as asistentes quedaron moi contentas pola experiencia vivida.

 Coñecer o patrimonio arqueolóxico e paisaxístico. As pegadas dos nosos devanceiros e súa relación co medio natural, e gozar coa observación da bóveda celeste; a Vía Láctea - todo un referente nocturno nesta estación -, o planeta Venus polo oeste; as constelacións de Aquarius, Capricornus, Sagittarius, polo sudeste; Leo, Osa Maior e Osa Menor,..., é un pracer que non ten prezo. 

 Parabéns á xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos por levar novamente a bo termo unha actividade tan interesante. E as persoas que asistiron, porque sen elas, non tería sentido organizar un evento tan grato e interesante como a "Noite de estrelas e petróglifos".

1 comentario:

  1. Ana Lomba Portelaluns, 26 agosto, 2024

    Una noche mágica. Encantada de ser una asistente de la Noche de petroglifos y Estrellas.

    ResponderEliminar