24 de ago. de 2024

A GUARDA

LEMBRANDO A RUTH MATILDA ANDERSON, NA ROMARÍA DO MONTE SANTA TREGA 

No centenario (1924-2024) da estadía na Guarda, dunha fotógrafa pioneira


Retrato de Ruth Matilda Anderson lendo no balcón da fonda. Oseira (Ourense), 7 xuño de 1925. Fotografía realizada probablemente polo seu pai Alfred Theodore Anderson.   

Arquivo The Hispanish Society

  Se a día de hoxe nos retrotraemos cen anos, e nese recuamento temporal imaxinario situámonos en 1924, vemos que gobernaba en España, como dictador, o militar Miguel Primo de Rivera y Orbaneja – que desde 1924 a 1927, ocupouse da campaña da Guerra do Rif -, e reinaba Alfonso XIII. 

 As mulleres non podían votar. O dereito ao voto das persoas de sexo feminino en España, foi recoñecido por primeira vez na Constitución de 1931, norma fundamental da IIª República. A primeira vez que votaron nunhas eleccións xerais foi nas de novembro de 1933. 

 A prensa estaba visada pola censura militar e as emisoras de radio non chegarían a Galicia, concretamente a Santiago de Compostela, ata 1933. De feito, a radio na nosa comunidade, naceu o 15 de xaneiro de 1933 da man de Unión Radio -precursora da Sociedade Española de Radiodifusión (SER)-, cunha emisión que partiu dunha antena instalada en San Domingos de Bonaval. 

 O primeiro número do xornal El Pueblo Gallego -fundado por Manuel Portela Valladares - foi publicado en Vigo, o 27 de xaneiro de 1924. 

 A Compañía Telefónica Nacional de España (CTNE) fundouse en Madrid o 19 de abril de 1924, coa participación da multinacional americana International Telephone and Telegraph Corporation (ITT), en réxime de monopolio e controlada pola burguesía financeira española. 

 No que respecta a comunicación por estrada ou por ferrocarril, Galicia atópabase moi atrasada. En troques, contaba con boas conexións co continente americano, dado que varias compañías navieiras, operaban desde os portos de A Coruña e de Vigo.  

 Naquela altura, A Guarda tiña un censo de poboación que non chegaba os 7.600 habitantes. Era alcalde do concello guardés, don Manuel Álvarez Vicente (A Cruzada – A Guarda, 24 de agosto de 1857 – A Guarda, 2 de marzo de 1936), indiano que con 29 anos de idade retornara de Puerto Rico, cunha considerable bagaxe cultural e unha excelente posición económica. É decir, todo un emigrante de éxito. Foi socio fundador e presidente do Recreo Artístico Guardés e un dos promotores da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, escritor e poeta, que volveu a ser alcalde na Segunda República, dimitindo en decembro de 1932. Por referencias orais de persoas – Manuel Domínguez Pacheco “Taxota” e Concepción Andrés García “Concha” - que o trataron, “(…) don Manuel Álvarez Vicente foi o mellor alcalde que tivo A Guarda. Con todo merecemento, unha das rúas principais da nosa vila leva seu nome (…)”.  

 Feito ese preámbulo, a fin de poder facer unha pequena comparativa entre á situación xeral de 1924 e a que coñecemos actualmente -  2024 -, e co propósito de deixar constancia dun feito que consideramos de importancia para o acervo cultural da vila de A Guarda, en particular, e de Galicia, en xeral; imos referirnos a presenza da fotógrafa Ruth Matilda Anderson (8 de setembro de 1893, Condado de Phelps (Nebraska), Estados Unidos – 20 de maio de 1983 (New York), Estados Unidos) na romaría do monte Santa Trega do ano 1924. 

 Comezaremos por indicar que en 1919, Ruth Matilda Anderson graduouse  na Escola de Fotografía de Clarence Hudson White (1871-1925) en New York, considerada como a primeira institución dos Estados Unidos en abordar a docencia da disciplina fotográfica como unha actividade artística. 


Archer Milton Huntington, con 20 anos de idade 

Arquivo The Hispanish Society

 Asemade, para situarnos no axeitado contexto, debemos indicar que o 18 de maio de 1904 Archer Milton Huntington (1870-1955) fundaba na Avenida Broadway, de Manhattan (EE.UU.), a Hispanic Society of America, unha entidade para o fomento do estudo da lingua, a literatura e a historia española e portuguesa. Na actualidade conta con 800 pinturas, 600 acuarelas, 1.000 esculturas, 6.000 obxectos decorativos, 15.000 gravados, 200.000 libros (250 deles incunables, escritos antes do ano 1500) e máis de 175.000 fotografías. Ademais, no ano 2017 foille concedido o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional. 

 En 1921 Ruth Matilda Anderson, unha nova e incipiente fotógrafa, foi contratada pola Hispanic Society of America de Nova York e ao ano seguinte foi nomeada conservadora do Departamento de Fotografía dese museo.  

 En 1924, Huntington encomendou a Ruth Matilda Anderson que documentase a vida cotiá dos galegos, que a modernidade ameazaba con facer desaparecer. A moza cumpriu con fartura, pois chegou a tomar máis de 5.000 fotografías - protagonizadas maioritariamente por mulleres -, convertendo a súa obra no traballo documental e etnográfico máis importante xamais realizado sobre Galicia, sendo - ainda a día de hoxe -, descoñecido para moitas persoas do noso País, pois apenas se coñecen unhas 500 fotografías.  

 Esta é, obviamente, unha síntese da historia da aventura da audaz e disciplinada Ruth Matilda Anderson pola Galicia dos anos 20 do pasado século.  

 Acompañada de seu pai, Ruth Matilda, de 30 anos de idade, partiu o 29 de xullo de 1924 desde os Estados Unidos a bordo do paquebote “SS Rousillon”, da Compagnie Générale Transatlantique (CGT, coñecida pola súa clientela de fala inglesa polo alcume Transat ou tamén French Line), desembarcando no porto de Vigo na mañá do 7 de agosto de 1924 - logo de efectuar unha travesía transatlántica directa, de máis de 2.861,771 millas náuticas (uns 5.300 quilómetros) - co propósito, como antes indicamos, de documentar a vida cotiá da poboación galega.  


Ruth Matilda co seu pai, Alfred Theodore Anderson   
Arquivo The Hispanish Society

 O vapor que a trouxo desde Ellis Island (New York), xunto ao seu pai Alfred Theodore Anderson  (1865-1957), que escribiría o diario da súa “expedición”, viña cargado con gran cantidade de cámaras e material fotográfico. Os dous percorrerían Galicia durante máis dun ano, ata o 28 de agosto de 1925, en coche, a pé, dacabalo e mesmo en barco, para cumprir co encargo que lle encomendaran a Ruth Matilda.  


Postal do paquebote “Rousillón”, da Compagnie Générale Transatlantique 
Fototipia: Marcel Delboy 

 Pero o seu traballo non se ía a centrar na Galicia urbana e máis coñecida, senón no universo rural, nas clases máis humildes e nos elementos máis exóticos que podía atopar para os futuros espectadores das súas fotografías, os neoiorquinos dos anos 20.  

 En Vigo – que daquela tiña uns 50.000 habitantes - comezou a súa andaina e dela deixou escrito que era unha cidade cunha gran arquitectura, de rúas anchas e bloques regulares. Hospedáronse no Hotel Moderno. No seu primeiro día xantaron caldo, camaróns, percebes, pescada frita con xudías, sobremesas e café. E logo de botar a sesta, percorreron os lugares máis soados da urbe, observando detidamente a vida na cidade vella e admirando os preciosos traxes típicos. 

 Ruth Matilda e Alfred Theodore Anderson percorreron o casco antigo vigués. Logo foron ata a vila de Cangas do Morrazo e posteriormente estiveron en dúas das romarías máis tradicionais do sur da provincia de Pontevedra: a do 16 de agosto - San Roque -, en Vigo; a da Virxe da Rocha, en Baiona; e a do monte Santa Trega, na Guarda, feito que acredita que daquela nosa romaría xa contaba con merecida sona. Dese xeito, nos cumios graníticos do Trega, nunha paisaxe prodixiosa, e cando xa podían ollarse os primeiros froitos das escavacións arqueolóxicas promovidas pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla; Ruth Matilda realizou unha das series máis interesantes que recolle no libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, de 496 páxinas,  publicado en New York pola Hispanic Society of America, en 1939, e que non se comercializou en España. De feito, a día de hoxe, continúa estando fóra dos circuítos estatais, non foi traducido e só se pode adquirir nos EEUU. 

 Tamén estiveron por Nigrán, Tui, Mondariz, Pontevedra,…, fotografando gaiteiros, casas tradicionais, hórreos e mariscadoras. Percorreron a Ría de Arousa e Santiago de Compostela, onde inmortalizaron o carro galego; Lugo, Sarria, Noia e Padrón, onde coñeceron a lareira e ás mulleres do campo; Muros, Cee e Fisterra onde fotografaron traxes de voda e xoiería tradicional da Costa da Morte; e visitaron A Coruña durante 15 días, repartidos entre novembro e decembro. 

 No xornal “Galicia” – Diario de Vigo, nº 589, correspondente ao mércores, 20 de agosto de 1924, na páxina 6, lemos a seguinte crónica, previa á celebración da romaría do monte Santa Trega, que reproducimos literalmente: 

Sociedad “Pro-Monte Santa Tecla” 

La fiesta del domingo  

El próximo día 24 tendrá lugar en el Monte de Santa Tecla, de La Guardia, la fiesta que anualmente organiza en dicho pintoresco punto la sociedad  Pro Monte Santa Tecla. 

 Se celebrará una gran romería que será amenizada por la banda de música de Tabagón, la popular charanga del renombrado Alfonso y una afinada gaita del país.  

 La nota típica de la fiesta la dará el laureado coro gallego “Queixumes d´os pinos”, de Lavadores, que dejará oír los más “enxebres” números de un vasto repertorio.

 En la ermita de la Santa se celebrará una misa cantada.

 Después saldrá la procesión, subiendo hasta el “Facho”, acompañada de las bandas. 

Durante el recorrido se disparará gran profusión de cohetes, quemándose artísticos “munifates”. 

 Por el hermoso panorama que se divisa desde el Monte y por encontrarse en el mismo las construcciones de la antiquísima “Abóbriga”, de extraordinario valor arqueológico bien vale la pena realizar el domingo un viaje a La Guardia.  

 Respecto ao parágrafo “(…) la popular charanga del renombrado Alfonso (…)”, temos que decir que á crónica refírese a don Alfonso Ulloa, relembrado músico e profesor, que ademais de impartir clases de solfexo, dirixía a Banda “La Peña”, de O Rosal.  

 Polo que respecta a estadía de Ruth Matilda Anderson na vila de A Guarda, sabemos que aconteceu o día da romaría do monte Santa Trega, que celebrouse – como así se informara oportunamente na prensa viguesa -, o domingo 24 de agosto de 1924.  


Vista de A Guarda desde o pico do Facho 
Autora: Ruth Matilda Anderson 
Arquivo The Hispanish Society

 Na devandita xornada dominical, e nese inigualábel enclave, Ruth Matilda Anderson tirou varias fotografías. Unha delas, debeu ser desde a faldra norte do pico do Facho, enfocando a parte occidental da vila e a badía con parte da súa frota pesqueira artesanal fondeada. 

 Noutra foto – tirada probablemente desde a faldra sur do Facho – pódese ollar a aba norte do pico de San Francisco - coroado cunha bandeira -, o ambiente da romaría no Piñeiral da Santa, e na contorna do púlpito ao aire libre e da ermida.  


Panorámica da romaría do monte santa Trega 
Autora: Ruth Matilda Anderson 
Arquivo The Hispanish Society

 Debeu ser un día espléndido porque ademais de toldos, hai tamén algunhas persoas con antucas para resgardarse do sol. En todo caso, a ollada de Ruth Matilda Anderson reparou na presenza de varias mozas vestidas con traxes rexionais galegos. Algunhas delas miran sorrindo deica a cámara fotográfica, e outras permanecen expectantes. Non era para menos. Unha muller – estranxeira, ademais - tirando fotos nun día de romaría tan especial! 


Mozas bailando na romaría da Guarda 
Autora: Ruth Matilda Anderson 
Arquivo The Hispanish Society

 Nesa fotografía a cal nos referimos, as mulleres – de idades heteroxéneas - son as protagonistas. Os homes e rapaces, tamén saen na fotografía, pero nun terceiro plano. Esa imaxe é todo un documento de interese etnográfico, toda vez que nela podemos ver que as mulleres visten basquiña ou saia con moito voo, mandil, blusa ou chambra, e dengue, cobrendo a cabeza cun pano craro con flocos. Tamén locen medias caladas e zapatos. Algunhas delas, levan como adorno, colar e medalla, ou colgante, tipo sapo. 

 Nesa imaxe - todo hai que decilo -, hai mozas louzás, de fermosas meixelas, collidas das mans, e vemos mulleres coa faciana curtida polo sol, probablemente por traballaren a intemperie, no agro, na beira do mar ou no monte.  

 Todo iso vén a poñer de manifesto o carácter interclasista da nosa romaría, e que o traxe tradicional feminino usábase con frecuencia, especialmente nos días grandes. E a romaría das Festas do Monte Santa Trega, era - e continúa séndoo – un dos días máis importantes para á veciñanza de A Guarda e súa contorna. 

 Segundo vemos no xornal LA INTEGRIDAD - que na súa cabeceira defínese como DIARIO CATÓLICO, e editábase en Tui -, nº 10.306, ano XXXVII, correspondente ao martes, 26 de agosto de 1924, na súa sección Crónicas regionales de nuestros corresponsales, figura unha información – que este cronista localizou incompleta - na cal logramos ler o seguinte: 

LA GUARDIA 

 De grandiosa puede calificarse la romería celebrada el domingo en nuestro histórico monte. 

 Desde el sábado todas las fondas y casas de comidas de la villa se hallaban abarrotadas de forasteros.

 A las cinco de la mañana comenzaron los romeros a subir al monte. 

 A las nueve, hora en que tenía anunciada su llegada el coro de Lavadores “Queixumes d´os pinos” ya… (…)”.  

 Temos constancia que o coro “Queixumes d´os pinos”, de Lavadores (Vigo), contaba cun amplo repertorio, no cal, entre outras obras figuraban: Cantos de Arrieiro, Foliadas, A-la-lás, Regueifas, Maruxa, Alborada de Veiga, Alborada de Rosalía de Castro, (con gaita), e o Himno Galego 

 Asemade, no xornal El Pueblo Gallego, correspondente ao xoves, 28 de agosto de 1924, na súa páxina 7, abre a sección Información Regional – De nuestros corresponsales, coa seguinte crónica:

La Guardia 

LA ROMERÍA DEL MONTE DE SANTA TECLA 

 Digna de toda ponderación ha sido la fiesta celebrada el domingo en el famoso Tecla, organizada por la Sociedad “Pro-Monte”, de esta villa, sociedad que se ha impuesto el trabajo de convertir aquella cima en uno de los miradores más atractivos de Galicia.

 Más de 5.000 almas coronaban la poética altura.

 De Vigo, Pontevedra, Tuy, Tomiño, Rosal, Portugal y de cien lugares más, subían a todas horas en grandes caravanas de automovilísticas, subían por la carretera de aquél (sic).

 Los vehículos, de todos los colores y categorías, llenaban el amplio patio que la casa forestal tiene en su frente del “Campo redondo”.

 No había arboleda ni pinar que no estuviera convertido en merendero.

 La popular música de Tabagón, la charanga del Rosal, las típicas gaitas del país y el notable coro de Lavadores amenizaban la fiesta.

 El coro de Lavadores, galantemente invitado por el presidente de la floreciente sociedad “Club de Artesanos”, antes de partir para Vigo, cantó en el salón de fiestas de la referida sociedad bonitos al-a-lás y famosas composiciones gallegas, entre las cuales descollaba la Alborada de Veiga.

 La parejita de baile del referido coro, con un arte y gracia exquisita, mereció también las alabanzas de cuantos tuvimos la satisfacción de verla.

UN ASALTO

 En obsequio a los forasteros que han venido a la fiesta, el “Club de Artesanos” dio ayer noche un animado asalto que se prolongó hasta las tres de la madrugada.

BAÑISTAS

 Este año La Guardia puede estar satisfecha por los bañistas que diariamente acuden a sus frescas playas y que invaden materialmente la población.

 Es urgente que nuestro Ayuntamiento, haciendo un esfuerzo más, emprenda cuanto antes la carretera a los baños de Aldramán y Tedorento (sic), pues con el tiempo las yodadas aguas de esta costa serán el bálsamo de infinidad de dolientes.  

                                               El Corresponsal                                          

  Para concluír, queremos facer notar que Ruth Matilda Anderson soubo apreciar – en 1924! -  a beleza da vila de A Guarda, da romaría do monte Santa Trega, e dos traxes típicos galegos que lucían varias mulleres guardesas. Agora, no centenario da súa visita á nosa vila, propoñemos que a pegada da fotógrafa e documentalista norteamericana non quede no esquecemento, deixando constancia dese feito nun lugar axeitado no monte Santa Trega.

 

                                     Ricardo Rodríguez Vicente  

                                           infogauda@yahoo.es

Agradecementos 

A Antonio Martínez Vicente e a Hispanic Society of America

Fontes consultadas 

Consello da Cultura Galega

Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia

El Pueblo Gallego

Faro de Vigo

Galicia - Diario de Vigo

Heraldo de Zamora

La Integridad

Web da Hispanic Society of America 

1 comentario: