LIPOR asesorará a Tomiño na implantación do novo modelo de xestión de residuos
• A alcaldesa asinará un convenio coa Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto (LIPOR)
• Tomiño aspira a ser o primeiro concello de Galicia en cumprir a directiva europea que obriga a reciclar o 50% dos residuos
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño está a dar pasos importantes para unha xestión máis sostible dos seus residuos urbanos. A alcaldesa asinará un convenio de colaboración de cara á implementación do novo modelo de xestión de residuos coa Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto (LIPOR), unha agrupación de concellos fundada en 1982 que xestiona, valoriza e trata máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas polo millón de habitantes dos 8 municipios que a integran (Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde).
O Concello recibiu hai uns días a visita dunha delegación encabezada polo director xeral da Lipor, Fernando Leite, para afondar nos detalles deste convenio que permitirá á entidade lusa asesorar a Tomiño na implantación do novo sistema de recollida selectiva. A delegación estaba conformada tamén pola xefa da División de Negocios Internacionais, Susana Abreu; polo xefe da División de Apoio á Implantación de Proxectos Operativos, Filipe Carneiro; e polos técnicos do departamento de Operacións e Loxística da División de Apoio á Implementación de Proxectos Operacionais, Henrique Silva e Joâo Prata.
Deste xeito, Tomiño aspira a ser o primeiro concello de Galicia en cumprir a directiva europea e a Lei estatal que obriga a reciclar como mínimo o 50% dos residuos. Neste camiño, durante o encontro, a alcaldesa Sandra González, salientou a importancia da colaboración con LIPOR “para que o concello poida afrontar os retos ambientais de presente e de futuro, implementando sistemas innovadores que mellorarán a recollida e o tratamento dos nosos residuos, optimizando o servizo, cumprindo a normativa e beneficiando dun xeito claro á nosa veciñanza”.
Esta colaboración entre Concello e LIPOR formalizarase na vindeira visita dunha delegación do Goberno local ás instalacións da agrupación, un acordo que marcará o inicio dunha nova etapa na xestión dos residuos en Tomiño. Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a economía circular vai máis alá do papel. E agora que imos a cambiar o sistema de xestión de residuos é o momento de buscar o mellor modelo posible para acadar os obxectivos que nos marcan dende Europa nesta materia e seguir ofrecendo un servizo medioambientalmente sostible e de calidade”.
O Concello de Tomiño leva traballando hai meses na formalización da súa colaboración con LIPOR, unha entidade referente a nivel europeo con persoal técnico cualificado e con moita experiencia no sector. Xa no mes de maio, unha delegación do Goberno municipal tomiñés visitou as instalacións de LIPOR e varios exemplos de concellos pioneiros, como a Câmara Municipal de Maia, unha das máis avanzadas en canto á recollida selectiva e o cumprimento dos obxectivos de reciclaxe marcados dende Europa, sendo o primeiro municipio de Portugal en implementar o sistema de recollida porta a porta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario