17 de ago. de 2024

A GUARDA

Berto Franco e Magín Picallo conflúen no camiño da arte

Expoñen na Casa dos Alonso ata o día 30 de agosto de 2024


Momento no que Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes efectuou unha salutación, na apertura da exposición de Berto Franco e Magín Picallo
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Luis Alberto Franco Lomba (Berto Franco) e Magín Xulio Picallo Durán (Picallo), son dúas persoas cun vencello amical que provén desde fai máis de medio século. 

 Berto e Magín, son, ademais, dous destacados creadores artísticos de longo percorrido. Un - o guardés -, como brillante debuxante, e seu amigo - natural de Troans (Cuntis), e residente en Goián (Tomiño), desde fai moitos anos - como inigualable escultor. 

 O vencello amical e o respecto o labor que cada un deles realiza de xeito cotián, motivaron unha magnífica exposición que desde onte 16 de agosto e ata o 30 deste mes, pódese visitar na Casa dos Alonso (praza do Reló, nº 1), na vila de A Guarda.

 Berto Franco presenta unha escolma dos seus debuxos a tinta chinesa e Magín unha selección de esculturas de mediano e pequeno formato.

 Dese xeito, as persoas que visiten a exposición atoparanse cunha boa mostra de debuxos nos que están representadas singulares obras arquitectónicas (catedrais, edificios civís, igrexas, vivendas indianas,...), destacando o maxisterio de Antonio Palacios Ramilo, entre outros arquitectos de renome.

 Atoparanse tamén co busto que representa a figura do relembrado médico e ex alcalde de A Guarda, don Hermelindo Portela Gómez, así como obras como "Peregrino e mendigo", "Angustia de nai", "Da vendima", "Prepotencia", "Maternidade", "Árabe",..., nas que o escultor reflicte en bronce, mármore ou pedra, todo o seu potencial creativo e sobor de todo, seu oficio. E faino arte, inspirándose na naturaleza e na anatomía humana, así como na propia experiencia nos camiños da vida. 


Vista parcial das obras que presenta Berto Franco
Unhas das esculturas que presenta Magín Picallo

 Na exposición conxunta de Berto Franco e Magín Picallo está unha fermosa síntese da capacidade de cada un destes dous grandes artistas. Dúas persoas que gozan do merecido recoñecemento, porque, entre outros valores que posúen, son uns seres humanos gratos e próximos, a todos os seus conxéneres, sen excepción.

 O sinxelo acto de apertura da exposición, que contou cunha benvida do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas - quen disculpou ao alcalde, que non puido asistir debido a unha indisposición -, e unhas breves intervencións de Magín Picallo - que salientou que A Guarda é a localidade do Baixo Miño onde máis se lle aprecia ao longo de toda súa andaina artística - e de Berto Franco, que agradeceu á asistencia de todas as persoas; foi unha constatación do agarimo e aprecio que se lles ten a estes dous creadores que conflúen no camiño da arte.

Exposición 

Berto Franco (debuxos) e Magín Picallo (esculturas)

Ata o 30 de agosto, na Casa dos Alonso.

Horarios de visita: de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario