8 de xul. de 2024

A GUARDA

A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira convertiuse noutro éxito durante toda a fin de semana  

Ao evento gastronómico asistiron máis de 15.000 persoas


Ese era o aspecto que ofrecía a carpa da XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda 

 Esta fin de semana celebrouse na Guarda a XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Os datos certifican o éxito desta nova edición, xa que se venderon 700kg de lagosta, a principal protagonista.   

 Durante toda a fin de semana, a asistencia de público foi espectacular, cunha carpa de 1.000m2 que por momentos, parecía quedar pequena, a pesares do seu aforo, de máis de 500 prazas. Só durante o mediodía do sábado vendéronse 270 kg de lagosta, todo un récord.  

 As ganas de comer e beber ben non quedaron só na lagosta, pois tamén se ofertaban percebes, nécoras, polbo, navallas, vieiras, cigalas, mexillóns, croquetas, empanadas, langostinos, paella,..., rosca de xema de A Guarda e os viños albariño Gran Novás e Rosal - Señorío da Torre -, de Adegas Novás.  

 Xa desde o venres, a afluencia foi enorme, pois tras o pregón do actor Luis Zahera, na praza do Reló, foron moitas as persoas que se achegaron ata a carpa situada no Portiño Novo para comezar a degustar os produtos ata medianoite.   

 O sábado arrancou co pasacalles do Trebón dos Xidos, quen pasou o testemuño a Brassica Rapa, que animaron as rúas durante a tarde. 

 Asemade, no auditorio ao aire libre san Bieito, presentouse a que será a celebración desta vindeira fin de semana: A Rosegha: unindo pobos. 

 No acto inaugural do evento - organizado pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Concello de A Guarda e Culturmar -, participaron o alcalde A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero - que deu á benvida aos tripulantes da lancha poveira do Alto "Fé em deus", de Póvoa de Varzim - e Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro, que ademais de ofrecer unha explicación do significado do vocábulo rosegha, tivo unha lembranza para o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, que por motivos de saúde, non puido estar presente, si ben, como dixo Cadilla Castro, "(...) estivo connosco nas diferentes actividades realizadas previamente en Esposende, Póvoa de Varzim,... (...)". 

 Ademais de Brassica Rapa, grupo feminino de metais, que abríu o acto, poñendo as notas musicais e a simpatía das súas integrantes, tamén intervíu o grupo folclórico Vento Mareiro, cuxas compoñentes, ademais de cantaren, executaron varios bailes tradicionais.

 Finalmente, co respectable público posto en pé, a gaiteira máis internacional de Camposancos (A Guarda), Nadia Vázquez Martínez, interpretou o Himno de Portugal e a continuación o Himno de Galicia, que foi coreado por moitas persoas.


Momento da entrevista ao alcalde de A Guarda, na primeira parte do programa Aquí Portugal, emitido desde o porto guardés

O volanteiro Piueiro dirixíndose a bocana do porto guardés nunha das saídas de navegación pola costa de A Guarda

 Continuando co resumo da XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, o domingo, o grupo de gaitas A Boalleira, de A Gándara, encargouse de comezar o día co seu pasacalles. Pouco despois, o programa Aquí Portugal arrancou a súa emisión simultánea na RTP - Rádio e Televisão de Portugal, e na TVG (Televisión de Galicia) para dar a coñecer a historia, gastronomía, paisaxes, cultura e deporte da nosa vila. Xa pola tarde, o grupo Broken Peach cautivou ao público coa súa actuación a carón da carpa.  

 Os restauradores e traballadores da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira recoñecen a asistencia récord desta edición, pola que o equipod e goberno do Concello de A Guarda calcula que pasaron unhas 15.000 persoas procedentes tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas e tamén de Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario