22 de xuño de 2025

A GUARDA

RADIANTE CELEBRACIÓN DO DÍA DO SEÑOR  

• Con vistosas alfombras de frores e de sal, feitas con primor por mulleres, homes e nenos


Vista da alfombra da praza do Reló
Fotos: Infogauda
Vista parcial da alfombra realizada na praza de Ignacio Sobrino (antigamente praza da Fariña)
Vista dunha das alfombras realizadas na rúa Hernán Cortés
Vista parcial doutro tramo alfombrado da rúa Hernán Cortés
Vista da alfombra da praza de José María Lomba (antigamente O Terrado)
Vista da alfombra da rúa Malteses na zona do varadoiro
Alfombra realizada con sal mariña
Vista do comezo da alfombra do 1º tramo da rúa Concepción Arenal
Vista panorámica da alfombra do 1º tramo da rúa Concepción Arenal
Vista parcial da alfombra do 2º tramo da rúa Coneepción Arenal
Vista parcial da alfombra do 3º tramo da rúa Coneepción Arenal
   Lembranza de gratitude a Carmen Alonso Riego
Alfombra na rúa Brasilino Álvarez, en solidariedade co pobo palestino


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda   

 A celebración do Corpus Christi, na vila de A Guarda, e unha conmemoración cuxa devoción provén de tempos moi antigos, como o acreditan os documentos da Confraría do Santísimo Sacramento.   

 O Día do Señor - como adoitan decir ás persoas vencelladas ao traballo no mar - é máis que unha data variable no calendario, debido a que se trata dunha celebración do ciclo de Pascua. De feito, na comunidade guardesa existe, desde épocas inmemoriais, un vencello moi importante coa festividade do Corpus Christi. De tal xeito, que antigamente a figura da custodia - obxecto de ouro ou prata no que se expón a hostia consagrada á adoración dos fieis -, estaba representada nalgunhas portas de acceso as vivendas tradicionais dos pescadores, e mesmo na proa das gamelas, como símbolo de protección dos moradores das casas de familias mariñeiras e dos tripulantes desas embarcacións de pesca de baixura, que outrora foron tan importantes na frota artesanal de A Guarda.  

 Custodia, de gran tamaño, e de moitos anos de antigüidade, a que vén de ser restaurada, e que foi instalada, como é tradición, no Muelle Alto, do peirao guardés.  


Custodía instalada no Muelle Alto

 A devoción ao Santísimo arraigou de tal xeito, que desde fai moitas décadas á veciñanza vénse esmerando na organización (deseño, loxística, recolección, transporte e debullado dos materiais vexetais) e realización das alfombras de flores e de sal, na honra, precisamente de Cristo sacramentado.    

 É un labor que non se cingue tan soio a unhas semanas previas á festividade, xa que hai materiais que polas súas características deben recollerse cando é o momento propicio. Nalgún caso en concreto, entre decembro e abril. Iso conleva estar en modo activo para ir a procura dese producto, recolléndoo en días sen choiva,…, e adicarlle os coidados necesarios para evitar que se estrague. Todo iso, require dispoñer de medios humanos e de transporte, así como espazos axeitados onde gardalos.

 Coa chegada da primavera a biodiversidade da nosa contorna, e por extensión de toda Galicia, ofrécenos moitas posibilidades, ainda que non todos os anos se dan as mesmas circunstancias. Neste 2026, por exemplo, unha das plantas - neste caso de xardín - cuxas flores máis renden están no seu punto de floración. Na edición precedente estivo atrasada. Procurar outras flores alternativas, como por exemplo caraveis, conleva un considerable esforzo pecuniario.   

 Pero non soio hai moito traballo coa recollida das flores, senón que previamente hai que facer acopio do “verde”, dito así, xenéricamente, ainda que obviamente existen varios tipos.   

 En todo isto, un dos factores fundamentais é a man de obra. Non abundan persoas que aporten - altruísta e xenerosamente -, cada día, parte do seu tempo existencial. O relevo xeneracional, especialmente no que respecta aos traballos previos ao día D, ainda non está totalmente garantido. Temos que reiterar que todas as mans son poucas.    

 Por iso, confeccionar as alfombras de flores e de sal é - fundamentalmente - unha expresión de amor e de devoción ao Santísimo. E naqueles casos de persoas non crentes, a actitude é de admiración.     

 Non nos cansaremos de decir que teñen moitísimo mérito todas as persoas (nenas/os, mozas/os, mulleres e homes) que co seu esforzo e dedicación fan posible que a celebración do Santísimo Sacramento teña a beleza e a brillantez que se merece unha data tan especial.

 Árnica - cada vez menos abondosa nalgunhas zonas onde fai anos súa presenza era importante -, bagas de xesta, buxo, carozos de espiga de millo, follas de mimosa, cortiza de piñeiro, palla de centeo e de trigo, po de pionas de eucalipto, pampullos, tuia, hortensias, caraveis, flores de carrasca,..., son, entre outros – como o arroz, borros de café, labras de madeira, sal mariña,...-. os ingredientes que contribúen a dar cor a unhas obras que din moito, e ben, da calidade humana das persoas que as fixeron posible. E eiquí hai que valorar moi positivamente, tanto as persoas que foron as recoller os materiais, como as familias que nalgúns casos, os aportaron desinteresadamente. Son xestos que teñen moito valor.   

 Temos que salientar que este ano tamén foi realizada satisfactoriamente a alfombra de sal da Ribeira, na que se empregaron máis de 16 quintais de sal mariña grosa, que oportunamente foi tinguida de vivas cores.

 No referente aos motivos ornamentais das alfombras houbo moita variedade temática (criaturas mariñas, deseños xeométricos, motivos vexetais, pombas, vitrais,...). 

 Nesta edición mesmo houbo unha lembranza de gratitude a Carmen Alonso Riego. Asemade, persoas do Colectivo de Solidariedade con Palestina do Baixo Miño, realizaron unha alfombra en solidariedade co pobo de Gaza (Palestina), nun tramo da rúa Brasilino Álvarez Sobrino.

 Por outra banda, para realizar os diferentes tramos de alfombras, tendo en conta que á celebración eucarística comezou ás 17:30 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, houbo que axustar o cronograma a esa circunstancia. Por iso, a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, deu as indicacións oportunas, respecto a hora de comezo do traballo de pintado dos deseños e de execución das alfombras.    

 Dese xeito, veciños e visitantes puidemos presenciar o proceso de realización das alfombras - e mesmo colaborar na súa materialización - e logo ter tempo para a súa contemplación devagar, así como para a participación - quen así o desexou - na celebración eucarística e na posterior procesión, organizadas pola parroquia de Santa María de A Guarda.   


Vista da procesión do Santísimo

A banda de música da Agrupación  Musical de A Guarda tamén participou na celebración eclesiástica

 A verdade é que ten moitísimo mérito todo canto lograron facer as nenas/os, mulleres e homes, de todas as idades, que con seu traballo na honra do Santísimo Sacramento, permitíronnos un desfrute colectivo da arte efémera e popular, entendida esta, como a xurdida do propio pobo.   

 É unha verdadeira satisfacción constatar, un ano máis, que grazas ao traballo de decenas de persoas, A Guarda brillase novamente na celebración do Día do Señor, e que milleiros de visitantes de diversas procedencias se achegasen a nosa vila e gozasen coas cores que a natureza nos brinda de xeito totalmente gratuíto, e coas creacións artísticas dos diferentes deseñadores.   

 Temos pois, moitas razóns para sentirnos ledos, con todo o que logra mobilizar á celebración da festividade do Santísimo Sacramento na nosa vila, na que incluso os peregrinos que na xornada de hoxe estaban realizando a inigualable ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa quedaron gratamente sorprendidos por este evento.

 Finalmente, temos que decir que logo da celebración eucarística na igrexa parroquial, saíu a solemne procesión, que percorreu o itinerario acostumado. Nela participaron o párroco Juan José González Estévez, acompañado do padre Vidal, da comunidade dos PP. Somascos, e doutro sacerdote - cuxa identidade descoñecemos -, así como do diácono permanente, José María Fernández Carrera; membros da sección da Adoración Nocturna, de A Guarda; o alcalde - flanqueado por dous maceiros da Deputación de Pontevedra - e membros da corporación municipal de A Guarda; representantes da Comandancia Naval do Miño; nenas/os que fixeron súa primeira comuñón, membros das diversas confrarías relixiosas, representantes de varios colectivos da localidade, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, e moitas persoas da nosa vila e súa contorna, e tamén procentes de diversas localidades do Alto Minho.   

 Como en edicións precedentes, no percorrido procesional, un grupo de coralistas cantou varios motetes e no intre de alzar a custodia co Santísimo Sacramento, a banda de música interpretou, alternativamente, o Himno de España e o Himno Galego.    

 Rematada á procesión, unha activa brigada de persoal municipal, procedeu á recoller todo o material empregado nas alfombras florais e de sal, que tantas - e merecidas - loanzas recibiron.   

 Parabens a todas as persoas que fixeron realidade as alfombras do Santísimo na vila de A Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario