29 de xuño de 2024

A GUARDA

VOCÁBULOS MARIÑEIROS AUSENTES NO DICIONARIO DA RAG 


Piueiro
Fotos: Santiago Baz Lomba
Rosegha


Ricardo Rodríguez Vicente 

 Na memoria e na práctica cotiá das xentes do mar de Galicia hai toda unha Cultura relacionada cos labores das  mulleres e homes que desde tempos moi antigos, viviron - e viven - de cara a ese medio natural. De tal xeito, que esa milenaria relación deu lugar a todo un mundo de palabras ou vocábulos que mália ao recuar da actividade extractiva continúan milagrosamente vivas na fala dos mariñeiros, en xeral, e no caso que nos ocupa, dos pescadores guardeses, en particular. 

 Levamos algúns anos observando como as dinámicas e os procedementos pesqueiros mudaron de tal xeito, que semella que todos andamos con présa. Tanto é así, que as veces parece que somos moi permeables ao alleo – léase anglicismos, galicismos,… - que sen vir a conto algún – mesmo dende as Administracións públicas (Xunta de Galicia, deputacións provinciais, concellos,…) – adoitan doadamente, sen ningún tipo de rubor - e sen que ninguén lles esixa democrática e políticamente, a correspondente responsabilidade -, cando temos un vocabulario de noso, que debera prevalecer por riba de calquer estranxeirismo innecesario. Non é preciso que citemos ningunha verba, porque todo o mundo sabe que desde fai décadas vimos aturando – en xeral – esa invasión na que a maioría da cidadanía semella non decir siquera esta boca é miña e non estou de acordo con tal cousa. 

 Fronte a esa realidade que nos atinxe a todos, semella que algunas institucións non teñen nin a máis mínima preocupación por tentar correxir esa deriva. Para os seus representantes – xeralmente ben retribuídos a costa da cidadanía -, non debe existir problema algún. Este cronista, modestamente, considera que sí temos un problema: admitimos barbarismos e non poñemos en valor o noso. 

 Fronte a esa realidade, na que seguramente non deixarán de existir actores que a poñan en dúbida, hai – en boa hora – entidades que dende súa fundación están realizando un labor de recuperación e posta en valor de vocábulos que de non evitarse, algún día non moi lonxano deixarían de existir na cultura mariñeira. Referímonos a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)) e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entre outras. Grazas as persoas que integran esas dignísimas entidades asociativas, sabemos o significado de verbas como piueiro, rosegha,..., e a utilidade práctica deses artefactos creados polos pescadores. E iso debera motivar que unha institución como a Real Academia Galega - cuxa andaina constitutiva tivo lugar o 4 de setembro de 1905 – tomase boa nota, e no menor prazo de tempo posible o Seminario de Lexicografía da RAG,  procedese a efectuar un traballo de campo de recolleita de palabras que ainda subsisten na fala da xente do mar galego, e a continuación fosen incorporadas ao Dicionario da Real Academia Galega. 

 Coidamos que a nosa proposta non conlevará un custe significativo, nin pecuniario, nin técnico. Somos da opinión que é máis ben, unha cuestión de vontade. É esa facultade non debera botarse en falla, nin a nivel académico nin a outros niveis. 

 Temos confianza que estas reflexións van a ser tidas en conta nalgún momento. Como mortais que somos, persoalmente gustaríanos que fose máis cedo que tarde. Cada día que pasa sen que actuemos en consecuencia, podemos cualificalo como un día perdido. E deses xa contabilizamos milleiros.

 As palabras, vocábulos, nomes,…, de cada un dos útiles etnográficos relacionados coa actividade productiva – agrícola, artesanal, fluvial, marítima,…-, como tamén os topónimos e microtopónimos, son alfaias de moito valor. Por conseguinte, deberíamos poñer todo noso entusiasmo en procurar consolidar ese patrimonio que herdamos dos noso devanceiros. 

 Que a curto prazo non teñamos que seguer botando en falla no Diccionario da RAG, vocábulos de noso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario