24 de xuño de 2024

A GUARDA

Piueiro difunde o legado marítimo guardés cunha gran festa en terra e mar na que participan asociacións de Galicia e Portugal

• A asociación cultural de embarcacións tradicionais enxalza a tradición marítima da Guarda cunha celebración que terá lugar do 12 ao 14 de xullo. 

• Embarcacións de Portugal e doutras localidades galegas participan no evento que conta co apoio do Concello, da Deputación de Pontevedra e de Culturea.


O volanteiro "Piueiro" entrando na badía de A Guarda

Mar Bermúdez / A Guarda 

 A Guarda acollerá o próximo mes de xullo durante tres días a primeira edición da Rosegha, un evento organizado pola Asociación Piueiro que xorde coa ambición de converterse nunha festa para a preservación e promoción da cultura mariñeira local. Baixo o lema "Unindo Pobos", A Rosegha, que se presentará de forma oficial o próximo 6 de xullo no marco da Festa dá Lagosta, ofrecerá a veciños e visitantes un amplo programa de actividades que celebran o recoñecemento da herdanza das xentes do mar da Guarda.  

 Conferencias, exposicións, concertos e actividades infantís conforman o atractivo menú da Rosegha, cuxo obxectivo é insistir na importancia do patrimonio marítimo na identidade  galega, facilitando para iso un espazo de encontro, aprendizaxe e celebración.  

 A través da colaboración de diferentes asociacións culturais, grupos de música tradicional e expertos en patrimonio marítimo, a festa organizada por Piueiro pretende unir á comunidade ao redor da riqueza da cultura mariñeira guardesa, garantindo a súa transmisión a futuras xeracións. 

Que é unha rosegha

 A celebración leva o nome dunha palabra - rosegha - moi popular no ambiente mariñeiro guardés xa que se trata dun artefacto utilizado para recuperar aparellos de pesca perdidos no mar. Este dispositivo é empregado para enganchar e recuperar redes, nasas ou outros equipos que quedasen atrapados no fondo mariño ou se perderon durante as faenas de pesca. É unha ferramenta importante para minimizar as perdas económicas e reducir o impacto ambiental dos aparellos abandonados no mar. 

Programa de actividades 

Sábado, 6 de xullo 

Praza de San Benito 20:30 h: Acto inaugural no marco da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, coa participación da recoñecida gaiteira Nadia Vázquez. Este evento de apertura contará tamén coa actuación da Asociación Folclórica Vento Mareiro, que deleitará aos asistentes co seu repertorio de música e danza tradicional. 

Venres, 12 de xullo 

No porto da Guarda. 

19:00 h: Pasacalles do Grupo de Gaitas do Club de Xubilados e Pensionistas da Guarda, enchendo as rúas de música tradicional e alegría. 

22:00 h: Serán na carpa do porto, unha noite de música, baile e convivencia para todos os asistentes. 

 Durante todo o día, poderase gozar de navegación de embarcacións tradicionais, suxeitas ás condicións meteorolóxicas, e dunha exposición fotográfica de embarcacións tradicionais no paseo marítimo, ofrecendo unha mirada ao pasado marítimo da rexión. 

Sábado, 13 de xullo 

No porto da Guarda. 

12:00 h: Pasacalles do grupo Trebón dos Xidos, animando o ambiente coa súa música e enerxía. 

12:30 h: Conferencia "A presenza de guardeses no norte de Portugal", a cargo da doutora Aurora Rego, na nave da Asociación de Redeiras Atalaia. 

19:00 h: Pasacalles con Treboada do Lusco o Fusco, seguido dunha actuación da charanga PatoCar. 

21:00 h: Concerto de Lirolai. na zona da carpa do porto. 

22:30 h: Concerto da gaiteira Nadia Vázquez, pechando a xornada coa súa música tradicional na zona da carpa do porto. 

Domingo, 14 de xullo 

No porto da Guarda. 

10:00 - 20:00 h: Navegación de maquetas na carpa do porto, unha actividade fascinante para todas as idades. 

12:00 h: Pasacalles do Grupo de Gaitas A Boalleira. 

12:30 h: Conferencia "D. Jose Bernardo Vaz e o mar da Guarda", a cargo de Celso Rodríguez Fariñas, na nave da Asociación de Redeiras Atalaia, ofrecendo unha profunda perspectiva sobre a historia marítima local. 

19:00 h: Pasacalles das Pandereteiras do Lusco o Fusco. 

23:00 h: Festival Robaleira Fest,  con DJ Tito e DJ Álex, poñendo o broche de ouro ao evento cunha noite de música e celebración na zona da carpa do porto. 

 Durante toda a fin de semana, desenvolveranse diversas actividades, incluíndo: 

Actividades infantís "Gameliñas" na praia da Ribeira, deseñadas para os máis pequenos, fomentando o seu interese e amor pola cultura mariñeira. 

 Artesanía mariñeira na carpa do porto, onde os visitantes poderán adquirir produtos elaborados por artesáns locais, reflectindo a tradición e a creatividade da localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario