A HISTORIA DA MESTRA ERNESTINA OTERO CENTRA O NOVO FALADOIRO DO PROXECTO “AQUÍ FALTAN PÁXINAS” EN REDONDELA
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá este xoves 10 de agosto ás 20:00 horas á charla que ofrecerán Manuel Puga Pereira e Montse Fajardo, na Alameda Castelao
Infogauda / Redondela
A historia da mestra redondelá Ernestina Otero protagoniza este mes de agosto o programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”, un ciclo de relatos sonoros e conferencias que nace da colaboración da institución provincial con O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias. Este xoves 10 de agosto, a Alameda Castelao de Redondela acollerá a partir das 20:00 horas un faladoiro sobre a docente conducido por Marián Fernández e impartido por Manuel Puga Pereira e Montse Fajardo. Ao encontro asistirá a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos.
Ernestina Otero Sestelo foi unha mestra de Redondela que traballou por mellorar a calidade da ensinanza e por estendela a unha maior porcentaxe de poboación. Firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos das mulleres, puxo en marcha iniciativas como os roupeiros e os comedores escolares para conseguir que as familias tamén enviaran as nenas á escola. A súa vida divídese entre os logros profesionais acadados durante a Segunda República e as persecucións e represalias contra ela e a súa familia durante o franquismo por causa das súas ideas.
O faladoiro estará a cargo de Manuel Puga Pereira e Montse Fajardo. Puga é autor dunha biografía sobre Ernestina Otero e posúe unha dilatada traxectoria no mundo farmacéutico e da cultura. Licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia e doutor en Ciencias, é académico da Real Academia de Farmacia de Galicia e Real Academia Nacional de Farmacia. Preside a Fundación Penzol, é vicepresidente da Editorial Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo e forma parte do padroado da Fundación Carlos Casares.
Pola súa banda, Montse Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas, aínda que a súa traxectoria profesional está vinculada ao xornalismo. O seu último libro é ‘A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira’, publicado en 2020, e en 2018 foi galardoada co II Premio de Periodismo Lueiro Rey polo seu artigo ‘O universo de Carlos’, que protagoniza un neno con autismo.
Ademais da conferencia, a historia de Ernestina Otero estará tamén dispoñible a partir do xoves no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de transmisión e no sitio web da institución provincial) e nun roteiro virtual que inclúe os lugares da provincia claves na biografía da protagonista. Entre eles, a primeira Escola Normal de Pontevedra (hoxe un dos edificios do Museo de Pontevedra) onde cursou os estudos de mestra elemental, ou a nova Escola Normal (actual Edificio Administrativo da Deputación), na que ensinou Pedagoxía, da que foi directora e onde coincidiu con Castelao.
O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario