8 de ago. de 2023

A GUARDA

 EXPOSICIÓN DE TRAXES REXIONAIS

Ata o día 11 de agosto, na Casa dos Alonso


Algúns dos traxes que se amosan na exposición
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Organizada pola Asociación pola Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda, a Casa dos Alonso acolle ata o día 11 deste mes de agosto de 2023, unha exposición de traxes rexionais, que pode visitarse de 10:00 a 13:00 e de 19:00 a 21:30h.

 Unha interesante mostra que amósanos un traxe bordado fai 75 anos, por Carmen Vázquez Palacios "Carmucha", que está a carón dun traxe de noiva bordado a capelina, por Puri García Rey. 

 O devandito traxe da autoría de Puri García, está realizado en tea de raión procedente de Valencia, e trátase dunha réplica fiel dun traxe de comezos do século XX, cuxo orixinal é propiedade dunha coñecida familia da nosa vila.

 Puri García amosa tamén máis de medio centenar de aplicacións - todas elas diferentes - da súa autoría, realizadas en pasamanería.

 Tamén podemos apreciar dous traxes confeccionados por alumnas de Normandina Domínguez González "Nenita", baixo súa supervisión.

 Asemade, na exposición atópase un traxe bordado por Marita Rodríguez García. Actualmente pertence a súa filla Ángeles Franco Rodríguez.

 Na visita podemos apreciar tamén un traxe bordado por Rosa Moreira Domínguez, así como o traxe - réplica dun orixinal do século XVII -  da neta de Rosa Moreira.

 Con esta nova exposición promovida pola Asociación pola Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda, a nosa vila destácase como unha localidade onde ainda quedan - e que sexa por moitos anos - persoas expertas en traxes rexionais galegos, e tamén particulares, que bordan seus propios traxes para lucilos en eventos como o Desfile folclórico tradicional do Sábado do Monte ou o 23 de setembro, na romaría de santa Trega, e mesmo en vodas.

 Sería óptimo que a poboación mascuilina tamén se sumase á tradición do traxe rexional galego.

 O traxe tradicional galego é cultura de noso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario