A PRESENTACIÓN DO LIBRO "O TRAXE GALEGO NAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA. A GUARDA", TODO UN ÉXITO
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Organizada pola Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda, na tardiña do pasado sábado día 5 de agosto de 2023, o salón de actos do Centro Cultural da vila, acolleu a presentación do libro "O Traxe Galego nas Festas do Monte Santa Trega. A Guarda".
O acto contou coa participación de José Luis Rodríguez Álvarez, membro da Asociación Sete Espadelas, de Pontevedra; de Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura do Concello de A Guarda; de Coli Rodríguez Sesto, presidenta da Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda; e de Carmen González, coordinadora da devandita publicación.
Amenizou o acto o banda de gaitas Raigames, de Vigo.
Na súa intervención, o concelleiro de Cultura, puxo en valor a publicación do libro que editou a Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda. Asemade, destacou o mérito que supón contar cunha entidade - a Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda - que se preocupa pola promoción dos traxes tradicionais desta localidade.
Celso Rodríguez Fariñas tamén avanzou que o Concello de A Guarda vai crear o Arquivo Fotográfico de A Guarda, de xeito que todas as fotografías que están en mans de particulares poidan ser dixitalizadas e contribuir ao espallamento dese patrimonio.
O concelleiro de Cultura tamén salientou o mérito de persoas como Carmucha Vázquez Palacios, que na nosa vila foi unha das mulleres pioneiras na confección de traxes tradicionais galegos. Por ese motivo, pediu un forte aprauso para ela, petición que contou co apoio entusiasta do respectable público que se atopaba no salón de actos, entre o cal estaban varios familiares de Carmucha.
Tamén relembrou que nestes días hai unha exposición de traxes rexionais na Casa dos Alonso.
A continuación fixo entrada a banda de gaitas Raigames, interpretando nesa primeira actuación dúas pezas.
Seguidamente fixo uso da palabra, José Luís Rodríguez Álvarez, unha persoa experta en traxes tradicionais galegos, e que ademais ten, por parte de súa nai, ancestros naturais de Salcidos, xa que seus tataravós, bisavós e avós, por vía materna eran desa parroquia de A Guarda.
Rodríguez Álvarez, lembrou que habendo nacido en Bueu, cando tiña 6 anos de idade, viu coa súa nai e seu pai a pasar uns días a vila guardesa, quedando impresionado pola cantidade de persoas que participaban no desfile folclórico rexional do Sábado do Monte. Ese feito, quedou gravado de tal xeito na súa memoria, que sendo xa adulto, comezou a interesarse por ese tipo de indumentaria. E por iso, pasou a ser membro da Asociación Sete Espadelas, unha entidade que ademais da súa constante actividade en Pontevedra, e tamén noutras cidades de Galicia, organiza eventos nos que os protagonistas son os traxes tradicionais galegos. Citou como exemplo, a exposición ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’, que foi visitada por 14.402 persoas, durante os algo máis de dous meses que permaneceu aberta no Museo de Pontevedra. Con esa cifra, a mostra organizada en colaboración coa Hispanic Society of America, de New York e comisariada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas, foi a máis visitada no Museo nos últimos seis anos. E aínda hai máis: 1.825 desas persoas participaron nas visitas guiadas, xa sexa de público xeral ou de grupos escolares.
Ese feito dános unha idea do interese que suscita o traxe tradiconal galego.
Rodríguez Álvarez, tamén lembrou que Ruth Matilda Anderson estivo na romaría das Festas do Monte santa Trega de 1924, onde tirou varias fotografías, interesándose pola indumentaria que vestía unha moza que participaba nesa celebración, creada pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, a instancia de Constantino Candeira, e cuxa primeira romaría tivo lugar en 1913.
Na súa intervención, José Luis Rodríguez Álvarez detívose na descrición do mandil e do dengue, do traxe rexional que vestía a devandita moza, e que como anotou a fotógrafa norteamericana, había sido alugado nunha mercería de Tui.
Todo iso é, como ben indicou Rodríguez Álvarez na súa comunicación, indicativo da importancia que ten que unha vila como A Guarda, inclúa na programación das Festas do Monte santa Trega, o desfile folclórico tradicional do Sábado do Monte. Un destacado evento, no que veciños a visitantes poden apreciar un importante número de persoas de todas as idades, locendo traxes rexionais galegos, en xeral, e de xeito especial o traxe típico de A Guarda. Por iso suxeriu que no devandito desfile vaian, en primeiro lugar as persoas que leven os traxes típícos e as bandas mariñeiras a continuación.
Asemade animou a todas as persoas que teñan traxes rexionais galegos nas súas casas, a que os vistan nesa ocasión, porque constitúen en importante patrimonio que ben merece sacarse á rúa.
Tamén exhortou a que en 2024 se conmemoren os 100 anos da presenxa de Ruth Matilda Anderson na romaría das Festas do Monte santa Trega.
Por outra banda, Carmen González Álvarez, coordinadora do libro "O Traxe Galego nas Festas do Monte Santa Trega. A Guarda", tivo unha emotiva lembranza para Asunción Adrover Pérez (Xón), activa compoñente da primeira xunta directiva da Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda.
Tamén referiu que este ano cúmplese o LXXV aniversario dos primeiros traxes rexionais galegos que fixo Carmen Vázquez Palacios (Carmucha).
Ademais de agradecer os apoios da Deputación de Pontevedra e do Concello de A Guarda, que fixeron posible poder editar o libro "O Traxe Galego nas Festas do Monte Santa Trega. A Guarda"; indicou que nesa publicación leva o saúdo do anterior alcalde porque o libro xa estaba impreso antes dos comicios do pasado mes de maio deste ano.
Unha nova actuación da banda de gaitas Raigames, daría paso a unha breve intervención de Coli Rodríguez Sesto, presidenta da Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda, que agradeceu á asistencia de todas as persoas que acudiron ao Centro Cultural, e informando que ao sair, cada unha recibiría un exemplar do libro que viña de presentarse.
En definitiva, o acto serviu para relembrar a importancia do traxe rexional galego e os moitos motivos para vestilo.
Polo que respecta ao libro - con 303 páxinas, moitas fotografías de diversas épocas, e un texto cuxa lectura é moi doada - temos que salientar que contribúe, non soio a coñecer o labor realizado pola Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda, senón tamén a lembrar, entre outras, a persoas como Serafin Álvarez Cividanes "O Tío Lancha", relembrado gaiteiro guardés, e a María Asunción Trigo Vicente, unha viguesa de nacemento e guardesa de corazón, que tanto achegou á Cultura do noso pobo. Mulleres e homes que forman parte por dereito propio da nosa memoria colectiva como pobo.
En definitiva, a presentación do libro foi un brillante acto, e o contido desa publicación un destacado fito cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario