O Concello de A Guarda mellorou a zona deportiva e infantil da Portela, en Salcidos
• O espazo que complementouse cunha nova zona de biosaudables
De esq. á der.: Antonio Lomba Baz, Miguel Ángel Español Otero e Mª Montserrat Magallanes Álvarez, na zona infantil e deportiva de A Portela
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda levou a cabo o proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva de A Portela (Salcidos), unha obra executada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Para Antonio Lomba, alcalde de A Guarda “o parque de Salcidos é un espazo moi utilizado, principalmente para facer deporte, e existían moitas demandas para a súa mellora, polo que se decidiu actuar nestas infraestruturas, realizando unha rehabilitación integral para que estea nas mellores condicións posibles para o seu uso, tanto para os máis pequenos, coma para os deportistas e os maiores que xa poden utilizar a zona de biosaudables.”
Nesta actuación realizouse unha actuación integral no conxunto das instalacións infantís, nos elementos de xogo, así como na substitución do peche perimetral.
Tamén a pista polideportiva tivo que ser mellorada, xa que debido ao seu intenso uso e ao tempo transcorrido e a pesares das pequenas intervencións de mantemento realizadas na mesma, precisaron do cambio do céspede artificial da cancha; a substitución das madeiras en mal estado da estrutura da pista e o seu pintado; así como o cambio da rexa circundante e pintado de todo o espazo; o perímetro da cancha e substitución das canastas de baloncesto. Tamén se substituíu a rede parabalóns e a reforma da súa estrutura.
Por outra banda, tamén se realizou o acondicionamento do acceso ás instalacións cun novo pavimentado en formigón pintado, que substituíu ao anterior de asfalto e que se atopaba en malas condicións.
Tamén se dotou dunha nova zona de biosaudables que está emprazada nunha parcela anexa á zona infantil e á zona polideportiva da Portela, na parroquia de Salcidos.
Esta parcela, mercada polo Concello de A Guarda para o seu uso público, conta con preto dunha ducia de diferentes elementos biosaudables e deportivos.
Un novo espazo de biosaudables súmase aos xa existentes na vila na zona da Pasaxe, en Camposancos ou nos xardíns do Centro Cultural.
Estas actuacións na Portela, en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello de A Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal, en Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario