17 de dec. de 2021

OIA

A instancia dos Socialistas de Oia, que solicitaron un pleno extraordinario 

A Corporación Municipal tratará sobre os problemas no saneamento e en camiños municipais 

A sesión celebrarase o luns día 20 de decembro, ás 9:30 h., na Casa do Concello de Oia


De esq. á der.: Américo de Oliveira Franco, Elena Álvarez Pérez e Gerardo Rodríguez Refojos, concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Concello de Oia

 Infogauda / Oia

 Os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia solicitaron a realización dunha sesión plenaria extraordinaria "para tratar a problemática existente en varios puntos do municipio en canto ao saneamento e deficiencias en viarios e camiños municipais". 

 Esta sesión plenaria celebrarase o vindeiro luns día 20 de decembro ás 9:30h da mañá, e na orde do día tratarase, a petición dos concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia, "o lamentable estado de conservación dos camiños de Os da Fonte e de Tallo, en As Mariñas; o de Lourido, en Mougás; os de Cardorrio, Matovello e Salandrín, tramos que unen o camiño da Fonte co das Chedas, camiño de Pedornes, (na parte que pasa ao lado do depósito de auga), camiño da Balla, todos eles na parroquia de Pedornes; camiño das Carballeiras en Oia, e outros no resto das parroquias", afirmou Gerardo Rodríguez Refojos, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, de Oia.

 Gerardo Rodríguez, afirmou tamén que "dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia reclamarase nesta sesión plenaria se existe un plan de arranxo para estes problemas de seguridade vial e para cando está previsto a súa realización".  

 Do mesmo xeito os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia pedirán na sesión plenaria "información sobre cando se ten previsto realizar a conexión do saneamento das Mariñas coa estación depuradora de Baiona e a adenda de Augas de Galicia".  

 Por último, desde o Grupo Municipal Socialista pedirán en pleno "a dotación de beirarrúas nos núcleos de Mougás e Pedornes e se existe unha data para a súa realización". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario