9 de xul. de 2025

DEPORTES

ATLETISMO

O atleta Álex Sierpes Pereira representará a España no Festival Olímpico da Mocidade Europea, en categoría xuvenil 

 O evento celebrarase na cidade de Skopje (Macedonia do Norte), do 20 ao 26 de xullo


Álex Sierpes Pereira
Foto: Cedida

Redacción Deportes / A Guarda

 Álex Sierpes Pereira cumpre o seu maior soño desde neno: vestir as cores da Selección Española de Atletismo. Farao no maior evento continental para atletas nados entre 2008 e 2009. 

 Debutará internacionalmente lucindo as cores da Real Federación Española de Atetismo (R.F.E.A.) por partida dobre no Festival Olímpico da Mocidade Europea (European Youth Olympic Festival, en inglés). A súa primeira aparición será na proba reina dos 1.500 metros, coa que se abrirá o campionato, e a súa segunda intervención será na proba de substitucións Medley Relay (100-200-300-400), coa que se pechará a competición. 

 O pasado luns, a Real Federación Española de Atletismo publicou a lista dos 23 novos talentos convocados para este evento, quen defenderá as cores do noso país. Serán 11 homes e 11 mulleres, seleccionados tras cumprir cos criterios establecidos polo seleccionador nacional José Peiró e a dirección deportiva da R.F.E.A. para o Festival Olímpico da Mocidade Europea (F.O.J.E.). 

 O evento celebrarase na cidade de Skopje (Macedonia do Norte), do 20 ao 26 de xullo, recollendo a testemuña de Maribor (Eslovenia), sede en 2023.  

 Entre os seleccionados atópase  Álex Sierpes Pereira, o fondista Sub18, do Baixo Miño, integrante do Club Vicky Foods Athletics de Isaac Viciosa (Valladolid) e formado na escola de base Sociedade Atlética do Trega (Tomiño). 

 Será a súa primeira internacionalidade con España e correrá os 1.500 metros lisos para abrir o campionato. Chega como número 1 da clasificación nacional, 5º da clasificación europea e 8º da clasificación mundial, cunha marca de 3’45’’40. 

 Tamén pechará o campionato coa proba de substitucións Medley Relay, axudando aos seus compañeiros na última posta: 

100 m: Enzo Martínez 

200 m: Anthony Yunier Pérez 

300 m: Diego Espeso 

400 m: Álex Sierpes 

 Moitas felicidades, Álex! 

 A gozar deste soño logrado a pulso, tras un fantástico ano deportivo a nivel de resultados. Sentimos moi orgullosos de ti.

Ningún comentario:

Publicar un comentario