9 de xul. de 2025

A GUARDA

A Guarda prepárase para vivir unha nova Rosegha co pobo volcado na súa tradición mariñeira  

•  Entre as actividades desta fin de semana destacan as navegacións de maquetas (diúrnas e nocturnas), as exposicións de embarcacións e aparellos mariñeiros, os obradoiros infantís, e as saídas na embarcación tradicional Piueiro  

  O evento, apoiado pola Deputación de Pontevedra, ten carácter transnacional xa que conta coa participación de numerosos participantes e público que ven de Portugal  


Unha das probas diúrnas da primeira edición do evento organizado por Piueiro

 Mar Bermúdez / A Guarda

 Esta fin de semana, a tradición mariñeira volve ser a protagonista no porto da Guarda coa segunda edición da Rosegha, un evento que está a consolidarse como un referente cultural e participativo do verán grazas á implicación da veciñanza, ao traballo incansable da Asociación Piueiro e ao apoio de institucións como a Deputación de Pontevedra. 

 A Rosegha non é unha festa máis: é unha homenaxe colectiva á memoria mariñeira, unha recreación viva que converte o porto nun espazo onde tradición e identidade se mesturan con creatividade, orgullo e participación cidadá. Grazas á Asociación Piueiro, A Guarda enteira bótase ao mar, literalmente, para facer posible un evento que mestura historia, espectáculo e dinamización social. 

 Durante a fin de semana haberá navegacións de maquetas —diúrnas pero tamén nocturnas—, saídas na embarcación tradicional Piueiro, obradoiros infantís como os de barcos de lata ou navoas de cortiza, exposicións de materiais mariñeiros e unha intensa programación que enche de vida todo o paseo marítimo. 

 “A forza deste evento está na resposta do pobo. Comercios, familias, voluntariado… Todos e todas están a colaborar con orgullo para poñer en valor o noso patrimonio mariñeiro”, explican desde a Asociación Piueiro.  

 A Rosegha é tamén unha oportunidade para descubrir A Guarda desde outra perspectiva: a dunha vila que sabe mirar ao mar con memoria e celebrar a súa identidade con alegría e futuro. Un evento internacional que conta coa participación de embarcacións e público portugués que xa está a captar a atención de visitantes e medios, e que aspira a consolidarse como unha cita indispensable no xullo galego. 

 A Asociación Piueiro convida ás familias a achegarse esta fin de semana ao porto da Guarda e mergullarse nunha experiencia que recupera a alma mariñeira da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario