17 de dec. de 2021

O ROSAL

O Rosal pecha un ano “Cocreando Sociedade”  

O proxecto, que busca facer un concello máis inclusivo, rematou a súa primeira fase co deseño dun plan de acción para 2022  


Durante a sesión de peche da primeira fase, as persoas participantes compartiron as experiencias vividas durante este ano, valoraron as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas para seguir desenvolvendo o proxecto, e trazaron un plan de acción para o 2022

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal rematou esta semana a primeira fase do “Cocreando Sociedade”, un proxecto piloto participativo e transversal impulsado polo Concello no que diferentes persoas, representantes de colectivos do tecido asociativo, da administración local e de entidades que traballan a prol da diversidade estreitan lazos e codeseñan iniciativas para facer do Rosal un lugar mellor para todos e todas.  A alcaldesa, Ánxela Fernández, mostrouse “moi satisfeita cos resultados obtidos”, ao tempo que agradece á Agrupación Musical do Rosal, ao Acanor Novás Valinox, á Unión Deportiva Ribera, ao Club Ciclista O Rosal, á Galiña Azul, ao CRA María Zambrano, ao CPI Manuel Suárez Marquier e ás asociacións San Xerome e Avelaíña “o seu gran traballo e esforzo para sacar adiante este proxecto”.  

 Durante a sesión de peche da primeira fase, as persoas participantes compartiron as experiencias vividas durante este ano, valoraron as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas para seguir desenvolvendo o proxecto, e trazaron un plan de acción para o 2022, coa idea de seguir difundindo a iniciativa de Cocreando Sociedade e levando a cabo máis colaboracións para xerar unha comunidade máis xusta, inclusiva e democrática no Rosal. 

 Malia que “foi un ano especialmente complicado para desenvolver algunhas das iniciativas propostas debido as restricións impostas pola Covid, o proxecto sáldase cunhas valoracións moi positivas e a vontade de continuar a tecer rede, un dos aspectos máis valorados por todos e todas”, destaca a alcaldesa.  

 Entre as iniciativas postas en marcha destaca a experiencia sensorial durante o concerto de bandas sonoras de cine da Agrupación Musical do Rosal e as asociacións San Xerome e Avelaíña, onde as persoas con diversidade funcional experimentaron de primeira man e dende o propio escenario o que é participar nunha actuación musical, e a decidida aposta do Concello polo sendeirismo inclusivo coa adquisición dunha cadeira todoterreo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario