O “Universo Creativo do Nadal” xa luce na Praza do Reló
· Trátase dunha gran obra de arte colectiva, feita coas achegas do alumnddo dos centros educativos de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Dentro da programación do Nadal 2021/22, o Concello de A Guarda, preparou unha actividade na cal poder facer partícipes destas festas aos alumnos e alumnas dos centros educativos da nosa vila, e que ten como obxectivo mostrar a súa grande creatividade, un concepto que está sendo central durante este Nadal.
Fai unhas semanas repartíronse polos centros unhas láminas con siluetas de polbos, apupos, cabaliños de mar e estrelas, e pediuse que cada alumno/a recortase o debuxo da lámina e o decorase de xeito libre.
Con todas estas obras individuais, no día de onte, xoves 16 de decembro de 2021, procedeuse a crear a gran obra de arte colectiva - “Universo Creativo de Nadal” - que durante as festas estará na Praza do Reló, “suspendida no aire”.
“Para poder desenvolver esta actividade contouse coa colaboración dos equipos directivos e o profesorado dos centros, aos que agradecemos enormemente a súa implicación, e sobre todo aos pequenos e pequenas artistas. Tamén queremos agradecer a súa contribución ás persoas voluntarias do centro San Xerome e Avelaíña que se achegaron estes días ao Concello para axudarnos con esta actividade”, afirmaron desde o Equipo de Goberno Municipal.
“Convidamos ás familias e nenos/as da Escola Infantil Municipal, Centro San Xerome, CEIP Sinde, CEIP Solanas, CEIP Sangriña, Colexio Padres Somascos, Colexio S. José HH. Carmelitas e Escola Unitaria da Gándara, centros que participaron na iniciativa, a pasarse pola praza e intentar atopar a súa obra”, propoñen desde o executivo local.
Como agradecemento aos/ás artistas entregaranse a través dos centros educativos uns agasallos especiais que irán acompañados dunha carta do alcalde expresamente dirixida a eles e elas, da axenda coas actividades e actuacións de Nadal e algunhas lambetadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario