11 de xuño de 2016

A GUARDA

O CONCELLO GUARDÉS PRESENTOU A AXENDA DE ACTIVIDADES PARA ESTE VERÁN 
   
De esquerda a dereita: Manuel Javier Crespo González, Elena Baz Rodríguez e Antonio Lomba Baz, na presentación da Axenda de Actividades do Verán
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

  O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a Concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez e o Concelleiro de Deporte, Manuel Javier Crespo González, presentaron este venres ás 12:00 h. a Axenda de Actividades do Verán na Casa dos Alonso.  


 Esta axenda recolle a programación de actividades organizada polo Concello da Guarda, en colaboración con distintas asociacións locais, para a vila na época estival. 

 En primeiro lugar a Concelleira de Cultura fixo un repaso polas principais festas que se celebrarán dende o mes de xuño ata o de setembro, e polas citas culturais máis salientables que amenizarán o verán guardés. 

A presentación da Axenda de Actividades Verán 2016, asistiron varias persoas en representación de diversos colectivos culturales de A Guarda

 Entre a programación cultural atopamos unha gran diversidade de actividades, concertos e actuacións con todo tipo de música, dende o folk, pasando polo rock e polas diversas orquestras. Destaca “Noites no Castelo” que consistirá na proxección da película Crebinsky e no concerto da Banda Crebinsky, no Castelo de Santa Cruz ás 21:00 h. o 9 de xullo. Dentro do programa “Cultura no Camiño” tamén se organiza o espectáculo para toda a familia “Peterpunk e o neno imperdible”, o día 25 de xullo ás 20:00 h. no Auditorio de San Benito, e o concerto de “De Vacas” o 26 de agosto ás 22:00 h. na Praza do Reló.

 Ademais a Casa dos Alonso acollerá importantes exposicións como a “Exposición do Traxe Galego”, do 24 de xuño ao 10 de xullo; e do 22 de xullo o 15 de agosto, “Camiños da Imaxe”, mostra sobre Joaquín García Portela, “Costiña”, pioneiro da filmografía guardesa. 

 Despois, o alcalde da Guarda explicou cales serán as principais citas gastronómicas e, como non podía ser doutro xeito, salientou á Festa da Langosta como “a festa de referencia da Guarda”, a máis coñecida e recoñecida por toda Galicia. Tamén anunciou a volta, 9 anos despois da edición precedente, da Festa do Peixe Espada que se recupera, e celebrará a XIIIª edición os días 30 e 31 de xullo.  

 Por último, o Concelleiro de Deporte deu a coñecer os eventos deportivos da vila, que na súa maioría coinciden coas datas das principais festas. Xa este mes de xuño se celebra o Campionato de Fútbol “Festas Virxe do Carme”. Para o vindeiro mes se organizan diferentes actividades como a XXIª Travesía a Nado, o 2 de xullo; o Campamento Deportivo de Verán, do 4 ao 13 de xullo ou o Torneo de Voley Praia, o 16 e 17 de xuño, entre outras. 

 Presentouse deste xeito unha completa axenda sociocultural que A Guarda ofrece aos veciños e a todos os visitantes que desexen coñecer á vila durante a época estival, con catro meses cheos de actividades e festas para todos os gustos que fan desta unha axenda referente para toda a comarca.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario