30 de dec. de 2015

PATRIMONIO

Castelo de Lindoso, junçom de aparelhos diversos



Castelo-forte de Lindoso e espigueiros, um património universal digno de nota



José Buiza Badás


 Observam-se neste castelo-forte aparelhagens diferentes onde patenteiam-se silharias a seco junto de outras mais recentes com provada dosagem de argamassa. Estes panos murários medievais reflectem técnicas onde a empilhagem regular e concertada de pedras e esquadrias vinha regulada à hora de desenvolver os tendeis e conseguintes fiadas. Assim, leitos, sobreleitos, juntas, marcavam umhas perpendicularidades e umha disposiçom próxima da pseudoisodomia. Aquelas outras empreitadas saudosistas, “recuperadoras” de épocas já recuadas, somente conseguirom ressaltar um certo pirosismo que pouco tinha a ver com extensons de muros inalteradas, originais.

 Castelo de Lindoso é ela própria umha mistura. As escadas a elevarem-se nas contramuralhas medievas acentuam umha verticalidade que nom existe, sem embargo, na obra nova abaluartada, no talvez mal chamado  Barbacám externo. Isso unido à  topografia mais imediata cria sensaçons de progressivo nivelamento, de planos em altura. A aplicaçom de paredes de resguardo, de reforço, nos baluartes Suroeste e Este fai um trançamento construtivo original que possibilita, e mesmo obriga,  a dispor soluçons como as dos passadiços em secante a cortarem cantos e cunhais nos muros.

  Umha certa confussom assalta-nos aquando conferimos, com grande esforço, as Obras de Emenda realizadas nos bastions. Cada Carta militar deste castelo é diferente da outra; cada angulaçom também. Entom procede-se à mediçons mais próximas  no terreno que  darám resultados mais certos.

 Achados arqueológicos dentro e nas redondezas justificarom pesquisas e catas que derom corpo material à musealizaçom. Dentro da torre de menagem podemos visitar tal realidade que, da sua vez, vem acompanhada dum espaço para a memória que recorre pola vía dos vestígios umha disposiçom perimetralizada de armazéns, quartéis de infantaria, capela, cisterna, etc., ligadas ao século XVIII. Atá dispunham dum moinho a mán.

 Mais em pormenor, conferem-se basas ou zócalos no arranque dos cunhais, a conviverem com rocha natural e alvenarias ordinárias, médias e miúdas. Substanciam-se ademais as múltiplas aplicaçons no tempo das construçons em pedra. Alternam-se arquitecturas populares e militares num amplo radio cujos espantosos efeitos som bem visíveis. O método moderno de guerra, nesse caminho coberto que perfila a estrela toda, vem testemunhar junto dos espigueiros um património universal digno de nota, de visita obrigada e de estudo empenhado e permanente, por forma a nom cair em “clichés” ou paralelismos. Esse adensamento de características tam próprias dignifica os dous conjuntos: um ligado ao Rural, outro à Defesa.

 (*)   R. P. Intelectual

Artigos relacionados:

Castelo de Lindoso, mais pormenores


O ROSAL

A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL PRESENTOU O CONCERTO EXTRAORDINARIO DE REIS

Tamén foi dado a coñecer o avance da programación conmemorativa do XXX Aniversario e un resumo das actividades do curso 2015-2016

2016 será un ano especial, xa que é o 30º Aniversario da Agrupación Musical do Rosal

De esquerda a dereita: José Antonio Gómez Rodríguez (Piño), Iván Diego Martínez,José Javier Bascoy Iglesias e María del Carmen Alonso Alonso

Infogauda / O Rosal

 Coa asistencia de Iván Diego Martínez e de José Javier Bascoy Iglesias, presidente e director, respectivamente, da Agrupación Musical do Rosal; María del Carmen Alonso Alonso, 1º Tenente alcalde do Concello do Rosal; e José Antonio Gómez Rodríguez (Piño), presidente da asociación “Conrazones”, na tarde do mércores día 30 de decembro, tivo lugar no Concello do Rosal, unha rolda de prensa, convocada pola directiva da Agrupación Musical do Rosal. 

 O motivo principal da comparecencia diante dos medios de comunicación social foi á presentación do Concerto Extraordinario de Reis, que ofrecerá a Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal, o día 6 de xaneiro de 2016, ás 18:30 horas, no Auditorio municipal do Rosal, dirixida por José Javier Bascoy Iglesias.


 O devandito concerto ten carácter solidario, xa que haberá recollida de alimentos que serán entregados a Asociación Conrazones, quen a súa vez os distribuirá entre ás persoas necesitadas.
RESUMO DA LABOR DESENVOLVIDA EN 2015 E ACTIVIDADES PREVISTAS PARA 2016
  O noso curso escolar xa comezou con forza. O 12 de Outubro, a banda xa deu o seu primeiro concerto co novo director, o galego José Javier Bascoy, no marco das Festas do Cabaqueiro, no que tamén interviñeron outras seccións da Agrupación, como a Coral na misa cantada da mañá, ou o grupo de música tradicional “Lirolai” no seu concerto de tarde, antes da banda, dixo Iván Diego.

 A actividade central do outono foi - segundo relembrou o presidente da Agrupación Musical do Rosal - o tradicional concerto de Santa Icía, o pasado 5 de decembro, no que se presentou ao novo director, ademais de levarse a cabo a tradicional e emotiva presentación de novos compoñentes. Este ano foron sete, todos rapazas e rapaces formados no seo da Agrupación, que garanten o a continuidade e o futuro desta gran familia.

 Dúas semanas despois, inauguramos o Nadal co noso Festival da Escola, onde o protagonismo correu coma sempre a cargo dos máis pequenos: os nenos de Iniciación Musical, o Coro Infantil, a “Minibanda” e, para rematar, a Banda Infantil da Agrupación. Como broche final, levouse a cabo a entrega de premios do “Iº Concurso Infantil de Carteis de Nadal”, que foi unha das novidades deste ano, co que se seleccionou un debuxo que servira como cartel anunciador de dito festival.

 As actividades de Nadal non acaban niso: a Coral da Agrupación, dirixida por Toñi Santos Vaquero, participou o pasado domingo no Concurso de Panxoliñas que organiza a Diócese de Tui, no que conseguiron facerse co Primeiro Premio. O Coro Infantil da nosa Agrupación, tamén dirixido por Toñi Santos, participará este domingo, e esperamos que tamén goce do éxito que adoita ter neste concurso.

 O peche deste tempo de Nadal será a cargo da Banda, no Concerto Extraordinario de Reis, do que nos dará un adianto o director, José Javier.

 “A idea de realizar este Concerto de Reis xorde, principalmente - segundo explicou José Javier Bascoy Iglesias -, para encadrar dentro da nosa programación anual un concerto benéfico, que é un dos puntos principais do proxecto global que propuxen para a banda, e para o cal a Xunta Directiva prestou todo o apoio e os esforzos necesarios. Consideramos oportuno facelo aproveitando a época de Nadal, días para compartir en familia, pero tamén para compartir o noso tempo e os nosos medios con aqueles que menos teñen, máxime nestes anos nos que a desigualdade, por desgraza, vai a máis.

 Falando da parte musical, o programa será unha selección variada de música escénica (cine, teatro, ópera, zarzuela,...), que son xéneros que chaman sempre especialmente ao público, xa que ademais, tradicionalmente, esta música foi o compoñente maioritario do repertorio das bandas de música populares. 

 O programa estará composto por compositores de escolas tan diversas como Shostakovich, Ennio Morricone, Federico Chueca, Vicente Lleó, Franz von Suppé ou Charles Chaplin. Nunha das obras participará como solista o oboísta rosaleiro Avelino Ferreira. Será un concerto moi divertido, no que por suposto, non faltará algunha que outra sorpresa.

 Para levar a cabo a compoñente solidaria, pediremos ao público que ese día traia, alomenos, un quilo de alimentos non perecedeiros (arroz, pasta, aceite, azúcar, etc.). Contaremos coa colaboración da asociación guardesa “Conrazones”, que xestionará ditos alimentos que se recollerán no Auditorio, á entrada do concerto. Conrazones xa colaborou noutras ocasións coa Agrupación, e por suposto agradecemos hoxe e poñemos en valor a súa gran labor solidaria que realizan día a día.

 Como final, e para escorrentalo frío, invitaremos a un chocolate a tódolos asistentes ao concerto. Tamén pedimos aos asistentes que garden a súa entrada, xa que esta pode que teña premio.

 ADIANTO DAS ACTIVIDADES DO 2016
 No referente ás actividades previstas Iván Diego dixo:  Este será nada máis que o principio dun 30º Aniversario cheo de actividades. Por un lado, conservaremos as citas ineludibles da Agrupación que se veñen facendo ano tras ano, e ademais, dinamizaremos todo o posible con novas actividades. Ademais, teremos nova páxina web, que en moi pouco tempo xa poderemos empezar a visitar todos, onde poderemos consultar gravacións da banda, fotografías, vídeos, a axenda de concertos, etc.

 No mesmo mes de xaneiro, o día 30, teremos o noso Festival de Bandas Xuvenís e Infantís, no que intervirán, ademais da “Minibanda” e a Banda Infantil da nosa Escola, dúas xoves formacións invitadas:a Banda Xuvenil de Silleda, que nos devolve a visita que a nosa Banda Infantil xa fixo a terras dezás, e a banda infantil de Estarreja, que tamén nos devolve a actuación que O Rosal fixo a dita localidade portuguesa.

 En febreiro celebraremos outro festival, en lugar de intrumental, con Coros Infantís, que será o 28 de febreiro.

 No mes de marzo, teremos como fin de trimestre, e antes da Semana Santa, o Concerto da banda con motivo do “Día do Pai”, na que a idea será un concerto que xirará en torno aos “pais” da música, con maiúsculas, na que tanto teremos versións orixinais e transcricións, como xogos e bromas musicais dedicadas aos grandes mestres. Temos por confirmar a actuación dalgún solista.

 En abril nos esperan dúas novidades máis: Por un lado, a nosa banda participará como banda de prácticas para a “Academia Europeia de Direcçao de Banda”, que a primeira fin de semana de abril realizará a súa master-class co mestre holandés Jan Cober. Está previsto que os ensaios sexan abertos ao público, e tamén esperamos que o director nos ofreza unha charla para todo o que queira achegarse ao Auditorio. Sen lugar a dudas, será unha experiencia enriquecedora e novedosa para a nosa banda, que xa contou coa presenza de Cober noutras ocasións.

 Ademais disto, este ano volveremos a poñer en marcha o Concurso de Xoves Intérpretes “Antonio Granja”, que se realizará nunha das últimas fins de semana de abril, e cuxas bases pronto serán publicadas.

 Xa podemos desvelar que o concurso terá como gran novidade este ano que, nunha das súas categorías superiores, o certame será aberto a participantes de toda Galicia, polo que esperamos que teña gran acollida, e que pronto se convirta nun dos eventos de referencia para os xoves músicos galegos. Tamén haberá sospresa nos premios!

 José Javier Bascoy Iglesias informou que “(...) na primavera tamén está apalabrada a participación da Banda Infantil, que dirixe Celso Diego, no festival de bandas xuvenís que realiza a Artística de Merza no Auditorio de Fontao (Vila de Cruces), con data aínda por confirmar.

 No mes de maio continuarase coa tradición da Festa das Letras Galegas, na que esperamos contar coa participación de tódalas nosas formacións, e intentaremos buscar unha actuación conxunta que seguro non defraudará ao noso querido público rosaleiro, gran amante tamén da música tradicional.

 Tamén buscaremos algo especial para o tradicional Concerto do Aniversario, que sempre se celebra en maio, e que aínda ten data variable en función da apertada axenda que xa temos para este ano.

 Xuño será tamén un fin de curso moi especial. Rematadas as Audicións e o Festival de Fin de Curso que levaremos a cabo como cada ano, devolveremos a visita musical que nos fixo ao Festival de Músicos Xoves a Banda de Música de Pájara (Fuerteventura). Será un orgullo sacar o nome da nosa vila e a nosa Agrupación fóra da península nos concertos que alí realizaremos.

 No verán, coma sempre, a banda sairá polas vilas de Galicia a amenizar os festexos populares onde alí se lle requira; xa hai datas confirmadas na nosa axenda. Esperamos que sexa un bo verán o deste 2016 en canto a festas populares. Dende a nosa Agrupación non se deixa a un lado a importancia que ten a presenza das bandas de música populares nos festexos e romarías, sendo a súa música, como a gastronomía e outros compoñentes, parte fundamental da idiosincrasia galega.

 En agosto, en pleno verán, teremos como cada ano o noso Festival de Músicos Xoves, que intentaremos que sexa especial con motivo do noso 30º Aniversario. Aínda que sen confirmar, xa case temos cerradas as actuacións para este festival de bandas e corais, no que o nivel das agrupacións participantes non vai a defraudar ao público rosaleiro.

 Acabaremos o verán con unha cita importante para os amantes da música de banda: a localidade veciña de Vila Nova de Cerveira (Portugal) convidou á Agrupación Musical do Rosal a participar no seu renomeado festival de bandas de música, no que sempre fan presenza as mellores bandas portuguesas, e no que a nosa banda terá a honra de representar a Galicia.

 Para desenvolver todo ese amplo programa de actividades previstas, á Agrupación Musical do Rosal conta coas colabouras do Concello do Rosal, Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, Comunidade de Montes, Fundación O Rosal, e Xunta de Galicia.

A GUARDA

A MOSTRA "VESTIDOS CON PINCEL,  COSIDOS CON AGULLA" AMPLIA A SÚA ESTADÍA NA GUARDA 

O vindeiro domingo día 3 de xaneiro tamén poderá visitarse en horario de tarde  

A deputada provincial Montserrat Magallanes Álvarez e o alcalde Antonio Lomba Baz, atendendo ás espricacions dunha experta, o día da apertura da exposición
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Centro Cultural da vila de A Guarda acolle dende o pasado 10 de decembro a exposición “Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos”, organizada polo Museo de Pontevedra en colaboración co Concello guardés, que nos amosa reproduccións de cadros dos grandes pintores galegos que levaron á súa obra a indumentaria tradicional galega en diversas situacións e momentos. Pintores e dibuxantes coma Fernando Álvarez Soutomaior, Carlos Sobrino, Máximo Ramos,  Román Navarro ou o mesmo Castelao, forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra que inspiraron esta colección. 

Na imaxe, algunhas das persoas que participaron no obradoiro Obradoiro de adobíos para traxe tradicional galego de Bordado ó Aire, impartido por José Luis Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Gaiteiros Os de Algures, e incluido no programa da exposición “Vestidos con pincel, cosidos con agulla”.


 A exposición foi acollida cun gran interese entre o público guardés, polo que veu ampliada a súa estadía na Guarda ata o sábado 9 de xaneiro.  Pode visitarse no Centro Cultural de luns a venres laborables en horario de 10 a 13h. e de 17h. a 20h., e abrirá tamén este domingo 3 de xaneiro dende as 17h.  e o sábado 9 de xaneiro de 10 a 13h. 

VALENÇA

Cavalgata Internacional de Reis Valença / Tui 

200 Figurantes e 1 tonelada de caramelos


Infogauda / Valença

 A eurocidade Valença Tui promove a Cavalgata Internacional de Reis, terça-feira, 5 de Janeiro, com saída dos Bombeiros de Valença, às 16h00 (PT). Carruagens alegóricas, charangas, bandas de música, grupos de janeiras, 10 carros alegóricos, mais de 200 figurantes e mais 1000 quilos de caramelos sem gluten darão vida à cavalgata num percurso de 4 Km.      

 Os Reis Magos Melchior, Gaspar e Baltasar seguirão em carroças acompanhados dos pajens e de carros alegóricos das associações culturais de Valença e Tui, bem como do comboio turístico da Eurocidade.      

 Desde o Quartel dos Bombeiros Voluntários de Valença a Cavalgata vai percorrer a avenida dos Bombeiros, a Rotunda da Trapicheira, a avenida de Espanha, a antiga Ponte Internacional, às 17h00 (PT) e já em Tui o percurso seguirá pela Avenida de Portugal, rua Martínez Padín e Augusto González Besada e Paseo da Corredoira, onde está prevista a chegada às 18h (PT).      

 No Passeio da Corredoira estará localizado o palco de receção aos Reis Magos, em frente do Seminário menor, onde decorrerá a oferta no portal de Belém.      

 Esta cavalgata de caráter internacional é um dos pontos altos da festa dos reis da Eurocidade que ano após ano atrai um número crescente de turistas para acompanhar uma manifestação cultural muito enraizada nesta região raiana. 

 A Cavalgata contará com a colaboração da Rádio Municipal de Tui, do Grupo Scout Alhoia de Tui, da Polícia Local, da GNR e dos Bombeiros Voluntários de Valença.

VIGO

O Sergas analiza co Concello de Vigo diversas alternativas de acceso ao futuro aparcadoiro municipal do hospital Álvaro Cunqueiro 

Nunha nova xuntanza mantida hoxe, a Xunta ofreceu a súa total colaboración para atopar a solución máis axeitada dende o punto de vista técnico

Hospital Álvaro Cunqueiro 

Infogauda / Vigo

 Esta mañá celebrouse unha xuntanza con participación de técnicos do Servizo Galego de Saúde, da Axencia de Infraestruturas e do Departamento de Urbanismo do Concello de Vigo, onde a Xunta ofreceu aos representantes municipais a súa total colaboración e disposición para atopar a solución máis axeitada para os accesos ao Hospital Álvaro Cunqueiro dende o aparcadoiro municipal. Neste sentido, facilitóuselles a dispoñibilidade dos técnicos da Administración autonómica para que participen durante a fase de redacción do proxecto.  

 Na reunión analizáronse distintas propostas de solucións técnicas. Así, valorouse traballar sobre a alternativa de conexión na rotonda de acceso a urxencias, presentando a necesidade dun estudio de fluxo de tráfico que analice a súa capacidade, a posibilidade de ampliación da rotonda para aumentar a súa capacidade, ou solucións que dean alternativas de enlace dende a propia rotonda ou sen necesidade de entrar nela.  

 Tamén se considerou necesario analizar o funcionamento do tráfico dentro do propio aparcadoiro, co obxecto de evitar que a espera se concentre na propia entrada; e a conveniencia de buscar un acordo entre o Sergas e o Concello para dispor de sistemas de sinalización que informen ao usuario da súa situación -libre ou completo- e para que o Concello colabore na ordenación do tráfico no Hospital, evitando o estacionamento nas propias vías.  

CAMINHA

Ferry-boat gratuito no dia 31 de dezembro

Câmara de Caminha quer valorizar as iniciativas de fim de ano no concelho e atrair galegos

Ferry-boat Santa Rita de Cássia 

Infogauda  / Caminha


 Quem pretender utilizar o ferry-boat Santa Rita de Cássia no dia 31 de dezembro não terá de fazer qualquer pagamento. O presidente da Câmara de Caminha pretende, com este incentivo, valorizar a oferta do concelho, num dia potencialmente muito atrativo e em que, este ano, para além da animação da passagem de ano, haverá um programa especial de televisão durante toda a tarde, emitido em direto a partir da Praça Conselheiro Silva Torres, em Caminha.  

 "Nos últimos anos as festividades de passagem de ano têm ganho uma expressão no concelho de Caminha que deve ser potenciada em favor da economia local e da divulgação da nossa terra", sublinha Miguel Alves no despacho, em que se explica que a medida excecional tem sobretudo como alvo o mercado galego: "quer na noite em que se festeja a transição do último dia do ano velho para o primeiro do ano novo, quer a dinâmica criada em torno do próprio dia 31 de dezembro, têm servido para tornar ainda mais atrativo o nome do concelho e da Vila de Caminha, quer em Portugal quer em Espanha, junto dos nossos vizinhos galegos".  

 Desta vez, porém, há ainda mais razões para visitar Caminha no último dia de 2015. Remetendo para o esforço acrescido realizado este ano, que terá impacto durante todo o dia, e para a emissão da TVI do programa "Somos Portugal", Miguel Alves explica: "Este ano, as festas atingem um ponto ainda mais elevado pela transmissão em direto, ao longo de seis horas, de um programa especial de fim de ano pela estação de televisão com mais audiência em Portugal. Como foi possível aferir em momento anterior em que o mesmo programa esteve em Caminha, é notório o incremento de visitantes que, vindos do outro lado do rio, sentem o apelo de participar o espetáculo criado na Praça Conselheiro Silva Torres".

VIGO

A Delegación da Xunta en Vigo acolle nestas datas de Nadal a exposición de pintura do artista vigués Chicho Solveira 

Pode visitarse na planta baixa do edificio administrativo da Xunta na cidade olívica de luns a sábado en horario de atención ao público ata o 14 de xaneiro

Chicho Solveira, pintor de Vigo
Foto: Facebook


Infogauda / Vigo

 A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle ata o vindeiro 14 de xaneiro unha exposición de pintura do artista vigués Chicho Solveira.  

 O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, percorreu hoxe xunto ao artista a mostra que, baixo o título Puntos de vista dun pintor, está composta por un total de 20 cadros. Coma explicou o propio pintor, son obras de temática diversa realizados en acrílico e óleo con áridos sobre lenzo nas que, en verbas do mesmo autor, amosa “un percorrido dende a pintura materica ata a figurativa cargada de cor e sensacións”.  

 Situada na planta baixa do edificio administrativo da Xunta en Vigo, xa se pode visitar en horario de apertura ao público, é dicir, de luns a venres de 9,00 a 19,00 horas, e os sábados de 9,00 a 14,00 horas.  

 Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas, asociacións e colectivos culturais que xa se realizaron na planta baixa do edificio abrindo o edificio administrativo á participación de artistas e colectivos ofrecendo o seu espazo expositivo a todos aqueles que estean interesados en amosar as súas obras.  
O pintor, Chicho Solveira 
 Natural de Vigo, comezou a pintar fai xa bastante tempo para amigos e familiares. Pero coma amante do arte, pouco a pouco animouse a tomar a pintura máis en serio con moitas obras de arte relixioso amosándoas así en Vigo e alrededores e mesmo ata en Portugal.  

 Expón de forma individual e solitaria dende o ano 1997 gañando incluso algún premio. Neste ano 2015 realizou exposicións en varias localidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña ademais de participar tamén no Concurso-Exposición da Camelia de Tomiño que organiza anualmente a Asociación de Vigueses no Baixo Miño, no VII Concurso-Exposición de Pintura en Sala Solleiro, gañando o primeiro premio, e tamén no Concurso-Exposición Al Aire Libre de Tomiño levándose tamén o primeiro premio. Estes dous últimos certames foron organizados pola Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Solleiro de Tomiño. Por último, tamén formou parte da mostra colectiva que este colectivo realizou no mes de xullo na sede viguesa da Deputación de Pontevedra. Nestas datas expón na Delegación da Xunta ampliando así o seu currículo. 

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a orde correspondente 

Rey Varela asina con Abanca o convenio que instrumentaliza a Tarxeta Benvida para que as familias dos nenos que nazan a partir do 1 de xaneiro reciban 100 euros ao mes para gastos básicos 

O conselleiro de Política Social anunciou que a cartilla de vacinación infantil recollerá un folleto informativo sobre a Tarxeta Benvida así como sobre o Plan de Apoio á Natalidade 

A Xunta traballa coa previsión de que o 85% das familias galegas reciban a Tarxeta Benvida 

A Tarxeta Benvida cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o nacemento dunha filla ou dun fillo como gastos de alimentación, gastos de hixiene e gastos en produtos farmacéuticos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asinou na mañá de hoxe o convenio polo que se instrumentaliza a Tarxeta Benvida, dentro do Plan de Apoio á Natalidade (PAN)  
Foto: Conchi Paz


Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asinou na mañá de hoxe o convenio polo que se instrumentaliza a Tarxeta Benvida, dentro do Plan de Apoio á Natalidade (PAN). O acordo, asinado co director de Banca institucional de Abanca, Santiago Novoa García, permitirá que as familias dos nenos e nenas que nazan a partir do 1 de xaneiro de 2016, reciban 100 euros ao mes para costear parte dos gastos dos bebés nos seus primeiros momentos de vida. Esta axuda tamén está dirixida a aqueles pais e nais que adopten un neno ou unha nena menores dun ano. “Aspiramos a que Galicia sexa un lugar mellor para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno ou nena. Queremos compensar o esforzo de moitos pais e nais dándolles máis apoio e facilidades; e pretendemos ser unha administración máis sensible ás necesidades das familias”, sinalou Rey Varela.

 Nas súas verbas, o conselleiro de Política Social destacou a axilidade coa que se ten desenvolvido o proceso de preparación da tarxeta, e salientou que coincidindo coa sinatura do convenio con Abanca, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a orde correspondente á Tarxeta Benvida, para que os pais poidan solicitar a axuda desde o mesmo 1 de xaneiro do ano que vén. “Hoxe demos o último paso para que a Tarxeta Benvida sexa unha realidade a partir do vindeiro 1 de xaneiro, cumprindo así co noso compromiso”, dixo Rey Varela. Así mesmo, apuntou que a Tarxeta Benvida “supón un avance social para apoiar ás familias e fomentar a natalidade”.

 Rey Varela explicou que a Tarxeta Benvida forma parte dun paquete integral de medidas de apoio á familia e á infancia contidas no Programa de Apoio á Natalidade (PAN), entre as cales se contemplan: o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción de fillos/as, a prestación do pagamento único por fillos/as menores de 3 anos, o bono conciliación dirixido a garantir aos pais e nais prazas en escolas infantís para os seus nenos/as ou o bono coidador no rural, entre outras.”A Tarxeta Benvida non é o remate do Programa de Apoio á Natalidade de Galicia, é o principio dun gran programa que pretende que Galicia sexa o mellor lugar para ser neno ou nena”.

 Beneficiar á maioría das familias 
 Como novidade, Rey Varela anunciou que a cartilla de vacinación infantil recollerá un folleto informativo sobre a Tarxeta Benvida así como sobre o Plan de Apoio á Natalidade. O obxectivo é que todos os pais e nais dos bebés galegos coñezan esta axuda directa á natalidade e poidan cumprir os pasos establecidos para a súa solicitude e posterior autorización. Deste xeito, a Xunta traballa coa previsión de que o 85% das familias galegas reciban a Tarxeta Benvida. Un total no que se atopan incluídas familias de todos os tipos xa que os límites de renda fixados facilitan que se teñan en conta, por exemplo, as familias monoparentais ou as familias numerosas.

 Con respecto a isto, o conselleiro de Política Social engadiu que o obxectivo do Goberno autonómico é que a Tarxeta Benvida chegue a 8 de cada 10 familias e que teña un financiamento plurianual de 18 millóns de euros. A este respecto apuntou que o importe total desta axuda supón o 10% dos recursos económicos que en 2016 a Consellería de Política Social destinará a este ámbito. Os pais e nais terán dous meses de prazo para solicitala Tarxeta Benvida e a Xunta deberá resolver as peticións que se formulen nun tempo máximo de tres meses, aínda que o titular autonómico de Política Social indicou a posibilidade de reducir estes prazos de tal xeito que as primeiras tarxetas chegarán aos seus beneficiarios en cuestión de semanas.

 Participación de Abanca 
 Pola súa banda, o director de Banca institucional explicó que o papel de ABANCA vai estar centrado na produción e operatividade dos medios de pago necesarios para implementar o funcionamento da Tarxeta Benvida de acordo coas especificacións do Programa de Apoio á Natalidade (PAN). Nesta liña, Novoa García subliñou que “o obxectivo da entidade galega é poñer a disposición dos seus beneficiarios a tecnoloxía necesaria para acceder e facer uso das vantaxes do programa de xeito cómodo e sinxelo”. E, ao fío, avanzou que ABANCA achegará ademais outro elemento de valor engadido: a súa rede de caixeiros, a máis extensa de Galicia con máis de 1.000 centros, e os seus correspondentes dispositivos de servizo (servizos web, terminais punto de venta), nos que en calquera momento os usuarios da Tarxeta Benvida poderán consultar o saldo do que dispoñen.

 A Tarxeta Benvida cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o nacemento dunha filla ou dun fillo como gastos de alimentación, gastos de hixiene e gastos en produtos farmacéuticos. A tarxeta poderá canxearse tanto en supermercados e tendas de alimentación como farmacias e parafarmacias.

MAR

A Consellería do Mar autoriza novos plans para a explotación de anemones e do equinodermo coñecido como 'carallo de mar' 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2016 A través deste plan a Xunta aproba 205 plans de explotación marisqueira para o vindeiro ano co fin de garantir unha boa xestión dos recursos 

O boi, o polbo e a centola serán regulados no seu momento por plans de xestión específicos 

O DOG tamén publica a orde que aproba os plans de explotación de poliquetos, especie para a que a Consellería aprobou 24 plans de explotación  

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira nova venta para o ano 2016. Este documento establece o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e informes científicos dispoñibles. Faino mediante unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.  

 A través da Consellería do Mar aproba un total de 205 plans de explotación entre os que destacan novos plans para especies como as anemones ou o equinodermo holoturia Holothuria forskali, coñecido popularmente en Galicia como carallo de mar, o que demostra o interese crecente por parte do sector na explotación comercial deste tipo de especies.  

 No caso das anemones a Consellería do Mar aprobou 9 plans de explotación, un máis que o ano pasado coa incorporación da confraría de Baiona e no caso do carallo de mar, para o 2016 a Consellería aprobou dous novos plans de explotación, nun deles participan as confrarías de A Coruña-Barallobre e no outro a do Grove. Estes súmanse ao plan de explotación da confraría de Cangas que este ano iniciou a explotación desta especie por primeira vez en Galicia ante a súa incipiente demanda comercial. Así, en total, na explotación deste recurso participarán 27 embarcacións. 

 Outros recursos que incorporan varias confrarías aos seus plans de explotación como actividade complementaria para diversificar a súa actividade son o ourizo e as algas. Ademais son varias as entidades que, a través dos plans de explotación, prevén reiniciar a extracción comercial de reló, extracción que pode realizarse para o intervalo de tallas comprendido entre 30 e 35 milímetros.  

 Así, dos máis de 200 plans de explotación aprobados, 46 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 48 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo, 35 son para a extracción de percebe e 18 para equinodermos. Ademais 25 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 6 son para a extracción de peneira, 18 para algas e 9 para a extracción de anemone.  

 As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse no seu momento a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. Do mesmo xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.  
Crustáceos 
 En relación a outros crustáceos, o Plan establece que está permitido capturar nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro.  

 No caso da lagosta, esta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan establece que se poderá capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.  
Poliquetos 
En canto aos poliquetos - vermes mariños para cebo no litoral de Galicia- o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2016 mantén que as entidades asociativas do sector poden contemplar dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira zonas para que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva.  

 Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licenzas de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.  

 Hoxe o Diario Oficial de Galicia tamén publica a orde que aproba os plans de explotación desta especie para o 2016. En total, a Consellería aprobou 24 plans de explotación de poliquetos á que se incorpora a Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns e as confrarías de pescadores de Vigo e Sanxenxo.  


EDUCACIÓN

A Xunta destina 250.000 euros a axudas para a realización de actividades extraescolares por parte das ANPAS galegas 

As actividades teñen que estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e educación especial e contribuír á conciliación da vida familiar e laboral

Infogauda / Santiago de Compostela

 O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas á realización de programas de actividades complementarias e extraescolares por parte das asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) dos centros educativos galegos.  

 Estas actividades deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o curso escolar 2015/2016.  

 O importe das axudas é de 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Poderán ser beneficiarias as ANPAS dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  

 Os programas de actividades que se poderán subvencionar deberán cumprir os seguintes requisitos: contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado, reforzando os valores igualitarios, libres de prexuízos e de estereotipos sexistas, así como a concienciación contra a violencia de xénero; levarse a cabo nas dependencias do centro, en horario continuado de luns a venres e fóra do horario lectivo.  

 Ademais, as actividades deberán centrarse en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos e/ou deportivos e estar dirixidas obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos que polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido. 

 Cada asociación de nais e pais só poderá presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima da axuda que se pode conceder é de 6.000 euros.   

 As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 31 de xaneiro de 2016.

CULTURA

A Casa de Rosalía estrea arquivo informatizado e pon ao dispor da comunidade investigadora a súa documentación histórica 

O secretario xeral de Cultura visitou esta mañá o arquivo da Fundación Rosalía de Castro logo dos traballos realizados nos últimos meses de organización, clasificación e descrición dos seus fondos documentais 

Cultura e Educación apoiou estas actuacións a través da liña de axudas para a mellora de arquivos municipais, universitarios e de entidades sen fin de lucro, da que se beneficiaron este ano un total de 14 proxectos

Casa-Museo de Rosalía de Castro

Infogauda / Padrón (A Coruña)

 A Fundación Rosalía de Castro abre o arquivo da Casa-Museo logo de rematar a primeira fase de organización, clasificación, descrición e instalación dos fondos documentais desta institución. Os traballos, que se levaron a cabo este ano entre os meses de setembro e de novembro, contaron cun apoio de 4.000 euros da Consellería de Cultura e Educación, a través da liña de axudas para a mellora dos arquivos universitarios, de entes locais e de entidades sen fin de lucro de Galicia.  

 O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, visitou esta mañá a Casa-Museo para coñecer as actuacións levadas a cabo, que lle permiten á Casa de Rosalía estrear arquivo informatizado con toda a súa documentación histórica ao dispor dos investigadores e das investigadoras.  

 Os traballos favorecerán un maior coñecemento dos fondos, poñelos en valor, garantir a súa adecuada xestión e conservación, e ampliar as súas posibilidades de consulta. E é que desde hoxe xa está accesible para a comunidade investigadora toda a documentación histórica do arquivo, é dicir, a parte máis relevante dos fondos. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e ás súas bases de datos, ordenados e catalogados.  
Diversas actuacións de mellora 
 As actuacións de mellora do arquivo, que posúe importantes e interesantes fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros dos séculos XIX e XX, ata o de agora pouco coñecidos, incluíron a análise da información dos documentos, a súa clasificación e ordenación, a avaliación do seu estado de conservación e a limpeza, desgrampado e eliminación doutros elementos que puidesen prexudicar os documentos.  

 Para a descrición dos fondos, empregouse unha ferramenta que permitise a informatización do proceso. Finalmente, procedeuse á instalación dos documentos en soportes axeitados para a súa conservación.  
Valor histórico-patrimonial do arquivo 
 Dentro do fondo documental propiamente dito do arquivo da fundación destaca a serie de correspondencia, tanto polo seu valor histórico-patrimonial como por ser a máis voluminosa. Nela atópanse numerosas cartas intercambiadas con persoeiros galegos como Fermín Bouza Brey, Castelao, Sánchez Cantón, Fernández del Riego, Gómez Román, Ferro Couselo, García Sabell, Xosé Filguera Valverde, Valentín Paz-Andrade e Quiroga Palacios, entre outros. Tamén se inclúen cartas intercambiadas con responsables dos centros e colectivos galegos de Buenos Aires ou La Habana, como Juan Varela Grande, José Villamarín, Abelardo Estévez, Jesús Canabal, Rey Rodríguez, etc., mostra das intensas relacións que o Padroado e os seu responsables mantiñan cos galegos emigrados.  

 Tamén destaca a serie relativa a actas e documentos constitutivos, na que se atopan o primeiro libro de actas do Padroado, así como informes e memorias que describen a actividade desenvolvida nos primeiros momentos, desde a adquisición da Casa de Rosalía por parte de Granjel e Mosquera.  

 En canto aos fondos gráficos, salientan os vinculados con Rosalía de Castro e, especialmente, a colección Pardellas de Blas, con fotografías da escritora e da súa familia, entre outras. Este fondo tamén alberga documentos desde os inicios da actividade do Padroado e a realización de diversas actividades, como as rutas rosalianas ou a ofrenda floral en Bonaval, con destacados persoeiros galegos e estranxeiros.  

 Cómpre destacar tamén o valor do fondo de Rosalía, composto por documentos, moitos deles manuscritos, vinculados á autora, como as cartas de Manuel Murguía e das súas fillas. Por outro lado, é de máxima relevancia o legado de Xosé Mosquera Pérez, con interesantes documentos dos inicios do galeguismo, mostra das súas relacións persoais e da súa implicación política, social e cultural.  
Mellora dos arquivos universitarios, locais e de entidades sen fin de lucro 
 A Consellería de Cultura e Educación é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia. A través da Secretaría Xeral de Cultura, o departamento vén reforzando a protección, conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia mediante unha convocatoria de axudas que ten como obxectivo colaborar no financiamento de actuacións que garantan a organización, descrición e dixitalización dos fondos documentais, así como a mellora das instalacións dos arquivos universitarios galegos, dos arquivos de entes locais (concellos, principalmente) e das entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado ao arquivo e que custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.  

 En 2015, adxudicáronse a través desta liña de subvencións –dotada con 77.740 euros–, axudas para un total de 14 proxectos, entre os que se inclúen, xunto co da Fundación Rosalía de Castro, os presentados polas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, polos concellos de Arzúa, Ortigueira e Boimorto, polo Bispado de Tui-Vigo e polas fundacións Xaime Isla Couto, Penzol e Uxío Novoneyra.

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria pola que se poderán solicitar estas subvencións a partir de mañá 

A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas do Bono de Alugueiro Social, cun investimento total de máis de 4 millóns de euros 

O Bono vai dirixido a aquelas persoas que afronten unha demanda de desafiuzamento por impago de rendas, vítimas de violencia de xénero e persoas privadas da súa vivenda por danos nas mesmas 

A axuda será de 150 euros mensuais e poderá estenderse ata un máximo de dous anos 

Existe tamén unha axuda de 450 euros para os gastos dun novo contrato ou para atender pagos pendentes en caso de permanecer na mesma vivenda

Dado que as axudas teñen carácter plurianual, os fondos destinados a estas axudas distribúense en tres anos


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas do Bono de Alugueiro Social, cun investimento total de máis de 4 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria pola que se poderán solicitar estas subvencións a partir de mañá.  

 Dado que as axudas teñen carácter plurianual, os fondos destinados a estas axudas distribúense en tres anos. A axudas, cun importe de 150 euros mensuais, concédense por un período de ata 12 meses, que poderá prorrogarse, previa solicitude do interesado, por un período igual ao da concesión inicial ata un máximo de dous anos.  

 A maiores, o programa contén unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender pagos pendentes.  

 O obxectivo do Bono de Alugueiro Social, medida incluída no Plan rehaVIta, é atender as necesidades das familias con dificultades para o pago do alugueiro, establecendo a orde de convocatoria para 2016 que están dirixidas aos seguintes colectivos:  

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora, dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou por unha resolución xudicial de terminación dun procedemento da mesma natureza.  

b) As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.  

c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.  A orde publicada hoxe amplía o ámbito das axudas aos casos comprendidos nos puntos b e c, xa que a orde de agosto de 2015 só prevía estas subvencións para persoas afectadas por desafiuzamentos por impago do alugueiro.  

 No caso de desafiuzamento por impago do alugueiro o contrato de arrendamento que motivou o procedemento deberá ter unha duración non inferior a 12 meses e entre a presentación da solicitude da axuda e a comunicación da interposición da demanda ou da notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento non transcorrerán máis de seis meses.