A Consellería do Mar autoriza novos plans para a explotación de anemones e do equinodermo coñecido como 'carallo de mar'
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2016 A través deste plan a Xunta aproba 205 plans de explotación marisqueira para o vindeiro ano co fin de garantir unha boa xestión dos recursos
O boi, o polbo e a centola serán regulados no seu momento por plans de xestión específicos
O DOG tamén publica a orde que aproba os plans de explotación de poliquetos, especie para a que a Consellería aprobou 24 plans de explotación
Infogauda / Santiago de Compostela
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira nova venta para o ano 2016. Este documento establece o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e informes científicos dispoñibles. Faino mediante unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.
A través da Consellería do Mar aproba un total de 205 plans de explotación entre os que destacan novos plans para especies como as anemones ou o equinodermo holoturia Holothuria forskali, coñecido popularmente en Galicia como carallo de mar, o que demostra o interese crecente por parte do sector na explotación comercial deste tipo de especies.
No caso das anemones a Consellería do Mar aprobou 9 plans de explotación, un máis que o ano pasado coa incorporación da confraría de Baiona e no caso do carallo de mar, para o 2016 a Consellería aprobou dous novos plans de explotación, nun deles participan as confrarías de A Coruña-Barallobre e no outro a do Grove. Estes súmanse ao plan de explotación da confraría de Cangas que este ano iniciou a explotación desta especie por primeira vez en Galicia ante a súa incipiente demanda comercial. Así, en total, na explotación deste recurso participarán 27 embarcacións.
Outros recursos que incorporan varias confrarías aos seus plans de explotación como actividade complementaria para diversificar a súa actividade son o ourizo e as algas. Ademais son varias as entidades que, a través dos plans de explotación, prevén reiniciar a extracción comercial de reló, extracción que pode realizarse para o intervalo de tallas comprendido entre 30 e 35 milímetros.
Así, dos máis de 200 plans de explotación aprobados, 46 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 48 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo, 35 son para a extracción de percebe e 18 para equinodermos. Ademais 25 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 6 son para a extracción de peneira, 18 para algas e 9 para a extracción de anemone.
As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse no seu momento a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. Do mesmo xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.
Crustáceos
En relación a outros crustáceos, o Plan establece que está permitido capturar nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro.
No caso da lagosta, esta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan establece que se poderá capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.
Poliquetos
En canto aos poliquetos - vermes mariños para cebo no litoral de Galicia- o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2016 mantén que as entidades asociativas do sector poden contemplar dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira zonas para que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva.
Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licenzas de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.
Hoxe o Diario Oficial de Galicia tamén publica a orde que aproba os plans de explotación desta especie para o 2016. En total, a Consellería aprobou 24 plans de explotación de poliquetos á que se incorpora a Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns e as confrarías de pescadores de Vigo e Sanxenxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario