16 de xul. de 2025

O ROSAL

O Rosal brinda a Feira do Viño máis dinámica, sostible e segura, un evento que promete xerar comunidade e combinar tradición, gastronomía e cultura 

•  Do 18 ao 20 de xullo, a praza do Calvario acollerá esta edición que se presenta cun programa espectacular de actividades, co viño como fío condutor 




Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para abrir as portas á súa XXXIII Feira do Viño, unha das festas máis agardadas e sentidas do verán do Baixo Miño. Dende hai anos, está consolidada como unha celebración que transcende o ámbito vitivinícola e que se converteu nun espazo de participación colectiva que se sente como un símbolo de identidade do municipio.

 Unha nova edición que se celebrará do 18 ao 20 de xullo no centro do municipio e que chega cun formato renovado, que buscará converter a experiencia dos visitantes en algo inesquecible. O viño será o fío condutor dunha programación de actividades, que “constitúe a Feira do Viño máis dinámica, con todo tipo de lecer, mesturando tradición, gastronomía e cultura”, como salientou a alcaldesa.

 “Nestes últimos anos desde o Concello consolidamos un proxecto de Feira cunha programación de calidade cada vez máis diversa e dirixida a todas as idades que marida á perfección coa calidade do noso viño da man da Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal. Queremos que este evento sexa un espazo de encontro de amizades e familiar con todo tipo de actividades. Ademais, este ano damos un paso importante no compromiso coa sostibilidade, converténdonos en Festa de interese sostible. Tamén coa seguridade da Feira, reforzando a liña de autobuses circulares polo Rosal e con toda a Comarca”, afirmou á alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

 Unha novidade importante é salientar como adiantou a rexedora, que este evento será tamén unha mostra do compromiso do Concello e da veciñanza rosaleira co respecto pola nosa contorna, acreditando a Feira como Festa de Interese Sostible. Entre outras medidas, poñeranse a disposición dos asistentes vasos reutilizables, con fin de vivir unha festa chea de vida, pero tamén de coidado do noso medio ambiente.

 Ademais será unha Feira segura. O Concello reforza o servizo de autobuses dentro do municipio e dende outros puntos da comarca, co fin de evitar os desprazamentos en vehículo propio.




 A apertura oficial da feira chegará o 18 de xullo, ás 13:30h, cun acto institucional da man de Ziyang Zhang, asesor vitivinícola da Embaixada de China en España e pregoeiro deste evento. Co seu coñecemento espectacular na materia, guiará aos asistentes nunha cata que tratará de descubrir os aromas e matices dos viños da zona. Unha figura que puxo en valor Carlos Gómez.

 “Trátase dun home cunha dilatada experiencia en todo o relacionado co viño. É asesor do sector vitivinícola da embaixada chinesa en España, director da Guía Peñín en China, catador e formador. A súa traxectoria internacional avala que estamos ante un pregoeiro á altura do evento que se vai celebrar no Rosal”, declarou.

 Dentro do programa haberá outras actividades relacionadas directamente co viño. Terán lugar catas populares comentadas da man da prestixiosa Galicia Wine Academy e poderase descubrir a arte da análise sensorial do viño e os seus compoñentes. Por outra banda, celebraranse visitas guiadas que conectarán directamente co pasado e a historia do Rosal, como á igrexa de Santa Mariña, na que celebramos 300 anos de existencia da xoia do noso retablo barroco, ou ao Museo do Cabaqueiro, onde se pode recoñecer o legado dos homes e mulleres que construíron a historia do municipio.

 Esta XXXIII edición da Feira do Viño terá tamén un marcado carácter cultural. O Rosal vibrará coa mellor música, con concertos de diferentes estilos, combinados con esas sesións vermús que levan a toda veciñanza á rúa para xerar comunidade. Non se pode esquecer o papel clave da gastronomía, que se verá representada nos días da Feira con espazos onde saborear unha espectacular combinación entre as receitas tradicionais e as propostas máis atrevidas, co fin de poñer en valor a comida local.

 Tamén terán o seu lugar máxico os máis pequenos e pequenas. Como o ano pasado, os nenos e nenas poderán desfrutar de espectáculos, obradoiros creativos e mesmo dunha nova edición do xogo de escape. “Segredos entre barricas” permitiranos gozar dunha xincana de probas e retos a resolver en familia e amizades de todas as idades.

 O talento e a arte local brillarán tamén coas exposicións de Luis Alberto Franco Lomba (Berto), con debuxos do Rosal en tinta chinesa, e de Ramón González, coas súas maquetas arquitectónicas. Non fallará a tradicional exposición do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal. Nesta ocasión o selo homenaxeará á histórica U.D. Ribera polo seu 75 aniversario.

 Todas as actividades que requiren inscrición previa, como poderían ser catas, obradoiros ou o xogo de escape, xa teñen o prazo aberto. As prazas son limitadas, polo que compre acceder aos formularios de inscrición dende as redes sociais do concello, da feira ou na páxina web municipal www.orosal.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario