30 de dec. de 2015

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria pola que se poderán solicitar estas subvencións a partir de mañá 

A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas do Bono de Alugueiro Social, cun investimento total de máis de 4 millóns de euros 

O Bono vai dirixido a aquelas persoas que afronten unha demanda de desafiuzamento por impago de rendas, vítimas de violencia de xénero e persoas privadas da súa vivenda por danos nas mesmas 

A axuda será de 150 euros mensuais e poderá estenderse ata un máximo de dous anos 

Existe tamén unha axuda de 450 euros para os gastos dun novo contrato ou para atender pagos pendentes en caso de permanecer na mesma vivenda

Dado que as axudas teñen carácter plurianual, os fondos destinados a estas axudas distribúense en tres anos


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas do Bono de Alugueiro Social, cun investimento total de máis de 4 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria pola que se poderán solicitar estas subvencións a partir de mañá.  

 Dado que as axudas teñen carácter plurianual, os fondos destinados a estas axudas distribúense en tres anos. A axudas, cun importe de 150 euros mensuais, concédense por un período de ata 12 meses, que poderá prorrogarse, previa solicitude do interesado, por un período igual ao da concesión inicial ata un máximo de dous anos.  

 A maiores, o programa contén unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender pagos pendentes.  

 O obxectivo do Bono de Alugueiro Social, medida incluída no Plan rehaVIta, é atender as necesidades das familias con dificultades para o pago do alugueiro, establecendo a orde de convocatoria para 2016 que están dirixidas aos seguintes colectivos:  

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora, dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou por unha resolución xudicial de terminación dun procedemento da mesma natureza.  

b) As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.  

c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.  A orde publicada hoxe amplía o ámbito das axudas aos casos comprendidos nos puntos b e c, xa que a orde de agosto de 2015 só prevía estas subvencións para persoas afectadas por desafiuzamentos por impago do alugueiro.  

 No caso de desafiuzamento por impago do alugueiro o contrato de arrendamento que motivou o procedemento deberá ter unha duración non inferior a 12 meses e entre a presentación da solicitude da axuda e a comunicación da interposición da demanda ou da notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento non transcorrerán máis de seis meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario