30 de dec. de 2015

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a orde correspondente 

Rey Varela asina con Abanca o convenio que instrumentaliza a Tarxeta Benvida para que as familias dos nenos que nazan a partir do 1 de xaneiro reciban 100 euros ao mes para gastos básicos 

O conselleiro de Política Social anunciou que a cartilla de vacinación infantil recollerá un folleto informativo sobre a Tarxeta Benvida así como sobre o Plan de Apoio á Natalidade 

A Xunta traballa coa previsión de que o 85% das familias galegas reciban a Tarxeta Benvida 

A Tarxeta Benvida cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o nacemento dunha filla ou dun fillo como gastos de alimentación, gastos de hixiene e gastos en produtos farmacéuticos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asinou na mañá de hoxe o convenio polo que se instrumentaliza a Tarxeta Benvida, dentro do Plan de Apoio á Natalidade (PAN)  
Foto: Conchi Paz


Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asinou na mañá de hoxe o convenio polo que se instrumentaliza a Tarxeta Benvida, dentro do Plan de Apoio á Natalidade (PAN). O acordo, asinado co director de Banca institucional de Abanca, Santiago Novoa García, permitirá que as familias dos nenos e nenas que nazan a partir do 1 de xaneiro de 2016, reciban 100 euros ao mes para costear parte dos gastos dos bebés nos seus primeiros momentos de vida. Esta axuda tamén está dirixida a aqueles pais e nais que adopten un neno ou unha nena menores dun ano. “Aspiramos a que Galicia sexa un lugar mellor para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno ou nena. Queremos compensar o esforzo de moitos pais e nais dándolles máis apoio e facilidades; e pretendemos ser unha administración máis sensible ás necesidades das familias”, sinalou Rey Varela.

 Nas súas verbas, o conselleiro de Política Social destacou a axilidade coa que se ten desenvolvido o proceso de preparación da tarxeta, e salientou que coincidindo coa sinatura do convenio con Abanca, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a orde correspondente á Tarxeta Benvida, para que os pais poidan solicitar a axuda desde o mesmo 1 de xaneiro do ano que vén. “Hoxe demos o último paso para que a Tarxeta Benvida sexa unha realidade a partir do vindeiro 1 de xaneiro, cumprindo así co noso compromiso”, dixo Rey Varela. Así mesmo, apuntou que a Tarxeta Benvida “supón un avance social para apoiar ás familias e fomentar a natalidade”.

 Rey Varela explicou que a Tarxeta Benvida forma parte dun paquete integral de medidas de apoio á familia e á infancia contidas no Programa de Apoio á Natalidade (PAN), entre as cales se contemplan: o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción de fillos/as, a prestación do pagamento único por fillos/as menores de 3 anos, o bono conciliación dirixido a garantir aos pais e nais prazas en escolas infantís para os seus nenos/as ou o bono coidador no rural, entre outras.”A Tarxeta Benvida non é o remate do Programa de Apoio á Natalidade de Galicia, é o principio dun gran programa que pretende que Galicia sexa o mellor lugar para ser neno ou nena”.

 Beneficiar á maioría das familias 
 Como novidade, Rey Varela anunciou que a cartilla de vacinación infantil recollerá un folleto informativo sobre a Tarxeta Benvida así como sobre o Plan de Apoio á Natalidade. O obxectivo é que todos os pais e nais dos bebés galegos coñezan esta axuda directa á natalidade e poidan cumprir os pasos establecidos para a súa solicitude e posterior autorización. Deste xeito, a Xunta traballa coa previsión de que o 85% das familias galegas reciban a Tarxeta Benvida. Un total no que se atopan incluídas familias de todos os tipos xa que os límites de renda fixados facilitan que se teñan en conta, por exemplo, as familias monoparentais ou as familias numerosas.

 Con respecto a isto, o conselleiro de Política Social engadiu que o obxectivo do Goberno autonómico é que a Tarxeta Benvida chegue a 8 de cada 10 familias e que teña un financiamento plurianual de 18 millóns de euros. A este respecto apuntou que o importe total desta axuda supón o 10% dos recursos económicos que en 2016 a Consellería de Política Social destinará a este ámbito. Os pais e nais terán dous meses de prazo para solicitala Tarxeta Benvida e a Xunta deberá resolver as peticións que se formulen nun tempo máximo de tres meses, aínda que o titular autonómico de Política Social indicou a posibilidade de reducir estes prazos de tal xeito que as primeiras tarxetas chegarán aos seus beneficiarios en cuestión de semanas.

 Participación de Abanca 
 Pola súa banda, o director de Banca institucional explicó que o papel de ABANCA vai estar centrado na produción e operatividade dos medios de pago necesarios para implementar o funcionamento da Tarxeta Benvida de acordo coas especificacións do Programa de Apoio á Natalidade (PAN). Nesta liña, Novoa García subliñou que “o obxectivo da entidade galega é poñer a disposición dos seus beneficiarios a tecnoloxía necesaria para acceder e facer uso das vantaxes do programa de xeito cómodo e sinxelo”. E, ao fío, avanzou que ABANCA achegará ademais outro elemento de valor engadido: a súa rede de caixeiros, a máis extensa de Galicia con máis de 1.000 centros, e os seus correspondentes dispositivos de servizo (servizos web, terminais punto de venta), nos que en calquera momento os usuarios da Tarxeta Benvida poderán consultar o saldo do que dispoñen.

 A Tarxeta Benvida cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o nacemento dunha filla ou dun fillo como gastos de alimentación, gastos de hixiene e gastos en produtos farmacéuticos. A tarxeta poderá canxearse tanto en supermercados e tendas de alimentación como farmacias e parafarmacias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario