10 de nov. de 2015

GALICIA

Valeriano Martínez resalta que a baixada fiscal permitirá aos galegos pagar menos no IRPF e no imposto de Sucesións 

O conselleiro de Facenda destacou que as familias galegas disporán de 140 millóns de euros máis grazas a esta rebaixa 

Valeriano Martínez presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para 2016 

A rebaixa no IRPF súmase á de fai dous anos e beneficiará ao 98,5% dos contribuíntes, o que suporá un aforro de ata 380 euros para os declarantes O 99% das herdanzas a descendentes ou ascendentes deixarán de tributar 

As medidas administrativas recollidas no proxecto de lei permitirán mellorar a xestión, incrementar a eficiencia e afondar na simplificación  

Infogauda / Galicia

 O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que Galicia situarase entre as comunidades autónomas coa tributación máis baixa no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e no Imposto sobre Sucesións, grazas á rebaixa fiscal impulsada pola Xunta para o ano 2016. 

 Valeriano Martínez presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para o ano 2016, unha norma que complementa o proxecto de Lei de Orzamentos, que actualmente xa se atopa en tramitación parlamentaria.  

 Esta lei inclúe un conxunto de medidas fiscais que suporán un aforro para as familias e empresas galegas de arredor de 140 millóns de euros ao ano. Será “a maior rebaixa fiscal da historia da autonomía, co obxectivo de aumentar a renda dispoñible dos cidadáns e incentivar o consumo”, sinalou o conselleiro na súa intervención.  

 A Xunta fixará no IRPF unha nova escala aplicable ao tramo autonómico para mellorar a súa progresividade, ao pasar de cinco a sete tramos. Deste xeito, acadarase un sistema tributario máis equitativo, ao supoñer unha rebaixa maior para as rendas medias e baixas. “Con esta rebaixa completamos a levada a cabo por este Goberno fai dous anos, en vigor dende 2014, adiantándonos á reforma aprobada polo Estado”, destacou o titular de Facenda. 

 En concreto, a nova rebaixa beneficiará ao 98,5% dos contribuíntes galegos e permitirá un aforro de ata 380 euros ao ano para as rendas baixas e medias, o que situará a Galicia como unha das comunidades coa tributación máis baixa para estas rendas.  

 No Imposto de Sucesións, a Xunta incrementará o mínimo exento aos 400.000 euros para todas as adquisicións por descendentes, cónxuxes, ascendentes e adoptantes. Con esta medida eliminarase no 99% dos casos a tributación das herdanzas de pais a fillos, co obxectivo de manter íntegro o patrimonio familiar e a capacidade económica da familia, que pasa a perder, en moitas ocasións, a renda que achegaba a persoa falecida.  

 Ademais, a norma tamén aclara que a redución por vivenda habitual do causante do Imposto sobre Sucesións aplicarase aínda que a persoa non resida na mesma cando, por circunstancias fiscais ou psíquicas, se traslade para recibir coidados a un centro especializado ou a vivir cos seus familiares. Cúmprese así unha proposición non de lei aprobada de forma unánime polo Parlamento galego o pasado mes de marzo.  
 Menos impostos no rural 
 O conselleiro de Facenda tamén explicou que o Goberno galego completará en 2016 o programa de ‘impostos cero’ no ámbito rural, con novas medidas que complementan ás xa aprobadas nos últimos anos. “Pretendemos que o imposto non sexa un impedimento para mobilizar terras con vocación agraria que están abandonadas”, explicou.  

 Así, establecerase unha dedución do 100% na cota de transmisións de solo rústico, o que suporá a desaparición do gravame nestas operacións; elevaranse ao 100% as reducións que prevé a Lei de Modernización das Explotacións Agrarias, o que supón que o beneficio fiscal sexa completo para as operacións que buscan favorecer as transmisións de explotacións agrarias e o aumento do seu tamaño; e fixarase unha dedución do 100% da cota do gravame sobre Actos Xurídicos Documentados nas agrupacións de predios rústicos.  

 Ademais do ámbito fiscal, a Lei inclúe unha serie de medidas administrativas que teñen como finalidade mellorar a xestión do día a día da Administración, favorecer a simplificación e a racionalización, incrementar a eficiencia e afondar na seguridade xurídica.  

 Entre estas medidas, o conselleiro de Facenda referiuse á declaración das obras incluídas no Plan Galego de Abastecemento e no Plan Galego de Saneamento como de interese da Comunidade Autónoma; ao fomento das fusións de concellos coa creación dun fondo especial; á obrigatoriedade de revisión das facturacións realizadas dende a instalación dos novos contadores intelixentes; ou á obrigatoriedade do rexistro das empresas de turismo activo para garantir a seguridade das súas actividades, beneficiando a empresas e usuarios.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario