17 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Nerea Gil segue vencellada ao Atlético Guardés un ano máis 

A lateral navarra, que asinou en 2025 por dúas tempadas, completará o seu contrato co Club no curso que está a punto de comezar 

Gil é a oitava continuidade do cadro de persoal para este 2026/2027

 

 Nerea Gil - a esq. - que asinou en 2025 por dúas tempadas, completará o seu contrato na campaña entrante  
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés anuncia a continuidade de Nerea Gil no seu cadro de persoal para o curso 2026/2027. A lateral navarra, que asinou en 2025 por dúas tempadas, completará o seu contrato na campaña entrante e terá a oportunidade de facerse notar no conxunto despois dunha primeira tempada con pouco tempo sobre as pistas debido a unha lesión no xeonllo que viu varias complicacións. 

 A de Pamplona buscará na Guarda un segundo ano de recuperar sensacións, pois non tivo demasiadas oportunidades para demostrar o seu xogo na pasada tempada. Gil acusaba molestias dende a súa chegada ao Club, arrastrando unha escordadura no xeonllo esquerdo que se converteu nunha rotura de menisco pola que tivo que pasar polo quirófano en outubro. Aínda que se prevía o seu regreso antes do final da tempada, no postoperatorio desenvolveu varias complicacións que a mantiveron afastada das pistas ata a conclusión do ano deportivo, que pechou sumando varios minutos na final europea na Sangriña. 

 Por iso, o obxectivo para o futuro próximo é a súa posta a punto para sumar nun cadro de persoal ao que inicialmente se incorporou para aportar tanto proxección coma experiencia. 

 Nerea Gil é a oitava xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás que tamén continúan: Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez e Rosane Serrano. Polo demais, tamén transcenderon as saídas de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e doutras seis atletas: Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha, Ariana Portillo, Lorena Téllez e Estela Carrera. Nos vindeiros días e antes do comezo da pretempada, o Club comunicará as demais xogadoras que conformarán o seu proxecto do ano que vén, así como a identidade do técnico que a dirixirá.    

Nerea Gil: “Este ano estivo marcado polas lesións, polo que espero poder dar a miña mellor versión no campo pronto” 

 A xogadora do Guardés, Nerea Gil, declara estar “moi leda” de poder continuar un ano máis vencellada ao proxecto. “Esta última tempada para min foi diferente, xa que estivo marcada polas lesión”, conta a lateral, “polo que espero poder dar a miña mellor versión como xogadora pronto no campo”. 

 Así, a pamplonesa espera para o futuro próximo que “ogallá poidamos seguir a conseguir moitos éxitos”, coma sucedeu no seu primeiro ano como guardesa. Polo demais, recalca que se sinte “moi agradecida co Club e, sobre todo, coa nosa afección”, motivos que presentan esta nova tempada coma “moi ilusionante” para ela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario