13 de xul. de 2026

A GUARDA

A Guarda prepárase para celebrar a Virxe do Carme con dous días de tradición, música e homenaxe ao mar  




Infogauda/A Guarda

 A Guarda ultima os preparativos para vivir unha nova edición das festas da Virxe do Carme, unha das celebracións máis arraigadas na vila mariñeira, que terá lugar os días 15 e 16 de xullo cun programa que combina actos relixiosos, música, cultura popular e actividades vinculadas coa tradición marítima.

 A xornada do mércores 15 dará o pistoletazo de saída ás celebracións coa música do grupo de gaitas Do Lusco ó Fusco, que percorrerá as rúas da vila nun pasarrúas para animar veciñanza e visitantes. Xa pola noite, a partir das 23.00 horas, a festa trasladarase ao recinto de verbena coa actuación da orquestra Gran Parada, nunha gran noite musical que continuará coas sesións de DJ Axel, DJ Tito e Romeu DJ, encargados de poñer o ritmo ata o peche da primeira xornada festiva.

 O xoves 16, día grande da Virxe do Carme, a música volverá estar presente desde primeira hora da mañá coa Agrupación Musical de A Guarda, que percorrerá as rúas da localidade ofrecendo o tradicional pasarrúas.

 Os actos relixiosos centrarán a mañá. Ás 11.30 horas terá lugar a procesión desde a igrexa parroquial ata o porto, onde se celebrará a misa solemne, cantada pola Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda. Tras a celebración eucarística realizarase a emotiva ofrenda floral aos náufragos desde o volanteiro Piueiro, mantendo viva a lembranza de todas as persoas vinculadas ao mar que perderon a súa vida. A continuación, a procesión regresará ata a igrexa parroquial.

 Pola tarde, ás 20.00 horas, o porto volverá converterse no escenario da festa coa celebración das regatas de gameliñas e bateis, organizadas pola Asociación Piueiro e o Club de Remo Robaleira, unha cita que pon en valor a tradición mariñeira e o vínculo histórico da Guarda co mar.

 A programación festiva pecharase cunha gran verbena galega a cargo de Vento Mareiro e a Agrupación Musical de A Guarda, que serán os encargados de poñer música ao remate dunha celebración que une devoción, cultura e encontro veciñal.

 As festas da Virxe do Carme están organizadas pola Comisión de Festas da Virxe do Carme e contan coa colaboración da Asociación Piueiro, o Club de Remo Robaleira, o Concello da Guarda, Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural Alfombras da Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario