O GRUPO DO LUSCO ÓS FUSCO ORGANIZA O XXXI ENCONTRO DOS POBOS
• O evento folclórico, de carácter internacional, comezará o vindeiro día 24 deste mes
Laura Guisantes*/A Guarda
O grupo Do Lusco ó Fusco celebra a XXXI edición do Festival Internacional Encontro dos Pobos, un evento que, grazas ao compromiso dos integrantes do grupo, continúa a promover a música e o baile tradicional galego xunto cos valores de convivencia, respecto e intercambio cultural. Durante catro días, os concellos da Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño acollerán as actuacións e actividades dos grupos participantes, que compartirán tradicións, músicas e danzas nun encontro que, tras máis de tres décadas de historia, segue a consolidarse como un referente do folclore e da irmandade entre pobos.
Nesta edición, o festival volverá contar coa participación dos grupos locais de cada un dos concellos anfitrións, cos que, un ano máis, será un pracer compartir escenario e poñer en valor o rico patrimonio cultural da nosa contorna.
Como convidados internacionais, recibiremos a visita dos nosos amigos de Vilanova de Famalicão (Portugal), que ofrecerán a súa actuación no concello do Rosal, reforzando os históricos lazos de amizade e colaboración que unen ambas as dúas beiras do río Miño.
Así mesmo, desde Buftea (Romanía) chegarán os grupos Doina Ilfovului e Vatra Buftei, que achegarán ao público unha mostra da riqueza do folclore romanés a través da súa música tradicional e de coreografías representativas de distintas rexións do país, con especial protagonismo das zonas do sur de Romanía.
* Presidenta do grupo Do Lusco ó Fusco

Ningún comentario:
Publicar un comentario