16 de xul. de 2026

SANTIAGO DE COMPOSTELA

A USC comprométese coa memoria democrática no novo Espazo Xosé Humberto Baena 

  Este xoves inaugurouse nun emotivo acto este lugar de recoñecemento a quen fora estudante da USC


O decano e a reitora xunto co irmán e a irmá de Xosé Humberto Baena
Foto: Santi Alvite

Infogauda/Santiago de Compostela

 Xosé Humberto Baena Alonso (Vigo, 1950 – Hoyo de Manzanares, 1975) foi estudante no edificio que hoxe alberga a Facultade de Xeografía e Historia, entón Facultade de Filosofía e Letras. Cunha ampla traxectoria como militante antifranquista, no ano 1975 foi acusado de asasinato e de pertenza ao FRAP nun procedemento sumarísimo militar e foi condenado á pena capital e fusilado o 27 de setembro dese mesmo ano. O tribunal que o xulgou e a sentenza ditada foron posteriormente declarados ilegais, ilexítimos e nulos mediante a Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal expedida polo Goberno de España o 16 de xullo de 2025.  

 Diante destes feitos, a Xunta de Facultade de Xeografía e Historia aprobou na súa reunión do día 6 de xullo de 2026 unha declaración de Recoñecemento a Xosé Humberto Baena Alonso e decidiu dedicarlle un espazo da Facultade á súa memoria. Ese espazo inaugurouse este xoves nun emotivo acto ao que asistiron o irmán e o irmá do asasinado, Fernando e Flor Baena, e no que esta última explicou nun detallado relato como foron os feitos arredor do “acto inxusto e ilegal” da condena a morte do seu irmán e o camiño ata chegar ao recoñecemento ministerial.  

 A inauguración contou coa participación do decano da Facultade, que explicou que o espazo dedicado á memoria de Baena ten unha significación moi concreta como é a de emprazarse nun lugar singular do centro que o estudantado ocupa e goza dende hai moito tempo. “Cando asasinaron a Xosé Humberto era un estudante, e por iso pensamos que este é o seu sitio”, dixo. Na sala hai dúas imaxes, unha que conta a historia de Baena cun código QR para acceder a máis información e outra que reproduce a última carta que escribiu Xosé Humberto, na que se despedía do seu pai e da súa nai.  


No espazo pode lerse a última carta que escribiu Xosé Humberto
Foto: Santi Alvite

 

 A reitora da USC, Rosa Crujeiras, quixo tamén estar presente na inauguración do espazo co que “a nosa universidade rende homenaxe a quen foi estudante desta casa e á vez expresa o seu compromiso coa memoria democrática, coa defensa dos dereitos humanos e cos valores que sustentan a convivencia en liberdade”.  

 “A Universidade de Santiago de Compostela -manifestou- ten a responsabilidade de preservar a memoria, porque é unha institución dedicada ao coñecemento, á investigación e á formación dunha cidadanía crítica; pero tamén porque as universidades deben asumir a súa responsabilidade na transmisión dos valores democráticos”.  

 Rematou a súa intervención a reitora expresando o seu recoñecemento á Facultade de Xeografía e Historia por promover esta iniciativa e, moi especialmente, á familia de Humberto Baena. “O voso compromiso coa memoria permitiu que hoxe a universidade poida cumprir tamén coa súa responsabilidade”, afirmou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario