A Guarda convida a vestir a tradición no desfile de traxes rexionais
Infogauda/A Guarda
A Asociación Recuperación Traxe Galego da Guarda organiza o vindeiro 5 de agosto un desfile de traxes rexionais co obxectivo de poñer en valor o patrimonio etnográfico e a indumentaria tradicional galega.
O desfile dará comezo ás 19:00 horas e percorrerá o traxecto comprendido entre a Alameda e a praza de San Bieito, onde terá lugar o 1º Concurso de Traxes Galegos, nunha xornada que estará amenizada por varios grupos de música tradicional e que contará coa apertura da Banda de Gaitas de Paramos.
A cita pretende converterse nun punto de encontro para todas aquelas persoas que conservan e valoran o traxe tradicional galego. Por iso, desde a organización fan un chamamento á veciñanza da Guarda e da súa contorna para que participe activamente no desfile, lucindo os seus traxes e contribuíndo a encher as rúas de historia, cultura e tradición.
Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello da Guarda e a Comisión de Festas do Monte Santa Trega 2025, busca reivindicar a riqueza da indumentaria tradicional galega e fomentar a súa conservación e difusión entre as novas xeracións.
O desfile promete ser un dos actos máis vistosos do verán guardés, ofrecendo ao público unha magnífica oportunidade para gozar da beleza e diversidade dos traxes tradicionais galegos nun ambiente festivo e de convivencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario