14 de xul. de 2026

O ROSAL

O Rosal medra lendo dende o berce  

 O Concello agasalla a todas e todos os recén nacidos do municipio cunha caixiña de primeiros libros para fomentar a lectura en familia 

 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís e Germán Fernández Rodríguez, concelleiro de Vías e Obras, xunto con Belén e os seus pais Pablo e Minerva
Foto: COR

Infogauda/O Rosal

 Cada nova vida que chega ao Rosal trae consigo unha historia por escribir. E o Concello quere que esa historia comece con libros. O municipio pon en marcha unha iniciativa coa que agasallará a todos os recentemente nacidos e nacidas do Rosal cunha caixiña cos seus primeiros libros, un pequeno detalle cargado de simbolismo que busca fomentar a lectura dende o berce, achegar os contos á vida familiar e plantar unha semente que medre co paso dos anos. 

 Belén, xunto aos seus pais Pablo e Minerva, foi un dos primeiros bebés en recibir este agasallo, converténdose así en parte do inicio dunha iniciativa que o Concello manterá con cada nova vida que chegue ao municipio. Porque cada páxina lida hoxe é unha semente para mañá. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, explicou o espírito desta iniciativa. Cando nace unha nena ou un neno nace unha historia, e dende o Concello queremos acompañar ese primeiro capítulo cun agasallo especial. Non é só un libro, é unha invitación a compartir momentos en familia, a descubrir o marabilloso mundo dos contos e a crear desde o primeiro día o hábito da lectura”, salientou. 

 A rexedora subliñou o valor simbólico do xesto, xa que “queremos que rosaleiros e rosaleiras crezan nun lugar onde os libros estean presentes dende o primeiro día, onde soñar xuntas e xuntos sexa posible”. Por iso, a alcaldesa animou ás familias a facer da lectura un hábito compartido: Ler en voz alta a un bebé, mostrarlle as ilustracións, inventar historias xuntos... son momentos que quedan para sempre. Con esta caixiña queremos ser parte deses primeiros momentos e demostrar que o Rosal é un concello que aposta polo futuro dende o seu primeiro día de vida”, recalcou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario