27 de xuño de 2026

CULTURA

José Suárez: fotografía, exilio, cinema e a modernidade dunha mirada atlántica




Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 José Suárez Fernández ocupa un lugar singular na historia da fotografía galega e española do século XX. A súa traxectoria combina a práctica fotográfica e cinematográfica cun percorrido vital profundamente marcado pola mobilidade internacional, o exilio e a construción dunha linguaxe visual moderna, situada entre o documentalismo e as vangardas do seu tempo. Galicia, Europa, América e Asia configuran os escenarios dunha biografía que transcende os límites xeográficos para converterse nunha das miradas máis cosmopolitas da cultura visual galega contemporánea.

Formación e primeiros contactos coa modernidade

 Nado en Allariz (Ourense) o 17 de decembro de 1902, fillo de Benito Suárez Feijóo, de profesión procurador, e de Gumersinda Fernández Cheda, ama de casa. Tiveron 11 fillos. José Suárez inicia estudos de Dereito na Universidade de Salamanca, formación habitual entre sectores cultos da súa xeración, obtendo en 1925 a licenciatura, pero que non chega a consolidarse como carreira profesional. A comezos dos anos 30 entra no Concello de Salamanca como Oficial Administrativo. Moi cedo orienta os seus intereses cara á fotografía, nun momento no que esta disciplina comeza a ser entendida como linguaxe moderna e non só como ferramenta documental.

 Durante a súa etapa salmantina entra en contacto co ambiente intelectual da época e coa figura de Miguel de Unamuno, quen prologa a súa obra 50 fotos de Salamanca (1932). Este feito sitúao nun espazo privilexiado de diálogo entre pensamento filosófico e novas formas de representación visual.

 Entre as súas obras editadas tamén destacan:  Nieve en la cordillera (1942) – dedicado a súa muller Mary -, La Mancha (1965), Galicia: terra, mar e xentes (esta obra póstuma, publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. (Vigo 1981), é unha colección de máis de cen imaxes dedicadas á súa terra natal. A publicación foi impulsada e dirixida polo seu sobriño, Xosé Luís Suárez Canal, quen tamén se encargou do prólogo).

 A súa formación estética complétase coa influencia das vangardas europeas e co clima intelectual promovido pola Revista de Occidente, que defendía unha renovación profunda da cultura artística española.

Fotografía e cinema nos anos trinta

 Na década de 1930, José Suárez desenvolve unha actividade intensa como fotógrafo e cineasta. En 1935 pide a excedencia voluntaria no Concello de Salamanca; publica fotografías súas na revista Atalaya, de periodicidade mensual; e en xaneiro presenta súa primeira exposición no Círculo de Bellas Artes, de Madrid, e en abril, no Salon de l´Office National Espagnol de Tourisme, en París, que consolidan a súa proxección internacional nun momento especialmente fértil para a renovación da linguaxe visual. 

 Namorado de Mary Santiago Mirat, de Salamanca, casaron o 26 de xuño de 1935.

 Na primavera de 1936 inicia en Galicia, o proxecto cinematográfico Mariñeiros, interrompido polo estalido da Guerra Civil española. Este acontecemento supón unha ruptura decisiva na súa traxectoria e abre unha etapa de dispersión e exilio. O documental Mariñeiros remataríao en Arxentina a onde chegou no inverno de 1936, procedente de Lisboa. Súa muller nunca quixo acompañalo.

Exilio e expansión atlántica

 En 1937 instálase na Arxentina, onde desenvolve unha ampla actividade profesional no ámbito do cinema e da fotografía. En xuño dese ano expón con Clemente López Pasarón e Manuel Colmeiro Guimarás, nos salons da Asociación Amigos del Arte (rúa Florida, 659) de Buenos Aires. En 1938 estrea Mariñeiros. Traballa como director de fotografía e realizador en diversas producións, entre elas La mujer y el jockey (1939). En 1941 publica Las Pampas, obra editada en Buenos Aires por Emecé Editores, dentro da súa mítica Colección Buen Aire, e destacou especialmente por contar con deseño e ilustracións de Luis Seoane. Participa como fotógrafo no filme Malambo (1942), polo que recibe recoñecemento crítico. En xullo dese ano, con motivo do Día de Galicia, foi inaugurada unha Exposición de Estampas de Artistas Galegos, na cal participaron Castelao, Castro Gil, Colmeiro, Díaz Baliño, Fernández Cancio, Maside, Nespereira, Seoane, Souto, Villamil,...

 En 1942 publica Nieve en la Cordillera. O libro acolle fotografías que José Suárez realizou nos Andes, en lugares como El Portillo (Chile), onde fotografou ao esquiador francés Emile Allais, entre outros.

 Fotografía a Delia Garcés, actriz arxentina e mantén amizade con Luis Villaverde e súa familia, propietarios do restaurante La Casa de la Troya, de Buenos Aires, onde coincide con Castelao e Seoane.

 O 17 de agosto de 1945, nos salóns da Asociación Amigos del Arte, de Buenos Aires, José Suárez inaugura súa exposición Fotografías de España. El mar y el hombre en las costas de Galicia.

 Desenvolve tamén actividade xornalística no diario La Prensa de Bos Aires, integrándose nunha rede cultural de exiliados galegos e españois (Castelao, Seoane, Manuel Colmeiro, Alejandro Casona, José Bergamín, Ramón Pérez de Ayala, Rafael Alberti, Lorenzo Domínguez, Pío del Río-Hortega,…) que manteñen viva a produción intelectual fóra de España.

 En 1950 trasladouse ao Uruguai, onde continúa a súa actividade cultural e emprende un proxecto singular: a libraría El Yelmo de Mambrino, situada na súa casa en Punta del Este, e convertida nun espazo de encontro intelectual e de circulación de ideas no exilio do Río da Prata.

Xapón: a madurez dunha mirada

 A partir de 1953 viaxa ao Xapón como correspondente de prensa do xornal El Día, de Montevideo, iniciando unha das etapas máis decisivas da súa carreira. O contacto coa cultura xaponesa, e especialmente co teatro Noh, introduce unha nova dimensión estética baseada na contención, na precisión compositiva e na importancia do baleiro como elemento expresivo.

 Neste contexto establece relación co cineasta Akira Kurosawa, con quen mantén unha amizade intelectual que diversos estudos consideran significativa na súa evolución artística.

 En xuño de 1957, José Suárez presenta nos salóns de Amigos del Arte, de Montevideo, súa exposición Vislumbre de el Japón, con fotografías da súa estadía no país nipón.

 Colabora con publicacións como “Life”, “US Camara”, “Vida galega”, “Galicia emigrante”, “Atalaia”, “Agora”, “Cinegraf”, entre outras.

Regreso a España e actividade editorial

 En 1959 regresa a España e retoma a actividade fotográfica e editorial. Publica obras dedicadas a La Mancha e ao mundo taurino, entre elas The Life and Death of the Fighting Bull (1966), encargada pola Editorial Cassell, de Inglaterra, con prólogo de John Marks, e destinada a un público internacional.

 Nesta etapa participa tamén en proxectos culturais de grande alcance, como a ilustración da Historia de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, contribuíndo á construción dunha imaxe visual do país nun momento de recuperación cultural.

 A finais dos anos 60 instálase no Hotel Miño, de Ourense e deixa de facer fotografías.

 Mariñeiros foi a última exposición que realizou entre 1967 e 1971, en Vigo e en Ourense, na Sala de Arte da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e no Museo Arqueolóxico Provincial, respectivamente.

 Entre 1960 e 1971 publica diferentes reportaxes en La Prensa, de Buenos Aires.

 En 1972 viaxa como asesor a Candanchú para crear unha estación de inverno en Manzaneda (Ourense).

 Nos seus últimos anos mantén unha relación activa coa vida intelectual galega, especialmente en Ourense, onde participa en faladoiros e círculos culturais vinculados a figuras como Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Carlos Casares e ao grupo coñecido como os “artistiñas”, - ou Grupo Volter - do cal formaban parte os escultores Acisclo Manzano, Manuel García de Buciños e Arturo Baltar, e os pintores Xaime Quessada, Xosé Luís de Dios, Virxilio e Xabier Pousa. Tamén estiveron vinculados ó grupo os pintores Enrique Ortiz Alonso, Prego de Oliver, Vidal Souto e Alexandro, entre outros.

A Guarda: derradeiros anos e espazo de peche biográfico

 Un dos aspectos menos estudados, pero de especial relevancia, da súa biografía é a súa vinculación coa vila da Guarda.

 A Guarda convértese nos seus últimos anos nun espazo de residencia e referencia vital. Lonxe de ser un simple escenario final, a vila mariñeira funciona como lugar de ancoraxe tras unha vida caracterizada polo desprazamento continuo entre continentes, e conecta de maneira coherente coa súa sensibilidade visual centrada no traballo, na dignidade das comunidades populares e na vida portuaria.

 A súa presenza na Guarda forma parte tamén da memoria cultural local, onde a súa figura foi lembrada como a dun creador de proxección internacional que escollera este espazo como lugar de vida final.

Falecemento

 José Suárez Fernández faleceu na Guarda o 5 de xaneiro de 1974, no Hostal “Marti-Rey”, “entre as seis e as nove” da mañá, segundo consta na documentación rexistral da localidade. A causa do óbito foi certificada como “colapso (infarto de miocardio)”.

 No momento da súa morte, José Suárez levaba consigo unha carta co seguinte texto:

 A quienes de algún modo alcancen las molestias que ocasione mi muerte: ante todo, perdón por ocasionárselas.

 Suplico se me entierre en el cementerio de la ciudad o pueblo en donde fallezca, en la forma más modesta posible y sin acompañar oraciones ni ritos de religión alguna. Un féretro de madera sin pintar y una fosa común es cuanto deseo.

 Algún amigo al enterarse de mi muerte, tal vez escuche como recuerdo el REQUIEM DE FAURÉ.

 Como hace tiempo que hice de la muerte mi mejor amiga, estoy seguro de encontrarme con ella sin amargura.

 En cualquier lugar del mundo.

                    (Firma)       

 

 O seu falecemento pecha unha biografía marcada pola mobilidade internacional, o exilio e a construción dunha linguaxe visual moderna de alcance global, cun último capítulo desenvolvido en Galicia.

Consideración final

 A obra de José Suárez ocupa un lugar central na historia da fotografía galega do século XX. A súa produción sitúase entre o documentalismo e a modernidade estética, entre a experiencia local e a proxección internacional, configurando unha mirada que transcende fronteiras xeográficas e culturais.

 Por estes motivos, a Real Academia Galega de Belas Artes acordou no seu pleno do 28 de xuño de 2025 dedicar o Día das Artes Galegas de 2026 á figura de José Suárez, recoñecendo a súa condición de fotógrafo galego de maior proxección internacional.

 (…) A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188  dirixiu a colocación dos linteles do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2025 a figura homenaxeada foi o artista multidisciplinar compostelán Isaac Díaz Pardo.

 A Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos como ser considerado o fotógrafo galego máis internacional (…)”.

 En definitiva, a biografía de José Suárez, que comeza en Allariz e culmina na Guarda, pode entenderse como un movemento de expansión e retorno, no que Galicia funciona simultaneamente como orixe, espazo de referencia e lugar final dunha traxectoria profundamente internacional.

Fonte consultada:

https://josesuarezfernandez.wordpress.com


Exposición José Suárez. Vida e Obra

O ollar universal de José Suárez asolaga o porto da Guarda

 A vila do Baixo Miño prepárase para vivir un dos fitos culturais máis importantes do ano en Galicia. O vindeiro xoves 2 de xullo, ás 13:00 horas, inaugúrase no paseo marítimo do porto a exposición "José Suárez. Vida e Obra", unha homenaxe directa ao xenial fotógrafo de Allariz, elixido pola Real Academia Galega de Belas Artes como o gran protagonista do Día das Artes Galegas 2026.

 A elección da Guarda como escenario non é casual. O ambiente mariñeiro e a luz do Atlántico dialogarán directamente coas imaxes de Suárez, un creador que soubo retratar coma ninguén a dureza e a dignidade do mar, dos seus traballadores e da Galicia interior, sempre cunha ollada vangardista e profundamente humanista.

Un comisario de luxo para unha cita histórica

 A mostra chega avalada polo rigor e a sensibilidade do fotógrafo e académico Xurxo Lobato, quen asume as tarefas de comisariado. Lobato deseñou un percorrido visual que non só repasa as imaxes máis icónicas de José Suárez, senón que afonda na súa complexa traxectoria vital, marcada pola innovación técnica, o exilio e o compromiso inquebrantable coa arte fotográfica.

Arte accesible e ao aire libre

 A diferenza das salas tradicionais, a exposición aposta por un formato aberto e integrador:

Ubicación estratéxica: Ao longo do paseo marítimo do porto da Guarda.

Datas: Do 2 ao 30 de xullo de 2026.

Acceso: Totalmente gratuíto e dispoñible as 24 horas do día.

 Esta disposición urbana permitirá que veciños, visitantes e turistas integren a arte na súa rutina diaria, convertendo o paseo do porto nunha auténtica galería de arte contemporánea ao aire libre durante todo o mes.

Máxima expectación cultural

 Espérase que a inauguración oficial conte coa presenza de destacadas personalidades do panorama cultural galego e autoridades locais. Con esta iniciativa, A Guarda non só honra a memoria dun dos nosos fotógrafos máis universais, senón que se consolida como un referente do turismo cultural estival nas Rías Baixas. A conta atrás xa comezou para descubrir o mundo a través dos ollos de José Suárez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario