A vela latina guardesa, de Jairo Alonso Lomba: unha valiosa achega á recuperación da etnografía mariñeira da Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A terceira edición
da Rosegha, o encontro organizado
pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro para poñer en
valor o patrimonio marítimo guardés, acolleu a presentación do libro A vela
latina guardesa, da autoría de Jairo Alonso Lomba. A publicación constitúe
unha importante contribución á conservación e transmisión dun coñecemento tradicional
que forma parte da identidade mariñeira da vila.
O acto, presidido por unha réplica da vela da
histórica gamela de Manuel Lomba Gómez “Tilán”,
abriu coa intervención do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, quen
deu a benvida aos asistentes e declarou oficialmente inaugurada esta terceira
edición da Rosegha.
A continuación
tomou a palabra o patrón maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla, Rubén
Adrover Álvarez, encargado de presentar ao autor da obra. Na súa intervención
destacou o compromiso de Jairo Alonso coa conservación da cultura mariñeira e
coa transmisión dun saber herdado ao longo de xeracións.
E é que Jairo
Alonso Lomba representa a cuarta xeración dunha familia vencellada á arte de
armar as tradicionais velas latinas guardesas. Como el mesmo explicou, recolle
a testemuña do seu bisavó paterno “Tilán”, do
seu avó paterno Juan Alonso Pérez "Carlista" e do seu pai, Agustín Alonso Lomba. «Continúo coa tradición, sendo xa a cuarta xeración —ata onde
sabemos—, e espero que o meu fillo Simón
continúe tamén con este legado», afirmou durante a presentación.
O autor explicou
que a motivación principal da publicación foi evitar que estes coñecementos
desaparecesen. «Escribín estes
parágrafos coa intención de facilitar esta tarefa e de que os coñecementos
sobre as velas da gamela guardesa non se perdan. É tamén unha homenaxe ao meu
pai, Agustín, por transmitirme a maior parte deste saber», sinala no libro.
Durante
a súa intervención, Jairo Alonso subliñou que a obra é o resultado das
ensinanzas recibidas ao longo de moitos anos de navegación xunto ao seu pai,
Agustín Alonso, e a Anselmo Mon, dúas das últimas persoas da Guarda que
conservan un profundo dominio da navegación tradicional coa gamela guardesa.
«Eles son as últimas persoas que aínda quedan na
Guarda cos coñecementos e coa saúde necesaria para transmitir os segredos da
navegación coa gamela guardesa»,
explicou. A pesar dos seus 93 e 82 anos, respectivamente, ambos continúan
navegando. «Rexuvenecen cada vez que
collen a caña da gamela coa man», comentou con emoción.
Jairo
Alonso lembrou tamén como Agustín comezou a navegar antes da década de 1940,
cando as embarcacións saían a remo do porto da Guarda e, ao chegar á altura da
pedra do Xenete, izaban a vela para continuar rumbo aos caladoiros de pesca. Un
xeito de navegar que hoxe forma parte da memoria colectiva da comunidade
mariñeira.
Segundo destacou o
autor, foi precisamente grazas aos coñecementos conservados por Agustín Alonso
e Anselmo Mon que puido recompilar e documentar unha técnica de navegación e de
confección das velas que, moi probablemente, conta cunha orixe milenaria.
Ao longo das súas
48 páxinas, A vela latina guardesa ofrece unha completa aproximación a
este patrimonio inmaterial mediante abundante documentación gráfica, con
fotografías históricas e actuais, tanto en cor como en branco e negro, ademais
de ilustracións explicativas. Entre os capítulos abórdanse aspectos como a
evolución da vela guardesa, as características da vela latina, os diferentes
tipos de veleiros, o encascado, o corte e armado da vela, o seu manexo, o ninó,
a continuidade desta tradición, exemplos de velas, o cálculo da súa superficie,
a recompilación das marcas familiares e das gamelas dos seus antepasados, así
como os correspondentes agradecementos.
A edición destaca
tamén polo seu coidado apartado gráfico. A portada reproduce unha fotografía de
gamelas con velas tradicionais durante a homenaxe aos gameleros celebrada na
Rosegha 2025, obra de Cristina Domínguez, mentres que a contraportada amosa
unha imaxe das embarcacións navegando coas novas velas durante a edición de
2024, realizada por Laura Acevedo. A maquetación correu a cargo de Iván Lomba e
a impresión foi realizada por Imprenta Prelo, S.L., da Guarda.
Con
esta publicación, Jairo Alonso Lomba contribúe de maneira decisiva a un dos
principais obxectivos da Rosegha: recuperar, conservar e transmitir ás novas
xeracións un dos capítulos máis relevantes da tradición cultural, marítima e
etnográfica da Guarda. O libro convértese así nun valioso documento para
investigadores, afeccionados á navegación tradicional e para todas aquelas
persoas interesadas en preservar a memoria dun oficio e dun modo de vida que
forman parte da historia da vila.
A vela latina guardesa estará á venda en Altamar, Copy Quisqueya e Librería Cervantes, da Guarda.




Ningún comentario:
Publicar un comentario