BALONMÁN FEMININO
Rosane Serrano continúa a sumar mocidade ao cadro de persoal do Atlético Guardés
• A nova primeira liña completará este 2027 o seu contrato de dous anos co equipo baixomiñoto e convértese na sétima continuidade para o plantel
• A de Lemoa vai a pola súa segunda campaña na elite despois dun grande debut como anotadora e atacante da mano do club galego
Redacción Deportes/A Guarda
A moza Rosane Serrano é a sétima xogadora que se coñece que seguirá no Atlético Guardés a vindeira tempada 2026/2027. A primeira liña chegou ao equipo a pasada campaña asinando un contrato de dous anos que completará a partir de agosto coa ilusión de seguir a medrar na elite despois dun debut brillante da man do equipo baixomiñoto.
A de Lemoa é unha das promesas do cadro de persoal da Sangriña, pois o ano pasado o Club fixo unha grande aposta por ela en base ao seu desempeño coa Selección Española júnior e buscando brindarlle unha primeira oportunidade na primeira categoría. Pouco a pouco, Serrano foi sumando minutos e adquirindo táboas, aportando para os obxectivos do grupo e chegou a destacar de forma notable a nivel ofensivo. A nova primeira liña, de tan só 18 anos, deu ao Atlético Guardés 64 goles esta tempada, dirixindo o xogo como central en varios encontros e contribuíndo fundamentalmente dende os sete metros.
Por todo iso, o obxectivo para a tempada que entra é seguir a crecer e a aportar o seu gran de area nun plantel no que apunta a ser un efectivo chave no longo prazo.
Rosane Serrano é a sétima xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás que tamén continúan: Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro e Elena Martínez. Polo demais, tamén transcenderon as saídas de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e doutras seis atletas: Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha, Ariana Portillo, Lorena Téllez e Estela Carrera. Nos vindeiros días e antes do comezo da pretempada, o Club comunicará as demais xogadoras que conformarán o seu proxecto do ano que vén, así como a identidade do técnico que a dirixirá.
Rosane Serrano: “Teño moitas ganas de volver pisar A Sangriña e traballar para que a vila poid avolver vivir algo coma a final europea”
A moza Rosane Serrano amósase contenta por continuar no equipo baixomiñoto, contando que “o Club, as miñas compañeiras e a vila acolléronme moi rápido, o que fixo que A Guarda sexa un lugar especial” en tan só un ano. A extraordinaria tempada que viviu o equipo coincidindo co seu debut no plantel, explica a primeira liña, tamén foi unha grande oportunidade de aprendizaxe e unha razón de peso para afrontar este segundo ano con ganas: “Despois de chegar vivas a tódalas competicións ao final da tempada, puiden desfrutalas un pouco máis e entender a importancia que ten cada unha, o que é un motivo máis para seguir a traballar unidas e intentar facer un bo papel este ano”.
Se tivese que escoller un recordo, a de Lemoa queda coa vibrante loita polo título europeo. “Para min, a final da European Cup coa Sangriña a rebentar foi algo único, e pensar que este ano imos volver xogar en Europa é moi emocionante”, engade Rosane, como motivo final para concluír que “estou moi ilusionada e con moitas ganas de volver pisar o pavillón coas miñas compañeiras e de traballar para que a vila poida volver vivir algo así”.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario