BALONMÁN FEMININO
Carme Castro sumará o seu terceiro ano aportando talento galego ao Atlético Guardés
• A estremo dereito renovou o seu acordo co Club e xogará a súa terceira tempada na Sangriña
• A chapeleira é a quinta xogadora en continuar o seu camiño no equipo baixomiñoto o vindeiro curso
Redacción Deportes/A Guarda
Tras un mes de incerteza e desafíos para o Atlético Guardés, o equipo baixomiñoto retoma a súa conta pendente para a vindeira tempada e traballa agora por desvelar os nomes restantes para o seu proxecto 2026/2027. A quinta xogadora en renovar o seu acordo co Club para esta campaña é a estremo Carme Castro, que sumará o seu terceiro ano defendendo as cores guardesas e aportando talento galego ao cadro de persoal.
Castro, de 23 anos, quere seguir a acumular percorrido da man do equipo no que xa suma dúas tempadas medrando. A de Redondela demostrou nestes anos unha grande capacidade de adaptación, asumindo cada vez máis peso no cadro de persoala baixomiñoto para converterse nun dos seus grandes talentos mozos dende o estremo. Na pasada tempada a zurda deu 52 goles ao Guardés sumando as tres competicións nas que o conxunto militou, e brillando especialmente na fase final copeira e nas eliminatorias finais da European Cup. Ademais diso, co seu 1,72 de altura, Carme contribúe con creces ao grande labor defensivo que xa supón a especialidade das da Sangriña.
A chapeleira chegou á vila baixomiñota por primeira vez no 2023 para dar o salto á División de Honra. Dúas tempadas despois, quere seguir a sumar da man do equipo que lle está a permitir facerse un nome na máxima categoría, ao tempo que a considera peza esencial da identidade do seu proxecto.
Carme Castro é a quinta xogadora que o Atlético Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás tamén renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes e Ania Ramos.
Carme Castro: “Espero seguir a medrar deportiva e persoalmente aquí, e a aportar o máximo ao equipo”
A estremo do Guardés, Carme Castro, declarou estar “moi leda” de anunciar a súa continuidade no equipo miñoto. “Estes dous anos sentinme querida, valorada e, sobre todo, coma na casa”, relata a de Chapela sobre a súa experiencia vestindo a camisola branquivermella, da que destaca especialmente o apoio da bancada da Sangriña. “Poder defender estas cores rodeada dunha afección tan entregada fai que todo sexa aínda máis especial”, explica a zurda, que cualifica de “impresionante” a calor que o pavillón guardés lles fai chegar cada semana.
De cara ao futuro, Castro afirma que esta nova campaña é un “reto” que afronta “coa mesma ilusión e compromiso; espero seguir a medrar deportiva e persoalmente aquí, e a aportar o máximo posible ao equipo”. A atleta galega espera “grandes momentos” e un ano “apaixonante”, pero tamén “cheo de desafíos”. En calquera caso, as ganas xa son máis que palpables: “Estamos desexando comezar a traballar para seguir a levar o nome da Guarda e de toda a súa xente o máis alto posible”, conclúe.

Ningún comentario:
Publicar un comentario