17 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés sela a continuidade de Blazka Hauptman 

A eslovena sumará o seu cuarto ano defendendo as cores da Guarda despois dunha espectacular última campaña 

Hauptman é a décima renovación anunciada polo Atlético Guardés ata o momento 


Blazka Hauptman
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés anuncia a súa décima renovación. É a quenda da eslovena Blazka Hauptman, que tras unha última tempada de espectacular crecemento sumará en 2026 o seu cuarto curso defendendo a camisola baixomiñota e facéndose notar na elite española. 

 Dende que chegou no 2023, con tan só 21 anos, ata a pasada tempada, o crecemento físico e deportivo da de Liubliana foi impresionante. Máis desapercibida no lateral ata a última campaña, aínda que igualmente deixando boas sensacións sobre o campo, no exercicio 2025/2026 Hauptman foi artífice dun total de 77 goles sumando as tres competicións en que participou o Guardés, e destacando especialmente nunha fase final copeira onde quedou preto dos catro tantos de media por encontro. Ademais, a súa aportación foi por completo polivalente, erguéndose en piar do centro do 6-0 defensivo e freando ao rival con notable éxito. 

 Como recoñecemento ao seu compromiso e crecemento en nome do equipo, o Club decidiu apostar polo talento da eslovena por cuarto ano consecutivo e convertela así nunha das xogadoras con máis percorrido do cadro de persoal, nun momento no que por motivos económicos tivo que prescindirse da maioría de atletas estranxeiras. Para o futuro próximo, o obxectivo da internacional será seguir a aproveitar esta oportunidade na elite española para continuar a desenvolver o seu potencial físico, mentres fai da Guarda o seu fogar un ano máis. 

 Blazka Hauptman é a décima xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás que tamén continúan: Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez. 

Blazka Hauptman: “Despois de todo o que vivimos o ano pasado, tiña moitas ganas de continuar co grupo e seguir a desfrutar do proxecto” 

 A internacional eslovena do Guardés, Blazka Hauptman, afirma estar “moi leda” de seguir a formar parte do Club un ano máis. Celebra a súa renovación contando que “despois de todo o que vivimos o ano pasado, tiña moitas ganas de continuar con este grupo e de seguir a desfrutar deste proxecto”. 

 O equipo baixomiñoto foi a primeira aposta deportiva fóra do seu país natal para a lateral, e aínda que a adaptación inicial non foi sinxela, Hauptman séntese agora coma na casa. “A Guarda é un lugar único para vivir o balonmán; a afección apóianos dun xeito incrible e fai que cada partido sexa moi especial”, explica, motivo polo cal se sente “moi agradecida por poder formar parte deste Club” e con “moitas ganas de afrontar unha nova tempada chea de ilusión e de novos retos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario