17 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Elena Martínez asina a súa terceira tempada no Atlético Guardés 

A lateral valenciana é a sexta renovación do Club para a vindeira campaña 

A de Mislata pasará no 2026 o seu terceiro ano no equipo baixomiñoto, despois dunha grande tempada na que puido recuperar sensacións tras unha rotura de ligamento cruzado 


Elena Martínez
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés continúa a pechar o futuro do seu cadro de persoal para a tempada que está a punto de comezar. Nesta ocasión, o equipo baixomiñoto acordou a continuidade de Elena Martínez, un dos seus maiores efectivos ofensivos dende o lateral e que o vindeiro curso 2026/2027 será o seu terceiro na Guarda. 

 Martínez renova o seu acordo co club baixomiñoto con ganas de sumar outra grande tempada de boas sensacións. O pasado 2025 comezaba o seu segundo ano da man do conxunto galego, buscando recuperar a confianza e o ritmo de xogo trala rotura de ligamento cruzado que a apartou das pistas durante a súa tempada debut defendendo as cores guardesas. A recuperación foi máis que exitosa, coma así o demostra a cifra redonda de 100 goles que a de Mislata aportou ás arcas da Sangriña a pasada campaña, ou o brillante desempeño ofensivo que ofreceu co seu 1,78 de altura; e o próximo curso trátase de ampliar o seu camiño nun cadro de persoal no que continúa a facerse un oco importante. 

 A valenciana chegou ao Guardés no 2024, procedente dun Lobas Oviedo no que tamén destacara polo seu potencial anotador. O vindeiro será o seu terceiro ano na Guarda, e afróntao con ganas de seguir a aproveitar as súas aptitudes físicas para sumar nun proxecto máis ca ilusionante da man do campión de Europa. 

 Elena Martínez é a sexta xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás tamén renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos e Elena Martínez. 

Elena Martínez: “A miña primeira tempada foi moi dura, pero en todo momento sentinme moi apoiada e iso impúlsame a querer afrontar un ano máis” 

 A xogadora do Atlético Guardés, Elena Martínez, di estar “moi leda” de renovar unha tempada máis co equipo baixomiñoto, pois “a verdade é que para min significa moito poder formar parte deste grupo”. A calidade humana do grupo, explica a de Mislata, é precisamente un dos motivos que a levaron a tomar esta decisión. “A miña primeira tempada foi moi dura porque tiven unha lesión de xeonllo moi importante, pero en todo momento sentinme moi apoiada polo Club, polas miñas compañeiras e sobre todo, pola vila”, explica, “e ese é un dos motivos que me impulsan a renovar e a afrontar unha nova tempada”. 

 De cara ao futuro próximo, a lateral espera desta tempada que as súas sigan a ter como obxectivo “seguir a loitar por tódolos títulos, igual ca o ano pasado”, mentres non deixan de “seguir a gozar da vila, da Sangriña e da afección do Inferno”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario