BALONMÁN FEMININO
Sabina Mínguez seguirá a defender a portería do Atlético Guardés en 2026
• A nova gardameta continuará no curso entrante o contrato de dous anos co Club que asinou en 2025
• A de Mislata é a novena xogadora que o Atlético Guardés mantén con respecto á exitosa pasada campaña
Redacción Deportes/A Guarda
A portería do Atlético Guardés mantén a un dos seus efectivos chave para o 2026/2027. A nova gardameta Sabina Mínguez continuará no curso entrante co contrato de dúas tempadas que asinou na súa chegada ao club baixomiñoto, e espera xa parella baixo paus tras confirmarse a saída de Amandine Balzinc.
Mínguez, de tan só 22 anos, demostrou no seu primeiro ano vestindo as cores da Guarda unha grande capacidade de aprendizaxe e adaptación. Procedente da base do Rocasa Gran Canaria, a mislateña ofreceu o pasado 2025 unha brillante tempada debut na elite, marcando a diferencia baixo paus en momentos tan cruciais coma o pase á final da European Cup, así como complementándose á perfección coa súa compañeira Amandine Balzinc.
Coa saída da francesa, espérase que Sabina poida seguir a gañar peso nunha defensa da rede para a que se confirmou coma unha grande promesa nos últimos meses. O seu desempeño, ademais, chegou a ollos da Selección Española, formando parte de varias convocatorias enmarcadas no Proxecto 2029 do equipo nacional e participando no Campionato Mundial coas Guerreiras Universitarias. É por todo iso que o Atlético Guardés espera facer valer a súa continuidade mentres busca unha nova parella que volva facer encaixar as pezas precisas coa de Mislata.
Sabina Mínguez é a novena xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para a tempada 2026/2027, uníndose ás que tamén continúan: Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano e Nerea Gil.
Sabina Mínguez: “Teño moita ilusión de axudar ao Club a conseguir unha tempada importante e bonita”
A gardameta Sabina Mínguez explica que está “moi contenta e moi ilusionada” pola nova tempada que lle depara o seu segundo ano vestindo a camisola guardesa. “Teño moitísimas ganas de volver ver ás miñas compañeiras e a todo o equipo”, comenta, engadindo ademais que, tralas saídas anunciadas, “vai ser un equipo un pouquiño novo e teño ganas tamén de ver como conxenia e medra a medida que pasan os adestramentos”.
A mislateña espera grandes cousas para este ano, aínda que tamén recoñece que “a lembranza da tempada pasada será difícil de superar”. En calquera caso, o que máis destaca é esa ilusión por “poñerme ás ordes do novo adestrador e axudar ao Club para conseguir unha tempada importante e bonita, que todo o mundo poida gozar”.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario