17 de xul. de 2026

O ROSAL

A Feira do Viño do Rosal: a celebración do viño, o territorio e as persoas  

 A XXXIV edición abre as súas portas cun programa que combina viño, gastronomía, cultura e actividades para todas as idades, consolidándose como unha das grandes citas do verán en Galicia 


A XXXIV Feira do Viño do Rosal quedou oficialmente inaugurada esta tarde. Na imaxe, a alcaldesa do Rosal, xunto coas súas homólogas de Oia e Tomiño, os alcaldes de A Guarda e Tui, a presidenta da ELM de Camposancos o, pregoeiro, o presidente da Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e adegueiros, no brinde de apertura
Fotos:CFdoVdoR 
A alcaldesa do Rosal e o presidente da Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, co pregoeiro desta edición
Momento da posta en circulación do cuño, selo e sobre conmemorativos da XXXIV Feira do Viño do Rosal

Infogauda/O Rosal  

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal quedou oficialmente inaugurada esta tarde coa lectura do pregón a cargo do divulgador vitivinícola Antonio Candelas, dando comezo a tres xornadas nas que a praza do Calvario volverá converterse no gran punto de encontro arredor dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas. Antes do acto inaugural, Candelas participou na charla-coloquio O Futuro do Viño do Rosal, na que reflexionou sobre os retos e oportunidades do sector e sobre a importancia de seguir achegando a cultura do viño a novos públicos. 

 Durante a inauguración, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que a Feira do Viño «é moito máis ca unha cita para degustar viños». «Queremos que quen pase estes días polo Rosal marche cun sorriso e con bos recordos. Que descubra os nosos viños, desfrute da programación e comparta momentos coa familia e coas amizades, porque a Feira é, sobre todo, unha celebración das persoas e do orgullo que sentimos polo noso territorio». 

 Pola súa banda, o presidente da Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, Carlos Gómez, puxo en valor o traballo das adegas participantes e a importancia da feira como escaparate do territorio. «Cada edición é unha oportunidade para compartir coas persoas visitantes o resultado dun ano de traballo nas viñas e nas adegas. Detrás de cada copa hai dedicación, tradición e un profundo respecto polo noso territorio, e iso é precisamente o que queremos transmitir durante estes días». A edición deste ano reúne once adegas participantes e incorpora como principal novidade o Túnel do Viño, unha experiencia acompañada por un sumiller no Museo do Cabaqueiro que permitirá descubrir a diversidade dos viños do Rosal desde unha perspectiva máis divulgativa e participativa. 

 A programación da XXXIV Feira do Viño do Rosal está concibida para persoas de todas as idades. A feira ofrecerá durante toda a fin de semana concertos, espectáculos familiares, obradoiros, exposicións, visitas, actividades culturais e unha gran oferta gastronómica. Un programa que busca converter a feira nun punto de encontro, convivencia e celebración arredor do territorio e da súa identidade vitivinícola. 

 O compromiso coa sostibilidade mantense, consolidándose como un evento que aposta por un modelo máis responsable. Ao longo da fin de semana volverán implantarse medidas como o uso de vasos reutilizables para as bebidas distintas do viño, a recollida selectiva de residuos, a instalación de puntos de auga potable de libre acceso e o reforzo do servizo especial de autobuses. 

 O Rosal volverá abrir as portas da súa gran festa do viño para compartir moito máis ca unha copa. 

 Será unha fin de semana para descubrir novos sabores, reencontrarse, gozar da cultura e da música e seguir facendo da Feira do Viño un espazo no que o viño, o territorio e as persoas son as protagonistas. 

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal está organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e conta co apoio dos fondos europeos a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca. A colaboración destas entidades fai posible o desenvolvemento dunha cita que promove o viño do Rosal, o seu territorio, a súa cultura e o seu patrimonio. nvolvemento seu patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario