As Comunidades de Montes apelan á colaboración da veciñanza para preservar o Monte Trega antes do Domingo do Monte
Noé Ferreira-Rodríguez/A Guarda
As Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos, respectivamente, fan un chamamento á colaboración da veciñanza para contribuír á conservación e ao uso ordenado do Monte Trega durante as semanas previas á romaría do Domingo do Monte.
Na edición de 2025 producíronse numerosas reservas de espazos para o xantar con máis de quince días de antelación mediante a colocación de cintas, cordas e outros elementos que impediron durante semanas o uso normal de terreos comunais por parte doutras persoas. Esta situación, ademais de xerar numerosas queixas e conflitos entre a propia veciñanza, dificultou os traballos de limpeza, acondicionamento e mantemento que se intensifican nesas datas e afectou á imaxe dun Ben de Interese Cultural nun dos momentos de maior afluencia de visitantes ao municipio.
Cada ano as reservas de espazos realízanse con maior antelación polo que, para evitar que esta situación se repita, ambas Comunidades solicitan á veciñanza que contribúa a que o Monte Trega continúe sendo un espazo aberto e compartido por todas as persoas ata a celebración da romaría, evitando a instalación anticipada de cintas, cordas ou calquera outro elemento destinado a impedir ou limitar o uso do monte comunal. Neste senso, as comunidades de montes clarifican que o obxectivo non é impedir o uso do monte comunal, senón compatibilizar o normal desenvolvemento da romaría coa conservación e imaxe dun espazo catalogado como Ben de Interese Cultural.
Co ánimo de favorecer esta convivencia, as Comunidades de Montes tramitaron sendas solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que sexa este organismo, a través do persoal encargado da vixilancia do Monte Santa Trega, quen vele pola súa protección e tutela. Pola súa banda, o Concello de A Guarda, que obstenta a presidencia do Padroado Municipal do Monte Trega e coorganiza esta edición das Festas do Monte, comprometeuse a trasladar ao Servizo de Patrimonio Cultural en Pontevedra a mesma solicitude.
Finalmente, ambas Comunidades reiteran a súa plena disposición a colaborar co Concello da Guarda, coa Comisión de Festas e co conxunto do operativo de seguridade para garantir o correcto desenvolvemento do Domingo do Monte. Neste sentido, a Comunidade de Montes da Guarda puxo formalmente á disposición do Concello e dos responsables do dispositivo de seguridade os terreos comunais de Chans Novo para a súa posible utilización como aparcadoiro disuasorio co obxectivo de mellorar a circulación, a seguridade viaria e a capacidade de estacionamento durante a celebración, mentres que a Comunidade de Montes de Camposancos, como en pasadas edicións, puxo a disposición o Campo de Chans Vello para a súa utilización como centro de coordinación das forzas e servizos de emerxencias e seguridade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario