9 de xul. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

A Comunidade de Montes de Salcidos adhírese á campaña "Ollos no monte" para reforzar a prevención de incendios forestais 

 


Infogauda/Salcidos

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos súmase este verán á iniciativa "Ollos no monte", unha campaña de prevención e detección temperá de incendios forestais que busca reforzar a vixilancia e a protección dos espazos naturais durante a época de maior risco.  

 A adhesión a este programa responde ao firme compromiso da Comunidade de Montes coa conservación do patrimonio forestal e coa defensa dun monte que constitúe un recurso ambiental, social e económico de gran valor para a veciñanza.  

 No marco desta iniciativa, e ao igual que en veráns precedentes, estableceranse quendas de vixilancia continuada, tanto de día como de noite, co obxectivo de incrementar a capacidade de resposta ante calquera incidencia.  

 Así mesmo, organizaranse patrullas de control a pé e en vehículo que percorrerán o monte comunal para detectar de maneira temperá posibles conatos de incendio ou calquera actividade sospeitosa que poida supoñer un risco para o territorio.  

 Desde a Comunidade de Montes de Salcidos quérese agradecer a implicación de todos os comuneiros e veciños que colaboran nesta iniciativa, facendo posible un dispositivo baseado na responsabilidade compartida e na colaboración cidadá.  

 A entidade lembra que "a prevención é a ferramenta máis eficaz para evitar grandes incendios" e fai un chamamento á cidadanía para que permaneza atenta e comunique de inmediato calquera indicio de lume ou comportamento sospeitoso chamando aos teléfonos 085 ou 112.  

"O monte é a nosa vida e protexelo é responsabilidade de todos", afirman dende a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario