25 de set. de 2025

TURISMO

A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada de portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso para festexar o Día Mundial do Turismo 

Será de acceso gratuíto o interior de ambos castelos, con entrada libre ata completar a cabida


Vista do castelo de Soutomaior
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada de portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso para festexar o Día Mundial do Turismo. Deste xeito, o 27 de setembro será de acceso gratuíto tanto o interior de ambos recintos históricos como os seus xardíns, con entrada libre ata completar a cabida.  

 A través desta xornada será posible coñecer de xeito gratuíto o proxecto de musealización realizado pola Deputación de Pontevedra tanto no castelo de Soutomaior como no de Sobroso. No caso de Soutomaior, a visita permite aproximarse á historia do castelo e dos principais acontecementos que tiveron relación con el percorrendo as súas salas. Tanto a importancia da paisaxe, como a súa situación, as revoltas irmandiñas ou a historia de Pedro Madruga forman parte dun itinerario interactivo que conta con proxeccións audiovisuais.  

 No que respecta ao castelo de Sobroso, a visita tamén permite achegarse á historia do recinto percorrendo as súas diferentes salas onde se atopan materiais interactivos e pezas audiovisuais e que culmina co acceso á terraza, dotada con paneis informativos para identificar os diferentes elementos da paisaxe que o rodea.  

 O Castelo de Soutomaior ten abertas as súas portas ao todos os días de 10:00 a 21:00 horas ata o 30 de setembro. No caso de Sobroso, pode visitarse de luns a domingo en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, tamén ata o 30 de setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario