Presentación no IEM da "NOVA ARDENTÍA-17. DE RIBEIRA A RIBEIRA", a Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
• O venres, 26 de setembro, ás 20:00h, na Aula de Cultura Ponte de Rosas
IEM / Gondomar
O IEM e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, CULTUMAR, presentarán o vindeiro venres 26 de setembro, ás 20:00h, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, un novo número da revista Nova Ardentía. Trátase da décimo sétima entrega da publicación, que aparece desta volta, con máis páxinas que nunca e coordinada novamente por Emilio Xosé Ínsua, baixo o lema “De Ribeira a Ribeira” (pasando polo Val de Miñor).
Intervirán no acto, ademáis de Emilio Ínsua, Helena Pousa, Rosa Fernández Otero, e Antón Mascato, por parte do Consello de Redacción da Nova Ardentía; e Bruno Centelles que, como voceiro do IEM e de SOS Groba, presentará o artigo sobre a eólica mariña fronte á costa da Guarda.
A revista viu a luz nos eventos que precederon a celebración no porto de Ribeira, na ría arousá, do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais, concretamente entre os días 17 e 20 do pasado mes de xullo.
O retorno deste Encontro ao porto onde se celebrou en 1993 a primeira edición deu pé aos responsables da publicación para elaborar un número cheo de informacións e evocacións sobre a traxectoria da propia Culturmar.
Todas as persoas que exerceron a presidencia da entidade desde a fundación ata a actualidade (Dionisio Pereira, Xabier Trepat, Xaquín Cuíñas, Fernando Piñeiro, Vítor Fernández, Manuel García Sendón e Xosé Luís Sacau), así como destacados activistas como Lino Lema e os irmáns Ivone e João Baptista, deitan en artigos e entrevistas abondosa memoria e reflexión sobre a travesía colectiva realizada.
A carón desas páxinas consagradas a historiar e avaliar a travesía de Culturmar, outras colaboracións redundan, como en números anteriores, no estudo e divulgación das moitas e variadas facetas do devir relacionado cos mares e ríos.
O número 17 de Nova Ardentía ofrece un amplísimo abano de temas e puntos de interese, que se complementa con algúns traballos, asinados por Rosa Fernández Otero, Antón Mascato ou Bruno Centelles, que inciden en cuestións problemáticas e socialmente controvertidas (furtivismo, eólica mariña, piscicultura…).
É vontade dos promotores da revista poñer enriba da mesa e suscitar debate e reflexión sobre todo canto afecte ao medio natural que dá soporte á propia cultura marítima e fluvial, entendida en amplo sentido.
Aparecen neste número, igualmente, un artigo sobre a saga dos Xon, estirpe de mariñeiros de O Grove (irmáns Parada); outro sobre as factorías de salga que existiron na praia de Quenxe (Corcubión), debido a Santi Llovo; a crónica da recuperación do bote “Manuel” en Redondela (Xurxo Martínez); unha evocación do barco “Xurelo”, que se opuxo no seu día aos vertidos de residuos nucleares na foxa atlántica (Xosé Iglesias) e outro traballo sobre a problemática arribada da galera portuguesa “Patrocínio” ás costas galegas na centuria decimonónica (Aquiles Garea). Xaquín Lores rescata interesante documentación británica sobre a presenza de buques corsarios nas costas galegas ao longo do s. XIX.
Tamén se fai un repaso, noutros traballos inseridos no número, pola presenza humana ao longo da historia nas principais illas da costa galega (María Mesa) e pola riqueza piscícola do río Miño no seu tramo final (Carlos Antunes). O historiador Xavier Brisset achega unha nova entrega sobre o contexto e devir da chamada “guerra da sardiña” a comezos do s. XX. Escriben asemade neste número Lino J. Prieto, sobre a saga dos Pla-Avalle (armadores do Bueu do s. XIX) e Antón Niñe, sobre a experiencia dun mariñeiro de Foz na tráxica galerna cantábrica de 1961, respectivamente. Artigos sobre a literatura de Otero Pedrayo arredor dos ríos (Patricia Arias), a talasonimia da ría arousá (Helena Domínguez), o léxico mariñeiro na novela Antón e os inocentes de Ferrín (Fernández Rei), o cancioneiro popular de temática mareira (Carme Hermida) e o escultor Xoán Piñeiro (Cuqui Piñeiro) completan, na parte máis estritamente cultural, as case duascentas páxinas do exemplar, todo el ilustrado con magníficas fotografías, moitas delas antigas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario