Nova xornada de folga do persoal de residencias, centros de día e SAF pola dignificacións das súas condicións laborais
• Centos de traballadoras e usuarias desenvolveron mobilizacións ao longo do país para visibilizar a súa loita a pesar duns servizos mínimos abusivos
Infogauda / Galiza
As traballadoras das residencias privadas da terceira idade, centros de día e servizos de axuda no fogar están secundando este xoves a cuarta xornada de folga convocada pola CIG neste mes de setembro para demandar condicións salariais e laborais dignas. Para visibilizar a súa loita, e ante as dificultades que implica levar adiante unha folga con servizos mínimos abusivos, as traballadoras mobilizáronse en distintas localidades ao longo de todo o país e diante de numerosos centros residenciais, arroupadas ademais, polas persoas usuarias.
A CIG-Servizos fixo unha valoración positiva destas catro xornadas de folga, malia os abusivos servizos mínimos decretados, sobre todo no SAF. “Os cadros de persoal están ao límite, polo que cunha actividade mínima do 100%, practicamente ningunha persoa traballadora do sector pode exercer o dereito fundamental á folga”. Non obstante, sinala Adolfo Naya, da CIG-Servizos, as traballadoras das residencias e centros de día manifestan o seu apoio á folga saíndo protestar ás portas dos centros de traballo durante o tempo de descanso “para reclamar convenios dignos e salarios decentes”.
Denuncia o inmobilismo patronal, tanto no convenio de residencias privadas como no de axuda no fogar, cuxas mesas de negociación están paralizadas mentres a Xunta de Galiza segue a mirar para outro lado, ignora as súas responsabilidades e se desentende das condicións nas que se prestan uns servizos esenciais como o dos coidados ás persoas maiores e persoas dependentes.
No SAF, condicións “cada vez peores”
Nesta liña, Rosa Couto, traballadora e delegada da CIG no SAF de Vigo, reclamou a negociación do convenio do sector, que leva 12 anos caducado. “Cremos que xa é hora de que se senten, pero con seriedade e con vontade de chegar a acordos”. O fundamental para ela é rematar cuns horarios “incompatibles coa vida persoal” e levar a cabo as valoracións de riscos nos centros de traballo, co establecemento dun protocolo actualizado que garanta a seguridade das persoas traballadoras. “Prestamos servizo en domicilios nos que se producen ameazas, acosos e agresións”.
Tamén fixo fincapé na total ausencia de axudas técnicas “mesmo para mover a persoas de máis de 100 quilos de peso”. O que se traduce en problemas de saúde e lesións que as mutuas laborais ignoran “dicíndoche que son cousas da idade”. Por iso lamentou que nos 32 anos que leva no servizo non se conseguira unha mellora das condicións de traballo, máis ben ao contrario, “xa que penso que estamos cada vez peor”. Por iso animou a seguir coas folgas e as mobilizacións até conseguir que a patronal se sente a negociar.
Ratios insuficientes nas residencias
En canto ao sector de residencias e centros de día privados, Rosa Vila, xericultora no centro de día de Cogami en Vigo, sinalou como principal problemática os baixos ratios de persoal, até o punto de que nos días de folga o número de persoas traballadoras supera o existente en días normais. Esta escaseza de persoal provoca unha sobrecarga de traballo “brutal” que impide que as empresas poidan atopar persoal disposto a traballar nestas condicións laborais de precariedade derivadas dun convenio que expirou en 2024. Neste senso, lembrou que unha traballadora pode atender até 15 persoas ou máis. “Eu mesma, cando traballei nunha residencia, tiven que deitar unha noite a 25 persoas”.
“Moitas de nós cobramos por debaixo do salario mínimo, pero complementamos con pluses como antigüidade ou festivos e domingos”. O persoal ten que asumir tamén tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional. “As coidadoras temos que dar medicacións ao carecer de enfermeiras, e mesmo temos que atender pacientes con patoloxías psiquiátricas para as que non estamos formadas”. E denunciou que os centros de día están a acoller a persoas dependentes de grao 3 “cando non están preparados para atender este tipo de pacientes, polo que non se lle está a prestar unha atención de calidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario