24 de set. de 2025

A GUARDA

O ALCALDE DA GUARDA PERDE OUTRA SUBVENCIÓN, DE 60.000 € PARA AS INSTALACIÓNS DO CLUB DE REMO  

Anxo Baz (BNG). “Con estas  actuacións Roberto Carrero evidencia a súa incompetencia para dirixir o Concello da Guarda”  


Vista exterior das instalacións do Club de Remo Robaleira

BNG da Guarda

 O portavoz municipal  do BNG da Guarda, Anxo Baz, pon en coñecemento da sociedade guardesa a renuncia por parte do Concello da Guarda a unha subvención de 60.000€ do Fondo de Cooperación Local para concellos de menos de 15.000 habitantes, concedida para a mellora das instalacións do Club de Remo Robaleira.  

 O portavoz nacionalista considera que “a renuncia a 60.000 €  para levar adiante a mellora das instalacións deportivas do Club de Remo, constata o abandono das súas funcións do  alcalde Roberto Carrero  e do seu  socio de goberno e concelleiro de deportes, Celso Fariñas. Deixar  escapar outra subvención máis, neste caso para unhas instalacións que demandan melloras urxentes, pon de manifesto novamente a  incapacidade, deixadez e inoperancia  deste goberno”.   

 Baz afirma “estamos diante dun goberno e dun alcalde incompetentes para   xestionar nada, sen ningún proxecto para A Guarda, que de maneira reiterada desperdician recursos públicos e subvencións das que estamos tan necesitados”, e remata  concluíndo “con estas  actuacións Roberto Carrero evidencia a súa incompetencia para dirixir o Concello da Guarda”

Ningún comentario:

Publicar un comentario