A CIG non asina o acordo de carreira profesional en Povisa porque “penaliza, discrimina e precariza” o persoal
Infogauda / Vigo
A CIG decidiu non asinar o acordo sobre o regulamento de carreira e desenvolvemento profesional pactado no día de onte entre a dirección do hospital Ribera Povisa de Vigo e o resto de sindicatos integrantes do comité de empresa ao entender que “penaliza, discrimina e precariza” o persoal.
Entre os principais motivos que levaron a central sindical a rexeitar o documento salientan o feito de que penalizan os períodos de enfermidade, xa que as incapacidades temporais por enfermidade común ou por accidente non laboral restan dereitos. “Máis de 60 días ao ano penalizan, e contabilizan en períodos de seis meses, polo que non poden superar os 30 días por semestre; e se estás de baixa no momento do cobro non cobras, xa o recibirás máis adiante, se iso”.
A oposición da CIG ao acordo tamén se basea na discriminación das persoas traballadoras con peores soldos, que quedan sen carreira profesional até 2027 como mínimo. Os grupos 1 e 2 (persoal médico e enfermeiro) quedan encadrados provisionalmente en 2025-2026 só por tempo traballado. O resto de grupos (3, 4, 5 e 6) até 2027, e ademais avaliando obxectivos de 2026.
Ademais, dende a central sindical denuncian que se establecen unhas cantidades e obxectivos inxustos, xa que as cantidades son calculadas para xornada completa, pero a quen traballa a tempo parcial redúceselle a contía e non os obxectivos. O cobro da carreira non é seguro, depende da situación económica da empresa. E as subas das contías tamén quedan supeditadas a esta cuestión.
Finalmente, critican que se asinase que se pode perder a carreira no caso de abandonar a empresa antes de tempo e que a progresión da carreira non se consolide nin para os grupo 1 e 2, que a poden perder xa en 2026.
Ningún comentario:
Publicar un comentario